|
Actualidade CIG-Comunicación-
A intensa chuvia que caía sobre a vila de Ordes na mañá do pasado sábado non impediu que máis de 500 persoas exixiran solucións e os mesmos dereitos para os traballadores/as das auxiliares que os que teñen os das empresas principais das minas do carbón. Na manifestación, que rematou na Alameda de Ordes, participaron tamén o deputado nacionalista Fernando Blanco, os grupos municipais do BNG e do PSOE de Cerceda e de Ordes e o alcalde de Ordes. No percorrido da marcha os/as participantes corearon entre outras consignas “Fenosa, Limeisa, exiximos solución”, “Auxiliares solución” “Traballo digno na nosa terra” ou “Uns arrincan o carbón, outros levan os millóns”. O secretario comarcal da CIG de A Coruña e representante dos traballadores/as na Mesa da Industria Auxiliar do Carbón de Cerceda, Paulo Carril, foi o encargado de abrir o acto de peche da mobilización. Carril lembrou que precisamente nesa data cumpríase o 30 aniversario da histórica mobilización convocada polo nacionalismo en apoio ás reivindicacións dos veciños/as das Encrobas en A Coruña demandando unha solución a Fenosa ante as expropiacións forzosas das súas terras para poder explotar os filóns de lignito pardo que estaban no seu subsolo. O representante dos traballadores lamentou que “precisamente 30 anos despois estamos nós aquí para exixir diante de Fenosa unha solución que é de xustiza, máis logo de ter expoliado os nosos recursos naturais”.
“Diante do próximo peche da mina de lignito pardo de Meirama e diante da redución da actividade que representa para o conxunto das empresas auxiliares, a CIG e os traballadores/as das empresas auxiliares da mina levamos meses reivindicando alternativas e solucións á perda dos 220 postos de traballo directos que o peche da mina de Limeisa vai ocasionar. Somos traballadores/as da mina e reclamamos os mesmos dereitos e o mesmo futuro que se lle garante a todos os traballadores/as das empresas principais da Minas de Carbón do Estado español e de Galiza (Endesa e Limeisa). Por que somos discriminados os traballadores/as galegos da minaría do carbón? Por que somos marxinados os traballadores/as das auxiliares de Meirama? Reivindicamos coa xustiza e coa razón de ser quen estivemos desde hai anos, moitos desde o propio inicio da explotación da mina, traballando para que Fenosa (grupo ao que pertence Limeisa) se teña enriquecido e aproveitado dos millonarios beneficios obtidos da explotación do carbón en Meirama e da produción de enerxía na Central Térmica de meirama. Non podemos esquecer que as dúas primeiras minas de carbón galegas producen, en termos equivalentes, o 19% do carbón do Estado español, e que a produción de enerxía a través das Centrais Térmicas de Cerceda e As Pontes, fixeron e fan un gran favor para o desenvolvemento do Estado español. Reivindicamos que Fenosa, pero tamén o Ministerio de Industria (primeiro encargado de levar adiante o plano Miner II, que contén as alternativas para os peches das minas), así como o resto de Administracións (Xunta e Concellos), a súa responsabilidade diante das graves consecuencias laborais que estes peches representan para os Concellos afectados, principalmente Cerceda e Ordes. En definitiva, reivindicamos que Limeisa asuma o Acordo ao que chegamos na Mesa das Auxiliares do Carbón existentes na Consellaría de Industria. Reivindicamos a incorporación a Limeisa S.A. dos traballadores/as das empresas auxiliares que poidan acceder a unha prexubilación e un plano de recolocacións para o resto do persoal dentro do grupo Fenosa e dentro dun plano de emprego e reindustrialización da zona. Por todas estas razóns e reivindicacións convocamos esta manifestación. Agradecemos o voso apoio e a vosa asistencia. Non esquezamos que onde hai postos de traballo, hai vida e xérase riqueza para todas e todos”. |
||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/10/2006 |
||||||||||||||||||||||||
|