|
Actualidade CIG-Comunicación-
Reproducimos a continuación unha nota elaborada pola Secretaría Confederal da Muller da CIG e unha análise do Gabinete Técnico Confederal.
Desde a Secretaría Confederal da Muller da Confederación Intersindical Galega constatamos, unha vez máis, a través deste informe, a desigualdade que sofren as mulleres traballadoras, continuando sendo o colectivo máis castigado por esta reforma da Seguridade Social. As medidas acordadas non teñen un efecto neutro dende o punto de vista de xénero, e aínda que para todos e todas sexan negativas, prexudican maiormente ás mulleres. Esta última reforma da Seguridade Social segue sen considerar a situación real da muller traballadora, que se converte así, polo feito de ser muller (polo feito de ser obxecto de contratos a tempo parcial, polo feito de ter carreiras profesionais máis curtas, ao ter menos anos cotizados, salarios e bases reguladoras máis baixas) na principal destinataria desta medida negativa que restrinxe e dificulta o acceso á súa pensión de xubilación, nas cuantías das pensións de incapacidade permanente total, incluso na absoluta e na de gran invalidez. En calquera caso, dende a perspectiva de xénero parece que o novo criterio fomenta, de cara a cobrar a pensión de viuvidade, aquelas situacións nas que a muller non traballa fora da casa ou traballa a tempo parcial ou na economía submerxida. En definitiva, a nosa central sindical rechaza con rotundidade a sinatura deste acordo para reformar a Seguridade Social no que non se tivo en conta a situación de desigualdade que sofren as mulleres, e porque non representa avance algún para a clase traballadora no seu conxunto.
Luís Burgos Díaz-
Gabinete Técnico Confederal da CIG
Coa última reforma laboral abarataronse
os despedimentos, os empresarios están a receber cuantiosas axudas que chegan dabondo para financiar mesmo
o despedimento dos novos contratos indefinidos, e ademáis rebaixaronse as cuotas patronais da seguridade
social e do FOGASA. En xullo de 2006, asínouse outra reforma polos mesmos protagonistas (Governo central,
CEOE, CCOO e UGT), neste caso sobre medidas en materia de seguridade social, que incide e profundiza nas anteriores
reformas recurtando as pensións, facendo máis difícil o acceso ás mesmas e retrasando
a idade efectiva de xubilación. Se ata agora se esixían ter cotizados 4700 días para ter direito a unha pensión de xubilación, agora esixiranse 5.475, isto é, 775 días máis. Ista medida perxudica especialmente ás mulleres que soen ter unha carreira profesional máis curtas que as dos homes, por mor da crianza dos fillos e fillas, e doutras circunstancias que teñen relación co rol histórico e a desigualdade real que as mulleres padeceron e ainda padecen, inda que sexa en menor medida, na sociedade actual. En vez de considerar isas desigualdades de partida e tentar de correxilas, a través de medidas de acción positiva, o “Acordo” asinado non contempla nengunha discriminación positiva para as mulleres, sabendo como se sabe que van a ser as principais perxudicadas. Das persoas afectadas por esta medida, que non poidan ter acceso á pensión por carecer deses 775 días de maior cotización que agora se esixen, a maioría aplastante van ser mulleres. En vez de tomar medidas que correxiran esa situación histórica de discriminación, considerando, por exemplo, a integración das lagoas de cotización das mulleres a partir dunha certa idade, por mor do coidado de fillos ou de familiares, o “Acordo de medidas en materia de Seguridade Social” fai taboa rasa, sen distinción algunha desas circunstancias, perxudicando a sabiendas ás mulleres, especialmente a aquelas que estean próximas a xubilarse e teñan poucos anos cotizados porque se viron obrigadas a deixar os seus traballos en función da presión social e familiar que sobre elas se exerceu para que se dedicaran ao coidado da descendencia ou dos familiares, dela e do marido, con problemas de dependencia. Ise enorme traballo non recoñecido é tamén o que agora lles vai a perxudicar no caso de que non chegue a acadar os días de cotización necesarios para ter acceso a unha pensión de xubilación, aumentando así a súa dependencia do marido e/ou do entorno familiar cando chegue a súa idade de xubilación e profundizando así na feminización da pobreza. Como vimos, as mulleres van ser as maiores perxudicadas desta medida polo feito de ter carreiras profesionais máis curtas que as dos homes. Pero tamén van a ser máis perxudicadas polo feito de que o contrato a tempo parcial é un contrato que se utiliza especialmente para as mulleres, polos mesmos motivos e causas que antes comentabamos, o papel social da muller como coidadora das persoas dependentes (crianzas e maiores principalmente) e directora e executora gratuita da economía e tarefas domésticas. Pois ben todo isto non se contempla no “Acordo” e unha muller cun traballo a tempo parcial de meia xornada pode quedar sen pensión de xubilación a pesar de ter 20 anos cotizados. Se o contrato a tempo parcial é de menos horas e ademáis tivo que deixar o traballo durante certas épocas da súa vida, entón é prácticamente imposible que acceda á pensión de xubilación a pesar de traballar toda a súa vida. En realidade, os asinantes do Acordo deberían adoptar –pero está craro que non quixeron- os criterios xa establecidos neste tema polo Tribunal Constitucional e adiantándose ás circunstancias recoñecer que día cotizado debe ser igual a día traballado, para que tamén as traballadoras a tempo parcial poidan ter acceso á pensión de xubilación co mesmo tempo de cotización efectivo que as persoas que traballan a tempo completo (igual período de carencia). Pode ser que dentro de, poñamos por caso dez anos, a situación cambie e todas as mulleres traballen como asalariadas e compartan en pe de igualdade o traballo doméstico co seu home. Pero tamén poder ser que iso non sexa máis que un desexo ou ao mellor mera ciencia ficción. O certo é que esta última reforma da Seguridade Social segue sen considerar a situación real da muller traballadora, que se convirte así, polo feito de ser muller, na principal destinataria desta medida negativa que restrinxe e dificulta o acceso á súa pensión de xubilación. Segundo recoñece o texto do “Acordo”, con moita cara por certo, adóptanse diversas medidas que buscan evitar que a incapacidade permanente “convírtase nunha vía de acceso á protección para as carreiras de cotización insuficientes”. ¿E quen ten carreiras de cotización insuficientes ou máis curtas? Pois craro, principalmente as mulleres que de novo van ser as máis agraviadas por este “Acordo de medidas en materia de Seguridade Social”. Resulta que agora vaise ter en conta o número de anos de cotización para a cuantía da pensión de incapacidade permanente. O criterio de contributividade, reiteradamente repetido en anteriores reformas en lugar do de solidariedade, vaise aplicar tamén aquí para rebaixar a cuantía das novas pensións de invalidez, establecendo unha nova forma de cálculo en relación con toda a vida laboral efectiva e potencial. Deste xeito, o que se pretende é recurtar a cuantía da prestación para aquelas persoas que tendo xa unha certa idade, por exemplo máis de 50 anos, e tendo poucos anos cotizados, vexanse imposibilitadas para seguir traballando e teñan que acceder a unha pensión de incapacidade permanente. En principio este recurte da cuantía da pensión afecta a todo o mundo, pero polo que antes decíamos ista medida tampouco ten un efecto neutro en canto á perspectiva de xénero, xa que son precisamente as mulleres as maiores afectadas, porque as mulleres, sobre todo a partir desa idade, soen ter moitos menos anos cotizados que os homes. Poñamos un exemplo. Unha muller de 56 anos con 9 anos cotizados e cunha base reguladora a efectos da pensión de invalidez de 900 euros, actualmente cobraría, unha vez recoñecida a súa incapacidade permanente total, unha pensión de 675 €/mes. Coa nova medida, haberá que sumarlle aos 9 anos cotizados, os 9 anos que lle faltan para a idade de xubilación, o que nos resulta a cifra de 18 anos. Tendo en conta a nova fórmula de cálculo do “Acordo”, esa muller con incapacidade permanente cobrará 398,25 €/mes. Ou sexa que perderá 276,75 €/mes. Sen embargo, si esa muller tivese, por exemplo 25 anos cotizados, a súa pensión de incapacidade permanente achegaríase á actual, xa que ao considerar os anos efectivos e os potenciais, contemplarianse 34 anos como cotizados, aplicándoselle á base reguladora a porcentaxe do 98%, o que significaría que cobraría 661,50 €/mes. Pero ocorreque é fácil que un home de 56 anos teña cotizados máis de 20 anos ou de 25 anos, pero na realidade actual é moi difícil que unha muller teña esa mesma cotización, polo que o novo cálculo da pensión vai a perxudicar, como decíamos, especialmente ás mulleres, que ademáis de ter menos anos cotizados tamén teñen salarios, e polo tanto bases reguladoras, máis baixas. Está craro pois que co “Acordo” perxudicase especialmente ás mulleres non so nas cuantías das pensións de incapacidade permanente total, senón tamén na absoluta e na de gran invalidez. Ata agora a pensión de viuvidade considerabase como un direito do cónxugue supervivinte a recibir unha prestación económica, con carácter xeral, do 52% da base reguladora do causante. A porcentaxe podería ser do 70% no caso de que a viuva ou viuvo tivese cargas familiares, a pensión constituise a principal ou única fonte de ingresos e os rendementos anuais do pensionista non suprerasen determinada cuantía(12.4224,37 € si é menor de 65 anos ou 12.868,41 € si é maior desa idade). Ademáis a pensión de viuvidade é compatible con calquera renda de traballo da persoa beneficiaria e coa pensión de xubilación ou incapacidade permanente a que tivera direito. Pero o novo Acordo pretende “recuperar o seu carácter de renda de substitución e reservarse para aquelas situación nas que o causahabiente contribuía efectivamente ao sostenimento dos familiares superstites” .O criterio dominante entón vai ser o grao de dependencia que teña a viuva ou viuvo da persoa finada, o que implica que a pensión de viuvidade xa non vai a ter unha cuantía porcentual fixa, como ata agora, senón que estará en función dese grao de dependencia que, sen embargo, non queda nada craro con que criterios se vai a establecer. Hai que supoñer que cando se ten menor grao de dependencia cobrarase menos e cando se teña maior grao de dependencia debería cobrarse máis, pero todo iso ata agora queda no aire, pendente dunha nova reforma que xa se anuncia no propio texto do “Acordo”. En calquera caso, dende a perspectiva de xénero parece que o novo criterio fomenta, de cara a cobrar a pensión de viuvidade, aquelas situacións nas que a muller non traballa fora da casa ou traballa a tempo parcial ou na economía submerxida. Pero neste capítulo sí que existen algunhas cuestións concretas como as que continuación expoñemos, que son fácilmente interpretables e preocupantes en canto marcan unha tendencia do que será a próxima reforma: A) En caso de matrimonio, para acceder á pensión de viuvidade, nos supostos de morte do/da causante por enfermidade común, requerirase un período previo de vínculo conxugal de dous anos ou a existencia de fillos/as comúns con direito a pensión de orfandade. Se non se cumpren istos requisitos, concederase unha pensión temporal, cunha duración equivalente ao período acreditado de convivencia matrimonial. Parece querer evitarse por esta vía os casamentos que teñen como obxectivo asegurar a pensión de viuvidade para o cónxugue, normalmente de moita menor idade. Pero si isto é así habería que botarlle máis imaxinación, xa que o literal da norma é un endurecemento do acceso en caso de matrimonio que vai a provocar situacións de evidente inxustiza. B) Nos supostos das parellas de feito precisarase a constatación de convivencia mutua, estable e notoria, durante un período amplio (que se determinará posteriormente). No caso de existencia de fillos comúns con direito á pensión de orfandade precisarase ademáis dependencia económica da persoa convivinte coa persoa sobrevivinte en máis do 50% dos seus ingresos. Nos supostos de inexistencia de fillos/as comúns esixirase dependencia económica en máis do 75% dos ingresos. Neste caso, hai unha diferenciación discriminatoria inadmisible respecto das parellas unidas por matrimonio. C) Nos supostos de distribución da pensión entre a persoa viuva da finada con outra que houbese sido conxugue desta última, e da que no intre da súa morte atopábase divorciada, estableceranse as oportunas modificacións normativas en orde a que exista unha garantía do 50% da pensión en favor do cónxugue sobrevivinte, que cumpla os requisitos para acceder á mesma (dous anos de matrimonio ou existencia de fillos comúns con direito a pensión de orfandade). Ata agora a cuantía da pensión é proporcional ao tempo vivido en matrimonio coa persoa fallecida e a nova regulación pode dar lugar a situacións de penuria imposibles de defender. Supoñamos o caso típico dun home maior de 40 ou de 50 anos que se divorcia para casarse cunha muller máis nova. A divorciada, poñamos por caso de 45 anos, con dificultades para atopar traballo, despois de 20 anos ou máis de convivencia matrimonial co finado vai recibir o 50% da pensión, mentres que a muller actual, máis nova e con dous ou tres anos de convivencia vai recibir tamén o 50%. Efectivamente o tempo vivido en matrimonio pode non ser un criterio xusto, senón se atende ás rendas dispoñíbeis por cada muller (a divorciada e a actual viuva), pero a nova regulación tampouco resulta convincente e non supón nengunha solución ao non atender ás situacións económicas reais das mulleres que concorren como beneficiarias da pensión. Ata agora pódese acceder á xubilación parcial, sempre que a empresa realice un contrato de relevo, á idade de 60 anos, sempre e cando a isa idade se tiveran xa cotizados 4700 días. A xornada mínima a realizar pola persoa que se xubila parcialmente está establecida no 15% da xornada laboral. Pero co “Acordo” se endurecen notablemente estos requisitos. En primeiro lugar, haberá que ter 61 anos cumplidos. En segundo lugar será necesario ter 30 anos cotizados, e ademáis os últimos seis anos deben de ser na mesma empresa. En terceiro lugar, a xornada mínima a realizar será do 25%. Ista medida, que ao igual que a maioría das establecidas no “Acordo” intenta aforrar gastos á Seguridade Social, perxudica especialmente ás mulleres en canto que a cotización esixida pasa a ser de 30 anos (10950 días), o que vai a significar que moitisimas mulleres que tivesen a expectativa de acollerse á xubilación parcial ao cumplir os 60 anos porque, por exemplo, xa tiñan cotizados 13 anos, agora terán que esperar aos 61 e ainda así será imposible cumprir o requisito de cotización esixido, nada menos que 30 anos. Tamén aquí é verdade que a medida vai a afectar a moitos homes, pero sobre todo ás mulleres, xa que como sabemos teñen moitos menos anos cotizados, na grande maioría dos casos polo feito de ser muller e cumprir co papel que socialmente se lle asina e non porque así o decidiran libremente e en igualdade de oportunidades cos homes. O “Acordo de medidas en materia de Seguridade Social”, asinado polo governo central, a organización patronal CEOE e os sindicatos españois CCOO e UGT, ademáis do seu carácter globalmente negativo, non é neutro dende unha perspectiva de xénero e nas medidas especialmente perxudiciais son precisamente as mulleres traballadoras as máis afectadas. Primeiro, coa reforma laboral rebaixanse as cuotas patronais da seguridade social e do FOGASA e danse cuantiosas axudas á patronal, para uns meses despois, tomar medidas de reducción do gasto perxudicando ás persoas traballadoras, particularmente ás mulleres. Este criterio debe terse en conta non so á hora de analisar o texto do Acordo senón fundamentalmente á hora de dar o apoio aos principais culpabeis desta nova agresión contra a clase traballadora, que por certo, -¡que casualidade!- son todos homes, Zapatero, Cuevas, Fidalgo e Méndez. As medidas son inesplicables dende un punto de vista sindical e dende un punto de vista de esquerdas. Non debemos seguir tirando pedras contra o noso propio tellado. E imprescindible que nengunha muller apoie coa súa afiliación ou co seu voto aos sindicatos que unha vez máis, coa sinatura deste acordo, nen teñen en conta a nosa situación, nen consultan con nos, nen fan nada que para nos, como mulleres, represente un avance, nen tampouco para a clase traballadora no seu conxunto.
|
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/10/2006 |
||||||
|