|
Actualidade CIG-Comunicación-
O único acordo que se chegou a pechar neste período foi a creación do Instituto Galego de Saúde Laboral. Alén diso, goberno, CCOO, UGT e patronal asinaron, sen a CIG, outro acordo sobre a reforma do Servizo Público de Emprego. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que a central rexeitou esta proposta porque nela se facían referencias a bonificacións á contratación con carácter xeneralizado. Unha política que vén aplicando a Administración central, recollida nos sucesivos acordos de reformas laborais apoiadas pola patronal, CCOO e UGT, e que non ten acadado os obxectivos previstos. “Non estamos de acordo con ese tipo de políticas”, explica Seixo, “porque por esta vía as empresas recibiron moitos miles de millóns de euros sen que iso repercutira nunha redución efectiva dos índices de contratación temporal, que seguen a ser altísimos”. Alén diso, esa reforma do Servizo Galego de Emprego abre unha vía de contratación en prácticas ao sector privado sen que se aclare en que condicións se vai realizar e pretende definir planos de emprego comarcais sen que se teña chegado previamente a un pacto a nivel de Galiza, algo que para a CIG carece de sentido. Outro dos acordos acadados é a creación dun complemento para que todos aqueles parados e paradas que non cobren ningún tipo de prestación e que participen en itinerarios a nivel laboral. Porén, nin se fixa a contía nin se especifica a que colectivos estaría destinado. A CIG valora negativamente que só se estea mantendo unha certa dinámica de traballo en dúas das seis mesas constituídas, o que leva a concluír que, a curto prazo, non se chegará a avanzar de cara a acadar ese necesario acordo galego polo emprego. Parello a isto, desde a Administración seguen a publicarse ordes e proxectos de lei que inciden no contido das materias que se están a tratar nas diferentes mesas pero sen avaliación algunha por parte destas. Nin sequera foron valoradas as partidas orzamentarias destinadas a esas materias nos presupostos para 2007. No mes de xuño, a Confederación Intersindical Galega promoveu a convocatoria da mesa de Coordinación, onde están todas as consellarías afectadas, sindicatos e patronal, para demandar un cambio na dinámica de traballo. Dinámica que, malia esa xuntanza, non mudou con respecto aos meses anteriores. O secretario xeral da CIG explica que desde a central se concibían esas mesas co fin de acadar un Acordo Galego polo Emprego. Lonxe diso, as mesas téñense convertido “en mesas de diálogo permanente entre Administración, sindicatos e patronal a onde se levan todo tipo de temas sen que se teña planificado, sequera, unha temporalidade no debate dos mesmos”. Suso Seixo afirma que “esa dinámica para nós non serve e non estamos dispostos a aceptala porque é prexudicial para a nosa organización porque nos implica moito esforzo e moitos cadros ademais de supor estar avalando unha dinámica de diálogo que non deriva en avances concretos”. A CIG fai un chamamento para que desde a Administración se presente un borrador no que se recollan as propostas do Goberno para a creación de emprego de calidade en Galiza sobre o que traballar e sobre o que cada unha das partes implicadas poidan facer aportacións. Alén diso, a CIG entende que terán que abrirse outras canles de negociación para tratar temas pendentes que afectan á clase traballadora galega que “evidentemente son do noso interese e que teremos que tratar coas administracións ou coas outras organizacións sindicais se é o caso”, indica Seixo. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2006 |
||||
|