ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 25 de novembro de 2006

Acto en Guillarei de reivindicación da memoria histórica e da loita campesina, o domingo 26 de novembro
Conmemórase o 84 cabodano dos Mártires de Sobredo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Monumento aos Mártires de Sobredo, clic para aumentar
O domingo 26 de novembro de 2006 en Guillarei (Tui), ás once da mañá, desde a carballeira de San Xosé en Sobredo terán lugar os actos de conmemoración do 84 cabodano dos Mártires de Sobredo. (Fotos: ©galizacig.com).
 
A Cofederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común organizan os actos da conmemoración do 84 cabodano dos Mártires de Sobredo, o domingo 26 de novembro de 2006 en Guillarei (Tui), ás once da mañá desde a carballeira de San Xosé en Sobredo.

A programación do acto é a seguinte:

11:00. Concentración na Carballeira de San Xosé (Sobredo).

11:30. Desprazamento até o Monumento.

12:00. Intervencións de Xose María Baamonde Canle, presidente do Instituto Galego de Estudos Veciñais, e de Edelmiro López Iglesias, director xeral de Desenvolvemento Rural.

12:30. Homenaxe á Irmandade Moncho Valcarce.

13:00. Clausura do acto.


  Monumento aos Mártires de Sobredo, clic para aumentar
O Monumento aos Mártires foi feito por iniciativa popular e esculpido por Camilo Nogueira nos tempos da II República, e os fascistas dinamitárono durante a guerra, e nos anos 80 outra vez por suscripción popular recuperouse parte do monumento que veciños e veciñas agocharan nos muros ou enterraran nas leiras, e encargouse o resto a un escultor.
 
A continuación reproducimos un pouco da historia desta data e porque se ven facendo este acto de recuperación e reivindicación da memoria histórica da loita campesina:


Os Foros

A meirande parte das terras cultivadas de Galiza, máis das tres cuartas partes, estaban sometidas a contratos de "Foro" desde a idade media. O foro era o contrato establecido sobre unha terra que se pagaba anualmente en especie (millo, viño, animais...) ou en diñeiro, condenando ao campesiñado a unha agricultura de subsistencia.

Xa a sociedade do século XIX era consciente de que esa "carga" gracias a cal nacera e medrara a fidalguía, impedía a modernización do agro galego, e para eliminala, a I República aprobara unha lei en 1873, derogada no ano seguinte por mor da presión dos arrendadores. A definitiva lei que lles permitiu ás persoas labregas seren donas das terras que traballaban (previo pago dunha indemnización) foi o decreto-lei de 25 de xuño de 1926.


As Sociedades Agrarias

Para eliminar os Foros xurdiron as Sociedades Agrarias; en 1912 xa había 117 sociedades na provincia de Pontevedra. Nas Asembleas e Congresos agrarios coma os de Monforte, Ribadavia, Redondela, Tui... establecíanse as liñas de actuación deste movemento (mitins, propaganda, boicot aos pagos, mobilizacións...).

-En xullo de 1922, no Congreso de Tui, decidiuse non pagar os Foros.

-O 6 de novembro foi detida a Directiva da Sociedade de Ribadelouro. En solidariedade coas persoas detidas declárase Folga Xeral no sur de Galiza.

-O 27 de novembro incautáronse os libros e chaves das sociedades de Areas, Randufe, Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Paramos, Baldráns e Caldelas.


Sobredo

-O 27 de novembro de 1922 preséntanse en Sobredo (Guillarei), xuíz e garda civil para embargar os bens dun veciño que non pagaba o Foro. A toque de campás, xuntáronse unhas dúas mil persoas da bisbarra. Ao disolver a forza pública a manifestación a tiros, houbo varias persoas feridas e resultaron mortas: Cándida Rodríguez, de Pazos; Joaquín Estevez Besada, de Soutelo; e Venancio González Romero, de Budiño.

Os feitos tiveron moita sona na prensa, parlamento, literatura, conferencias... O goberno decatouse entón da nesidade de darlle unha solución ao conflito agrario, o que levou á redención dos Foros. Foi entón, grazas á actitude loitadora e comprometida destas mulleres e homes do agro, que se conseguiu abolir un dos residuos da sociedade estamental e que condenaba en vida o campesiñado deste pais.

O Monumento aos Mártires foi feito por iniciativa popular e esculpido por Camilo Nogueira nos tempos da II República, e os fascistas dinamitárono durante a guerra, e nos anos 80 outra vez por suscripción popular recuperouse parte do monumento que veciños e veciñas agocharan nos muros ou enterraran nas leiras, e encargouse o resto a un escultor.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta