|
Actualidade CIG-Comunicación-
Desde estas conferencias, o secretario nacional da Federación da Construción e Madeira, Xosé Xoán Melón, anunciou a convocatoria nos vindeiros meses dunha campaña de mobilizacións para denunciar a situación dos traballadores/as das canteiras e urxir solucións á problemática actual. Nesta xornada participaron técnicos como Manuel Gil Fernández, xefe da unidade de Medicina do Traballo do Centro de Seguridade e Saúde Laboral de Rande, que abordou aspectos sanitarios e de prevención desta enfermidade, e políticos como os deputados do BNG no Congreso en Madrid Francisco Rodríguez e Olaia Fernández, que trataron as dilixencias que se teñen feito desde este grupo parlamentar para que se tiveran en conta as reclamacións dos traballadores galegos ao respecto da silicose. Xosé Xoán Melón, secretario nacional da Federación do Metal da CIG, explicou as iniciativas que esta central sindical nacionalista vén desenvolvendo desde o ano 2000, tanto desde a vía institucional como a de concienciación e mobilización dos traballadores e traballadoras. Na actualidade hai catro obxectivos na cuestión da silicose fundamentais:
Neste sentido, Melón anunciou a convocatoria dunha mobilización no mes de xaneiro na zona de O Porriño xa que “hai un sentir pola base dos traballadores en que hai que solucionar este tema, porque é unha cuestión de vontade política e nisto estamos a xogarnos o noso futuro”. Na Mesa redonda de pola tarde, coordenada por Anxo Pérez Carballo, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, representantes das consellarías de Industria e Traballo explicaron e presentaron o programa estratéxico contra a siniestralidade. A comezos do vindeiro ano comezarán a traballar os inspectores de Industria para vixiar todas as cuestións de prevención laboral. No debate desta Mesa, por parte dos traballadores e traballadoras recriminouse a lentitude coa que se están a tomar medidas neste importante problema. Na sesión de clausura da xornada participou Antolín Alcántara, secretario confederal de Saúde Laboral e Negociación Colectiva. Para Alcántara “resulta escandaloso que teñamos un problema de tal magnitude con evidencias claras de que hai moita xente enferma nas canteiras de O Porriño, no século XXI, e que está claramente asociado ás condicións de precariedade do traballo”. Así tamén salientou que “a xente enferma continúa a traballar xa que non se lle deron alternativas ou medidas paliativas nin compensacións”. Antolín Alcántara tratou tamén o tema da querela criminal que a CIG interpuxo contra as mutuas por non ter detectado nin un só caso de silicose nos recoñecementos médicos que están obrigadas a realizar aos traballadores/as, e que son uns recoñecementos mal feitos porque deliberadamente non aparecen casos de silicose. O Fiscal desestimou a petición da CIG porque entende que neste ámbito non pode actuar a Administración e non hai infracción. Alcántara anunciou que a CIG está a preparar unha demanda directa ao penal e incidiou na convocatoria dunha resposta sindical e mobilizadora a este problema. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2006 |
||||
|