|
Actualidade CIG-Comunicación-
Desde as 11:00 horas do venres 29 de setembro até as 13:15 horas, os traballadores da mina do Serrabal impediron que se desenvolveran os labores de construción do trazado do TAV ao seu paso por Sergude. Os traballadores levan desde que se coñeceu a previsión de construír o trazado do TAV a carón da mina, demandando das administracións unha variante que permita a plena viabilidade desta explotación mineira para evitar, por unha banda, a perda de postos de traballo directos na mina, e pola outra, as posíbeis repercusións nas plantas de Ferroatlántica en Cee e Sabón. O actual trazado afectaría segundo Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, “de maneira directa aos bancos 0 e 1 que son os que contan coas maiores reservas de silicio solar, estimadas en 100 millóns de toneladas. A esta afección directa temos que engadirlle que, se ben a lonxitude da mina é duns 3 quilómetros, o trazado oficial durante case un quilómetro e medio non se aparta da mina nin tan sequera en 100 metros, exactamente 80”. Segundo consta en informes aos que tivo acceso a CIG isto implicaría que máis do 50% da mina podería verse afectada en función das distancias de seguridade que se determinen a efectos de poder facer explosións preto dunha infraestrutura deste tipo. Eses mesmos informes estiman a afección directa en preto dun 40% das reservas existentes, e aínda que fan referencia tamén á afección indirecta, non chegan a concluír ningunha distancia de seguridade “o cal é sorprendente”, afirma Noceda. Outro aspecto sorprendente deses informes –que xa datan da época de Álvarez Cascos á fronte do Ministerio de Fomento- é que se fala dunha variante sobre o trazado actual que se valora como a alternativa máis consistente nese intre e que apartaría dabondo o trazado sen afectar por iso a núcleos habitados. Esta alternativa implicaría a construción dun túnel duns 3 quilómetros. “O que chama a atención é que non exista, cando menos aos traballadores non lles consta, ningunha información sobre as razóns polas que esta alternativa se desbota”, explica Noceda, quen engade que “de todo o anterior podemos claramente concluír que a variante non só é posíbel senón que mesmo no seu momento o propio Ministerio de Fomento considerouna con forza. Ademais sería unha das alternativas que permitiría a plena viabilidade da explotación mineira e non ter que aboar unha importantísima indemnización a Villar Mir. Tamén entendemos que respectaría os intereses veciñais, xa que esta variante para nada ten que ver co chamado ‘trazado pantasma’ que non consta en ningún documento oficial”. Para a CIG, alternativas como as que se están a plantexar desde a Administración central, na procura dun acordo con Villar Mir e que contemplan unha indemnización ben económica, ben en especia, “para nada respostan aos intereses dos traballadores xa que con ese tipo de alternativas os postos de traballo seguirían en risco, alén de supor, na práctica, multiplicar cando menos por tres os custes reais do trazado vixente, así como a entrega dunha riqueza mineira do propio país a unha soa persoa”. Noceda tampouco considera xustificábeis as argumentacións en contra dunha modificación do actual trazado alegando que provocaría atrasos nas obras, máis cando segundo as informacións publicadas a respecto dos Orzamentos Xerais do Estado, as partidas consignadas permiten deducir que, no mellor dos casos, o trazado Lubián-Ourense -imprescindíbel para achegada do TAV a Galiza- non estaría rematado até dentro de dous anos, como mínimo. O secretario comarcal da CIG de Compostela lembra tamén que “a propia estación do TAV en Compostela está pendente de licitación aínda”. Por iso considera que “non cabe argüír posíbeis atrasos provocados por un cambio de trazado e aínda no suposto de que significase certo atraso, deberiámonos de preguntar se compensa manter esta fonte de riqueza para o país e os postos de traballo que xenera”. A CIG mantén, en todo caso, a súa demanda á empresa de maiores investimentos no desenvolvemento económico da zona na que está ubicada a mina así como a posta en marcha dos planos de recuperación medioambiental desta mina. Á vista destes datos Anxo Noceda sinala que “non sería entendíbel que se continuara a soster o argumento de que o trazado actual é o único posíbel, a non ser que detrás destas afirmacións se agoche realmente a intención de pechar de maneira definitiva esta explotación mineira, en cuxo caso os traballadores convidan a quen así o crea a dar o debate real e de fondo”. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/10/2006 |
||||||||||||
|