|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Os resultados electorais dos comicios cataláns -nos que se puido deixar sentir un incremento notábel da abstención e dos votos en branco-, aínda que eran esperábeis, supuñan varias posibilidades de pacto á hora de formar goberno. CiU, como forza política máis votada, acariñaba a idea de volverse facer co Generalitat neste segundo intento da era ‘postpujolista’. A súa primeira opción era converxer no executivo co PSC de Montilla, o que garantía un goberno certamente estábel en canto aos apoios parlamentarios. Ao tempo, facía unha chiscadela a Rodríguez Zapatero para mesmo chegar a incorporarse ao Goberno do Estado, falto tamén dunha maioría parlamentaria solvente. A dirección do PSOE en Madrid tamén avaliaba como moi positiva esta posibilidade, polo que tiña de estabilidade en Madrid e de freo á reivindicación nacionalista en Catalunya. A outra opción explorada por CiU era conformar unha maioría nacionalista no Parlament, tendo como socio no executivo a ERC. Unha posibilidade plausíbel cos números na man, mais que chocaba coa súa propia disputa político-electoral no campo do nacionalismo, que historicamente hexemoniza CiU. Así, a negativa da formación independentista estaba máis que cantada, máxime cando a xogada de CiU de pactar unha rebaixa no Estatuto catalán co PSOE en Madrid hai só uns meses abrira unha nova fenda entrambas as forzas nacionalistas. É de supor que CiU mesmo aspiraba a manter un Goberno en minoría na Generalitat, se non se daba o acordo das tres formacións que conformaron o primeiro goberno tripartito de Catalunya. Desbotada CiU como forza que liderase o novo Goberno catalán, o PSC con Montilla á cabeza optou pola solución de reeditar un novo executivo con ERC e ICV-EUiA, solución que parece dar a entender unha certa autonomía do ‘socialismo catalán’, que parecía perdida tras a desaparición de Maragall do primeiro plano da escena política catalá. Tanto a dirección de Esquerra (que foi case unánime posicionándose a prol do pacto) como a de ICV-EUiA (que só manexa esta posibilidade) axiña tenderon a man ao PSC, co firme propósito de volver formar un goberno conxunto e non recuncar nos erros cometidos. Sexa como for, un novo Goberno vai comezar a súa andaina en Catalunya. É o Goberno chamado a desenvolver o Estatut recén aprobado nas Cortes Xerais españolas. Un Estatut que nin recolle as aspiracións históricas do nacionalismo catalán e que nin sequera era o aprobado en primeira instancia polo Parlament de Catalunya. Polo de agora, ademais de faceren declaracións de intencións sobre a futura marcha da nova Generalitat, as forzas políticas que conforman o Goberno catalán precisan que se trata dun Executivo decidido a afondar na “cohesión social e territorial” de Catalunya. Haberá que ver o significado diso tanto en termos do avanzo dos dereitos políticos para a nación e a sociedade catalá (e a traslación á actual estrutura do Estado español), como dos dereitos sociais para os sectores máis desfavorecidos e indefensos do Principat. Nuns poucos meses xa se poderán ir enxergando as intencións duns e outros, pois tampouco non é demasiado difícil agoirar contradicións e dificultades no ‘Govern d'Entesa Nacional pel Progrés’ de Catalunya. Fronte a eles, haberá dúas oposicións: a de CiU en Catalunya (o PP e a agrupación anti-nacionalista Ciutadans de Catalunya) e a do ‘xacobinismo españolista’ (ideoloxía presente nos dous partidos maioritarios, PSOE e PP) en Madrid. “Longo, duro e difícil” promete ser o camiño aberto polo novo Goberno de coalición en Catalunya.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/11/2006 |
||||
|