|
Actualidade / Opinión Silvia Bermúdez Pérez-
¿qué me pasa qu'eu non sei? teño medo d'un-ha cousa que vive e que non se vé. Teño medo á desgracia traidora que ven, e que nunca se sabe onde ven. (Rosalía de Castro, Follas novas). No ano 1279 a.C. Ramsés II era coronado faraón de Exipto. Cinco anos despois o faraón comezou unha gran campaña contra o vil rei hitita Muwatalli II para salvar ao pobo exipcio das súas bárbaras intencións. Esta ofensiva culminaría na célebre batalla de Qadesh, tendo como suposto resultado unha aplastante e épica victoria exipcia, grazas á actitude heroica do seu faraón. Ao parecer, cando todo semellaba perdido Ramsés II “... lanzouse ao galope, e afundiuse nas entrañas dos exércitos deses miserábeis hititas, completamente só...”(1), entón, na súa desesperación e soidade, lanzou unha oración ao ceo “apelo a ti, meu pai Amón, estou no medio de inumerábeis bárbaros que non coñezo. Todos os países aliáronse contra min, estou só, sen ninguén comigo...”(2). Conta a historia que os cascos dos seus cabalos pisoteaban aos moribundos hititas mentres disparaba unha e outra vez as súas certeras flechas contra eles. “Os perseguía como Baal no seu furor, e fería acá e acolá neles sen desmaiar”(3). Ramsés II asegurouse de inmortalizar a súa heroica batalla en impresionantes relieves, que podemos atopar na gran sala do templo nubio de Abu Simbel, ou nos templos de Tebas e Abidos, onde destaca, polo seu tamaño, a figura de Ramsés II arrasando ao enemigo. Perfecta montaxe escenográfica para glorificar ao victorioso faraón. Din que a historia está escrita polos vencedores, porén eu digo o seguinte: o que escribe a historia é quen se autoproclama vencedor. O certo é que a marcha de Ramsés II sobre Qadesh non foi un acto de defensa ante un ataque inminente do “maligno” Muwatalli II contra o pobo exipcio. O faraón quería asegurar o dominio das rutas comerciais en Asia e os hititas eran un obstáculo ás súas aspiracións. Compre saber que o Fillo do Sol deixouse enganar polo falso testimonio dos espías ao servizo dos hititas capturados polos exipcios. Craso erro que a piques estivo de custarlle a súa propia vida. Os hititas lanzaron un fulgurante e inesperado ataque, cercando o campamento de Ramsés II. Tras a desbandada do exército exipcio os arqueiros hititas estiveron máis pendentes do saqueo do campamento que de consumar a súa victoria. Entón apareceron os naharina, corpo de elite formado por mercenarios estranxeiros ao servizo de Ramsés II, forzando o repregue dos hititas. Finalmente, Ramsés II, tras recibir unha menxase enviada por Muwatalli, decide retirarse a Exipto, para non volver nunca máis ao territorio da batalla. Porén, podemos considerar como victoria a non consecución do obxectivo previsto? Alguén pode definir a retirada de Ramsés II como unha batalla ganada? A realidade é que as tropas exipcias nin tomaron Qadesh, nin fixeron botín de guerra (salvo os prisioneiros coas súas armas e cabalos), mentres que os hititas saquearon o campamento real. Foron as ansias de saqueo dos hititas e a chegada dos naharina o único que salvou a Ramsés II dunha morte segura. O legado de Ramsés II vai máis alá das inmortais pedras convertidas en arte polo cincel de persoas anónimas. Non foi a transcrición gráfica dunha aplastante victoria o que o triunfante faraón deixou ás xeracións futuras, senón a primeira demostración do poder da propaganda e da manipulación. A verdade filtrada e edulcorada, a invención de falsas ameazas para xustificar unha invasión como un acto en ben da paz (curiosa contradición), a autoproclamación como supremo salvador do mundo civilizado, esta é a verdadeira herdanza. Mentres o tempo deteriora lentamente a inscrición da pedra, os faraóns do presente perfeccionan o engano e as medias verdades para xustificar a súa expansión imperialista. O imperio do dólar impón o seu esquema de dominación, de explotación e de saqueo para salvagardar unha peculiar democracia imposta a golpe de uranio empobrecido. Toda persoa, entidade ou pobo que denuncie ese modelo de dominación é considerada extremista, radical, e automaticamente se sitúa no punto de mira da insaciábel rapina ianqui. Bush II, ao igual que Ramsés II, impón o seu imperio hexemónico a base de guerras, mentindo descaradamente ante o mundo. Se realizáramos o macabro xogo do “recurta e pega” da historia observaríamos como os personaxes do presente encaixan á perfección co vivido no pasado. Incluso o unicelular pensamento único ten que recoñecer que a historia se repite. |
||||
|
||||
|
|
||||
|
Notas: (1) Relato do seu escriba Penteaur, ditado probabelmente polo propio Ramsés II. (2) Idem. (3) Idem. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/10/2006 |
||||
|