Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 6 de outubro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Catalunya: eleccións á vista no ano cero do novo Estatuto

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


A estratexia envolvente na que van coincidir CiU e o PSC-PSOE deixará a Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) -e moi en menor medida a Iniciativa per Catalunya (IC)- o espazo das demandas soberanistas e seguramente tamén o da reivindicación de políticas de maior calado social, dado o encadramento de CiU nas teses neoliberais hoxe en voga.



  Carod Rovira, clic para aumentar
Estes últimos días diversos representantes da sociedade civil catalá (intelectuais, sindicalistas, profesores, etc) lanzaron publicamente a plataforma “Soberania i progrés”, que nace con dous obxectivos: promover unha iniciativa lexislativa popular (ILP) en prol da autodeterminación de Catalunya e iniciar unha campaña de desobediencia fiscal a Madrid. Parece evidente que ERC se non é a promotora desta plataforma soberanista si polo menos está a alentar a súa causa. En todo caso, a coincidencia de obxectivos é máis que evidente.
 
Os partidos cataláns están a quentar motores para as eleccións que van ter lugar no Principado o vindeiro 1 de novembro. Son as primeiras despois da aprobación polo Parlamento catalán dun novo texto estatutario que, finalmente, foi “convenientemente recortado” nas Cortes Xerais do Estado. Recortes atribuíbeis ao xacobinismo do PSOE, partido que que contou coa inestimábel colaboración de Convergència i Unión (CiU) nesta tarefa, máis preocupada a coalición catalanista de buscar a alternancia política en Catalunya que de consolidar un marco político no ronsel do soberanismo para a nación catalá.

Amortizado Pasqual Maragall, o PSC resitúase nunha liña de menor catalanismo e opta á presidencia da Generalitat cun candidato, o ex ministro español José Montilla, que dificilmente vai poder chegar a un sector importante de votantes do PSC, situados nun nacionalismo de corte federal e que vían no anterior President un referente claro. Trátase, polo tanto, dunha aposta na que calquera veleidade nacionalista por parte do PSC vai estar plenamente controlada por Ferraz, onde o galego Pepe Blanco cociña un guión preestabelcido ao gusto de Zapatero e compañía. A autonomía da que sempre fixo gala o PSC respecto do PSOE vai quedar presumibelmente en entredito no novo tempo político que se abre para esta formación.

Obviamente a gran beneficiada vai ser CiU, que, cun Mas fortalecido tras o seu abrazo de oso co presidente español Rodríguez Zapatero para pactar un Estatuto á baixa, está en condicións de encabezar outra volta o Goberno en Catalunya. Todo semella que se trata dun escenario perfectamente estudado entre o PSOE e CiU para que o resultado das urnas dea lugar a un goberno de coalición entrambas as forzas, no que o segundo dos partidos teña a responsabilidade de formar goberno e, polo tanto, de transitar os primeiros anos de desenvolvemento estatutario. Así, os devezos nacionalistas de CiU quedarían sometidos á vontade da xestión dun Goberno bipartito, coas tensións lóxicas e coas cesións oportunas. Tamén así, o PSOE a nivel de Estado deixaría de sufrir desgaste fronte ao PP na súa acción de goberno, como aconteceu coa última lexisltura en Catalunya. Mesmo non sería desbotábel que CiU volvese a proporlle ao PSOE a súa incorporación ao Goberno de Madrid.

Esta estratexia envolvente na que van coincidir CiU e o PSC-PSOE deixará a Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) -e moi en menor medida a Iniciativa per Catalunya (IC)- o espazo das demandas soberanistas e seguramente tamén o da reivindicación de políticas de maior calado social, dado o encadramento de CiU nas teses neoliberais hoxe en voga.

Certo é que ERC non o vai ter doado. A súa participación no anterior tripartito de Maragall e a súa coherencia a respecto do texto estataturio emanado do Parlament catalán (que levou a esta forza a pedir o ‘non’ no referendo do Estatuto) son elementos que contribuíron a que Esquerra fose albo preferente da “brunete mediática”, por dicilio na feliz expresión utilizada polo ex presidente do PNV para se referir ao papel que xogan boa parte dos medios de comunicación no Estado español.

A demonización de ERC foi patente, malia que esta forza política no actual momento histórico está a optar por unha vía pragmática en canto ás súas reivindicacións, o que fixo precisamente que decidise cogobernar co PSC no canto de o facer, na pasada lexislatura, con CiU. Unha decisión nada doada que deu os resultados que deu, dito sexa de paso. Mais a política tamén é iso: apostar e arriscar na defensa duns principios e duns valores. A soberanía nacional de Catalunya ben o vale. E parece que así o están a ver amplos sectores do pobo catalán.

De feito, estes últimos días diversos representantes da sociedade civil catalá (intelectuais, sindicalistas, profesores, etc) lanzaron publicamente a plataforma “Soberania i progrés”, que nace con dous obxectivos: promover unha iniciativa lexislativa popular (ILP) en prol da autodeterminación de Catalunya e iniciar unha campaña de desobediencia fiscal a Madrid. Parece evidente que ERC se non é a promotora desta plataforma soberanista si polo menos está a alentar a súa causa. En todo caso, a coincidencia de obxectivos é máis que evidente. E se CiU arromba de xeito definitivo o seu discurso soberanista, será necesario sumar o máximo de esforzos posíbeis, de forzas políticas, sociais, sindicais, etc, en favor dos dereitos políticos de Catalunya, xustamente no ano cero do seu novo Estatuto.


Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/10/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta