|
Actualidade CIG-Comunicación-
O secretario comarcal do sector de Telemárketing de Vigo, Serafín Otero, vén de facer público o rexeitamento a este tipo de actividades empresariais, por considerar que se trata dunha campaña publicitaria de Coaxis a conta de persoas que non teñen posto de traballo. Desde o sector de Telemárketing da CIG afirman que é lícito que calquera empresa faga unha selección de persoal, “outra cousa é convertelo nun espectáculo noxento coa colaboración de institucións públicas”. Alén diso, manifestan que se Coaxis ten postos de traballo fixos, en primeiro lugar debería regularizar os contratos temporais que poda ter neste momento xa que “en caso contrario estaríamos ante unha fraude na contratación”, advirten. Ademais lembran que non é a primeira vez que esta empresa pretende conseguir publicidade gratuíta nos medios de comunicación a costa da precariedade laboral xa que outra das súas iniciativas, publicitada polos medios de comunicación, foi un reallity show sobre a vida dunha teleoperadora nun call center. Ante esta situación, o sector de Telemárketing da CIG ten presentado unha denuncia ante a Inspección de Traballo, por entender que este concurso vulnera a dignidade dos traballadores e das traballadoras e en demanda de que se investigue a posíbel fraude na contratación. Reproducimos de seguido a nota de CIG-Telemárketing enviada aos medios de comunicación.
A empresa Coaxis ten posto en marcha o II Concurso de Telemárketing que terá lugar na cidade de Vigo o vindeiro día 2 de novembro. Os premios deste concurso serán un posto de traballo fixo e varios contratos temporais. Este concurso conta coa colaboración de varias institucións públicas e privadas. Desde a Confederación Intersindical Galega queremos facer público o noso rexeitamento a este tipo de actividades empresariais, por considerar que só se trata dunha campaña publicitaria da citada empresa a conta de persoas que non dispoñen dun emprego. É licito que calquera empresa faga unha selección de persoal, outra cousa é convertelo nun espectáculo noxento coa colaboración de institucións públicas. Se Coaxis ten postos de traballo fixos en primeiro lugar debería regularizar os contratos temporais que poda ter neste momento. En caso contrario estaríamos ante un fraude na contratación. Non é a primeira vez que esta empresa pretende conseguir publicidade gratuíta nos medios de comunicación a costa da precariedade laboral. Outras das súas iniciativas publicada polos medios de comunicación foi un reallity show sobre a vida dunha teleoperadora nun call center. Ante esta situación temos presentado denuncia ante a Inspección de Traballo por entender que este concurso vulnera a dignidade dos traballadores e das traballadoras e para que investigue o posible fraude na contratación.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/11/2006 |
|||||||
|