|
Actualidade CIG-Comunicación-
Para xustificar a recente reforma do sistema de pensións da Seguridade Social argúese que nun prazo aproximado de 40 anos ese sistema entraría en creba. Porén, no estudo, elaborado pola responsábel do Gabinete Técnico de Economía, Natividade López Gromaz, baixo o título “Análise de situación do Sistema Público de Pensións” e partindo dos datos da propia Seguridade Social, este argumento queda completamente desmontando. “Falan do forte avellentamento que vai ter a poboación no ano 40 ou 50, porque parece que até o ano 2030 non haberá problemas. En primeiro lugar é imposíbel saber o que ocorrerá dentro de 40 anos. En segundo lugar hai elementos que poden condicionar esa hipotética situación”, afirma López Gromaz. Estes elementos para a responsábel do Gabinete Técnico serían un incremento da natalidade, que se pode conseguir cunha campaña que en 20 anos xa tería froitos e o progresivo incremento da inmigración, que de momento parece imparábel e que pode, á súa vez, incrementar a natalidade.
A xustificación de creba do sistema xa se utilizou durante a década dos 90 para emprender reformas regresivas. Durante ese período marcábase como data tope o ano 2000. Porén, desde aquela até hoxe a caixa da Seguridade Social tivo superávit. Do estudo elaborado polo Gabinete Técnico de Economía tírase tamén que esta última reforma reduce as cotizacións á Seguridade Social de determinados colectivos de traballadores e traballadoras. Unha decisión sorprendente tendo en conta que destas cotizacións é do que se nutre, nun 90% o sistema de pensións. López Gromaz advirte tamén que se “o sistema ten superávit e a relación de cotizantes e pensionistas é suficiente, entón o único problema estaría nun conflito de intereses entre os empresarios e as xestoras dos plans de pensións, que so os realmente beneficiados de pór en entredito o sistema”. Para demostrar esta afirmación, realizouse unha serie da que se conclúe que se no ano 1999 había 1,9 cotizantes por cada pensionista, no ano 2005 había 2,3 cotizantes e sempre superávit, entón con só garantir ese 1,9 manteríase o sistema.
Sobre o informe elaborado polo Gabinete de Economía a CIG realizou unha avaliación na que salienta que este acordo empeora as condicións de traballo, recorta as pensións de viuvez, dificulta o acceso ás pensións, recorta as pensións contributivas, incentiva o traballo logo dos 65 anos, rebaixa as pensións dos novos pensionistas e reduce as prestacións á Seguridade Social. Para Fermín Paz Lamigueiro, secretario confederal de Servizos e Afiliación, alén do regresivo do Acordo, o máis preocupante é o secretismo co que se levou o proceso, “sen consultar cos afectados e agochando claramente as súas repercusións. A sociedade sabía que se estaba negociando, pero non o que se negociaba”. Nesta reforma que se impón exíxense 5.485 días cotizados, e dicir, 15 anos efectivos cando antes eran 4.700 os días necesarios. Ou sexa, que a cada persoa que se xubile se lle exixen 775 días máis. Segundo os cálculos feitos pola CIG isto vai supor que un 3% dos novos pensionistas serán privados do dereito a acceder a unha pensión. Paz Lamigueiro denuncia ademais que isto “causará un grave prexuízo ás mulleres, porque a súa vida laboral, de media, é máis curta, polo que non accederían ao dereito, e á mocidade porque accede tardiamente á vida laboral e moitos/as con contratos a tempo parcial”. Ademais, séguese considerando o traballo a tempo parcial como un 50% da xornada co que este tipo de contatros necesitarán un tempo de carencia maior. Neste sentido, Paz Lamigueiro sinala que os asinantes do Acordo eludiron a Sentenza do Tribunal Constitucional 253 de 2004, segundo a que se debería considerar día cotizado igual a día traballado. Tamén se dificulta o acceso á pensión por incapacidade permanente. Contabilízase o número de anos de cotización, pero alicando un criterio de maior contributividade. Deste xeito, cunha base reguladora no sistema de 1.000 euros, a pensión correspondente era de 750 euros por 14 pagas. Co novo sistema, con 1.000 euros queda unha pensión de incapacidade permanente de 577 euros, é dicir, pérdense ao mes 172,50 euros, ou o que é o mesmo, 2.415 euros por ano.
Diante destes datos non é de estranar que Fermín Paz cuestione se é realmente positiva a reforma e mesmo afirme que se está enganando aos traballadores e traballadoras. Máis aínda, con este Acordo mesmo se dificulta o acceso ás pensións de viuvez, xa que do punto de vista xurídico pasan de ser consideradas un dereito obxectivo a converterse en rendas de substitución. “O criterio que se impón é o grao de dependencia do cónxuxe que ten que ser de máis ou menos o 50%. Antes tíñase o dereito e agora verase recortada a pensión”, afirma Paz Lamigueiro. Tamén se efectúa un recorte para acceder ao contrato relevo ou xubilación parcial, que antes era aos 60 anos e agora pasa a ser aos 61, exixíndose unha antigüidade na empresa de 6 anos. Ademais antes esa persoa tiña que traballar un 20% e agora solicítase un 25%.
Esta medida é especialmente preocupante para a CIG xa que é claramente discriminatoria ao dificultar o acceso ao mercado laboral para os sectores máis desfavorecidos, novamente mulleres e mocidade. É óbvio que mentres se promove que as persoas de máis de 65 anos se manteñan no posto de traballo a cambio dun incremento dun 2% anual por cada ano de atraso, dificulta a inserción laboral de novos traballadores e traballadoras.
Ante estas medidas, a CIG conclúe que lonxe de mellorar o sistema esta reforma supón claros recortes para os dereitos adquiridos da clase traballadora. “Criticamos o aval sindical que se lle deu a este Acordo por parte de CCOO e UGT para minguar os ingresos dos pensionistas e ademais consentindo unha rebaixa dos ingresos á Seguridade Social e ao FOGASA”, di Paz Lamigueiro. A CIG entende que hai unha redución no gasto no sistema público e só se favorece a quen ten capacidade de aforro, un nivel salarial elevado e un emprego emprego indefinido. “Estes serán os únicos que poderán acceder a un sistema privado de pensións, que é de afondo polo que se aposta, gozando ademais de beneficios fiscais por subscribilos”. Para intentar desmontar a argumentación dos asinantes do Acordo e promover un debate social, a Executiva e o Secretariado Confederal da CIG teñen aprobada a posta en marcha dunha campaña que xa comezou con mobilizacións en algunhas comarcas e que continuará até final de ano de cara a, cando menos, tratar de evitar que intenten reeditar un Acordo destas características. Paz Lamigueiro engade tamén que “se trata de descubrir as manobras e a mingua de dereitos avalada por aqueles que se presentan como representantes dos traballadores/as. O sindicalismo institucionalizado e pactista cos gobernos de turno e a patronal en contra dos intereses dos propios traballadores/as”.
|
||||||||||||||
| Informacións relacionadas
|
||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2006 |
||||||||||||||
|