|
Actualidade CIG-Comunicación-
A concentración deu paso á vista que tivo lugar perto das dez e media. Antes o secretario confederal da CIG, Suso Seixo, acudía ao Pazo de Xustiza de Ourense para amosar o seu apoio incondicional ao compañeiro Carlos Vázquez. Suso Seixo manifestou que "non é a mesma vara de medir a que se utiliza cando se atenta realmente contra os dereito dos traballadores por parte dos empresarios". Seixo sinalaba así que "existe moito rigor á hora de aplicar o Código Penal para perseguir aos líderes sindicais e non así á patronal". Así, denunciou o papel da Fiscalía en todo este proceso que cualificou de "elitista", xa que despois de que Carlos Vázquez fora absolto de atentar contra o dereito dos traballadores, a Fiscalía apelou reclamando tres anos e un mes de prisión para este sindicalista. Asemesmo, a empresa reclama 7.000 euros pola porta que caeu durante o piquete, case que nunha tentativa de tirar beneficio de todo este conflito. Nesta revisión do xuízo de novo Carlos Vázquez, integrante da Executiva Comarcal da CIG de Ourense, relataba o que acontecera no piquete da folga xeral do 20 de xuño de 2002. Aquel día, tras percorrer diferentes lugares, o piquete dirixiuse ao centro comercial Pontevella. Alí foron ao establecemento de "Pidolti", onde continuaba a actividade. O piquete permaneceu no exterior e co tumulto a porta viuse abaixo. A continuación dúas persoas, un deles encargado da empresa Pidolti, declararon que fora Carlos Vázquez o autor dos feitos, mesmo entrando en incoerencias con anteriores declaracións destas mesmas testemuñas. E máis contradictorias en relación ás declaracións dos empregados de Pidolti foron as declaracións dun policia autonómico e outro nacional que afirmaron que non existira intencionalidade por parte dos folguistas de derribar a porta. Mesmo o policía autonómico sinalou que el estaba ao carón da porta e que se viran empurrados polo tunulto, pero que non identificaban a Carlos Vázquez como responsábel dos feitos. A saída desta vista falamos con Carlos Vázquez para que avaliara o que foi esta revisión da súa causa. Así Carlos Vázquez incidiu no comportamento que a Fiscalía volveu ter neste caso, "que é un comportamento contra a clase obreira e que durante o xuízo todos puidemos escoitar como se ensañou contra o dereito á folga". Para o compañeiro da CIG de Ourense "este tipo de actitudes deixa claro o seu odio cara a clase obreira, e é que xa nos gustaría que actuaran nos mesmos termos cando hai accidentes laborais ou outro tipo de atropelos gravísimos contra os dereitos dos traballadores". Por último, Carlos Vázquez quixo agradecer o apoio recibido por todos os compañeiros da CIG, xa que sinalou sentirse arroupado, "sendo isto unha mostra de unidade e camaraderia moi importante". |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/10/2006 |
|||||||||
|