|
Actualidade CIG-Comunicación-
A sentenza do Xulgado do Penal absolvía a Carlos Vázquez, membro da Executiva Comarcal da CIG en Ourense, da petición do Ministerio Fiscal de tres anos e un mes de cadea por un suposto delicto contra os dereitos dos traballadores, condenándoo, porén, á pena de seis meses de multa a razón de 6 euros por día e ao pagamento dunha indemnización de 5.700 euros por un delicto de danos. A Executiva Comarcal da CIG de Ourense valora positivamente que non se aceptara o recurso do ministerio fiscal e sinala que “é absurdo acusar dun delito contra os dereitos dos traballadores o feito de exercitar o dereito a folga que temos os traballadores e traballadoras na lexítima defensa dos nosos intereses, como era o caso da Folga Xeral do 20 de xuño de 2002, que obrigou ao goberno a retirar o “Decretazo”. Porén, considera contraditorio que se ratifique a condena a un dirixente sindical ao pagamento dunha multa e indemnización por un incidente producido durante a actuación dun masivo piquete informativo que estaba exercitando os seus dereitos, dando a impresión de que se está a perseguir e castigar a participación de sindicalistas nas folgas. “Constatamos unha vez máis”, afirma o comunicado da Executiva comarcal, “que existe moito rigor á hora de aplicar o Código Penal para perseguir aos líderes sindicais, máis non é a mesma vara de medir a que se utiliza cando se atenta realmente contra o dereito dos traballadores por parte dos empresarios, e poñamos por caso as situacións que se están dando no referente á sinistralidade laboral. Cantos empresarios hai axuizados e condenados por incumprimentos das normas de seguridade no traballo?”. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2006 |
||||||||||||
|