|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Nesa primeira volta, Lula da Silva tivo unha vantaxe de 7 puntos sobre o seu rival conservador, mais non foi quen de superar a preceptiva porcentaxe do 50% dos votos emitidos, ficando nun 48,6% dos sufraxios -con máis de 46 millóns de votantes–. As enquisas para esta segunda volta parecen situar a vantaxe entre un e outro en 20 puntos en favor do actual presidente, que andaría en torno ao 60% dos votos fronte ao 40% do presidenciábel do PSDB. Deste xeito, o candidato dereitista apenas mantería a porcentaxe acadada na primeira volta, mentres que Lula ampliaría en case doce puntos a súa posición inicial. Así as cousas, todo indica que os outrora votantes de opcións de esquerda (PSOL e PDT sumaban máis dun 8% na primeira volta) van optar por favorecer a elección de Lula, ante a posibilidade de que Geraldo Alckmin, cun programa de orientacións claramente neoliberais e anti-sociais, venza finalmente a disputa electoral. En definitiva, Lula vai acceder ao seu segundo mandato como presidente do Brasil mercé aos votos que se sitúan no espectro político da esquerda e contando co apoio da case totalidade dos movementos sociais actuantes no Brasil, comezando polo poderoso Movimento dos Sem Terra (MST), que sendo crítico co PT e coa xestión de Lula acabou por apoiar electoralmente ao actual presidente. Non parece unha cuestión menor que sexa precisamente a esquerda, a esquerda social e a esquerda política do Brasil, a que dea o seu voto de confianza unha vez máis a Lula e ao PT, que neste seu primeiro mandato levaron adiante unha política económica que non se diferenciaba demasiado das anteriores e dentro dos parámetros do neoliberalismo imperante a escala global. E en paralelo, realizaron unhas políticas sociais moi tímidas que non enfrontaron problemas de fondo para superar as desigualdades sociais existentes no país; mesmo a reforma agraria anunciada -e demandada con intensidade por amplos sectores do pobo brasileiro- non se deu concretado en mudanzas estruturais que permitisen un salto cualitativo nas condicións do mundo agrario do Brasil. De se confirmaren os resultados que prognostican as enquisas, Lula da Silva vai ter unha segunda oportunidade, concedida por unha maioría social que está a pedir a berros cambios nas políticas económicas e sociais do país. Nas súas mans e nas do PT (oxalá que xa ben lonxe das prácticas corruptas que se deron no primeiro mandato presidencial de Lula), pode estar boa parte dun futuro mellor para o pobo de Brasil. E non só iso, a nova vitoria de Lula de seguro vai ter repercusións de certa fondura no panorama latinoamericano, o que desde logo podería ser unha mala, moi mala nova para os designios imperialistas, e moi boa para os pobos e gobernos da área que enfrontan estes designios.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/10/2006 |
||||
|