|
Actualidade CIG-Comunicación-
Ás dez da mañá un grupo de sindicalistas convocados pola CIG cunha importante presenza de mozos e mozas, concentráronse diante da empresa Coaxis na rúa Florida en Vigo denunciando a realización dun concurso por parte da empresa no que os premios eran un contrato fixo e tres contratos temporais xunto con pequenas bolsas en efectivo ou en bonos de produtos conxelados. Durante toda a concentración, que se prolongou ata as 11:30 horas, coreáronse consignas contra a temporalidade e contra a actuación de Coaxis, por entender que atenta contra a dignidade dos traballadores e das traballadoras. “Queremos un traballo non un Gran Hermano”, ou “A temporalidade non é un premio” foron algúns dos berros máis coreados polas persoas alí concentradas. Para a CIG este concurso non era máis que unha selección de persoal que a empresa pretendía utilizar publicitariamente para beneficio propio, convertendo en involuntarias protagonistas ás persoas paradas necesitadas dun emprego. Por outra banda, a empresa publicitaba un contrato indefinido para quen gañara o concurso, cando na propia empresa hai traballadores/as con contratos temporais, o que supón un engano e incluso pode ser un fraude na contratación. Con todo, para a CIG un contrato temporal non é un premio, e lembran que o Sector de Telemárketing, ao que pertence esta empresa, caracterízase pola alta taxa de temporalidade. O Convenio Colectivo estatal autoriza ás empresas para que ata un 70% dos contratos do persoal de operacións sexan temporais. Varias persoas que estiveron no concurso destacaron o escaso número de participantes presentes finalmente no mesmo. Coaxis tivo a publicidade de balde que procuraba, pero non foi tan positiva como agardaba. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/11/2006 |
||||
|