Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 20 de outubro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
O día en que o conselleiro da Presidencia teimou en dicir ‘La’

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


A actitude Méndez Romeu non é inocente. Máis alá das súas convicións persoais sobre o asunto (neste caso, o españolismo rampante ben que se lle supón), o conselleiro da Presidencia está en pre-campaña electoral e sabe que esa baza, a do españolismo, pode seguir a cativar a votantes da dereita na cidade da Coruña que sempre tiveron en Francisco Vázquez o seu referente á hora de despositar a súa confianza política.



  Pérez Touriño e Méndez Romeu, clic para aumentar
Así é que o señor Méndez Romeu botou a lingua a pacer e con tanta falta de fortuna. Falará o presidente da Xunta e xefe do seu partido para reprender esta actitude? Estará obrigado a facelo e sería ben que o fixese.
 
Coma quen non quere a cousa, o conselleiro da Presidencia, señor Méndez Romeu, decidiu abrir unha nova fronte na guerra pola restauración do topónimo ‘A Coruña’. Do seu particular chapeu, tirou unha fórmula que seica arranxaría o conflito, que non é outro que a pertinaz obsesión dalgúns por teimar na denominación españolizada ‘La Coruña’ para se referir á cidade herculina.

Méndez Romeu acaba de propoñer deixar en punto morto o artigo da Lei de Normalización Lingüística que consagra que os topónimos terán como única forma legal a súa denominación en galego, que é coincidente coa súa forma histórica. Nese sentido, o conselleiro recolle a teima españolista do ex alcalde coruñés (hoxe embaixador no Vaticano), Francisco Vázquez, produto dunha concepción negadora de Galiza como realidade lingüística, política, histórica, social, cultural... Certo é que esta teima co topónimo lle leva custado ás arcas públicas coruñesas unha inxente cantidade de diñeiro en procesos xudiciais, nos que a razón legal sempre acaba por caer dun único lado, do da legalidade estabelecida arredor do topónimo en galego, A Coruña.

No seu momento, Paco Vázquez e a maioría da corporación coruñesa (en plena coincidencia do PSOE co PP, e co BNG en fronte) xa fixeron unha interpretación alegal da chamada Lei das Grandes Cidades, para tentar modificar a vixencia de ‘A Coruña’ como única forma legal para o topónimo da cidade. Con todo, agardábase que a saída do ex rexedor da capital herculina cara ao seu novo cargo no Vaticano ía supor a normalización deste asunto, e por fin A Coruña podería ser A Coruña sen distorsións ideolóxico-lingüísticas. Mais parece que non vai ser así.

Dunha banda, o substituto de Vázquez á fronte do Concello coruñés, señor Javier Losada, segue optando por empregar habitualmente o nome deturpado da cidade no exercicio do seu cargo, o que é reflexo dunha actitude intolerante e fanática, máxime cando non deixa de ser un representante público, que non só debería ser respectoso coa lei senón que debería velar polo seu cumprimento.

Doutra banda, Méndez Romeu, que ocupa un cargo de tanta relevancia no Goberno da Xunta (mesmo á súa Consellaría está adscrita a actual Secretaría Xeral de Política Lingüística), que de súpeto deu en desenfundar a súa espada dialéctica xa non só para subverter a legalidade vixente, senón para atacar con ferocidade aos sectores que si a defendemos, non tanto por ser a norma legal en curso senón por respectar a nosa identidade lingüística e histórica. De seguro que a actitude Méndez Romeu non é inocente. Máis alá das súas convicións persoais sobre o asunto (neste caso, o españolismo rampante ben que se lle supón), o conselleiro da Presidencia está en pre-campaña electoral e sabe que esa baza, a do españolismo, pode seguir a cativar a votantes da dereita na cidade da Coruña que sempre tiveron en Francisco Vázquez o seu referente á hora de despositar a súa confianza política.

É posíbel que as enquisas que manexa o PSOE en Galiza sinalen que a maioría absoluta da que viñan gozando na Coruña está en suspenso e só forzando a maquinaria e mantendo enganchados sectores da dereita é viábel manter esa cobizada maioría. Sen ela, veríanse abocados a un entendemento co BNG, que obviamente resultaría máis incómodo para o hoxe alcalde coruñés que a situación actual.

Así é que o señor Méndez Romeu botou a lingua a pacer e con tanta falta de fortuna. Falará o presidente da Xunta e xefe do seu partido para reprender esta actitude? Estará obrigado a facelo e sería ben que o fixese.


Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/10/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta