|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Unha das cuestións centrais do novo Estatuto é a cuestión da definición identitaria. E aí todo parece que as posicións son diverxentes e mesmo antagónicas. Dunha banda, o BNG xa adiantou hai ben tempo que é o momento de elaborar un Estatuto de Nación, polo tanto que recolla sen ambigüidades que Galiza é unha nación, algo que o Estatut catalán acabou por recoller, aínda que cunha fórmula un chisco forzada. O PP, partido maioritario da Cámara galega, pola súa banda, só cre na existencia da ‘nación española’, cunha visión centralista e uniformizadora que é herdo das esencias da España franquista. Ademais, a súa dependencia das directrices de Madrid fai que a súa marxe de manobra sexa limitada, mesmo existindo vontade doutra cousa, o cal parece máis que improbábel. Así as cousas, por convencemento político-ideolóxico e por propia conxuntura de Estado, o PP vaise opor con todas as súas forzas ao recoñecemento da nación galega no texto estatutario que saia do Parlamento galego. Á súa vez, o PSOE en Galiza parece estar nunha calculada ambigüidade ao respecto da definición identitaria do noso país. Con todo, o documento inicial do que partían para a negociación do Estatuto galego, elaborado pola súa fundación (Iniciativas XXI), si recolle que Galiza é unha nación, aínda que de aí tampouco non se derivase que esta consideración dese lugar a que Galiza exerza dereitos políticos como tal, senón que se supeditan estes ao Estado español. Esta calculada ambigüidade do PSOE continuou cando acordou pactar co portavoz nacional do BNG un acordo de mínimos sobre o Estatuto entrambas as forzas políticas, onde se fai referencia á necesidade de garantir no texto estatutario o “carácter nacional” de Galiza. É obvio que acordar isto pode ter unha lectura distinta para uns e outros. O PSOE vai entender que todo se reduce a procurar unha fórmula que semanticamente sexa interpretábel e pouco máis. Isto é, para eles a cousa vaise concretar en buscarlle un ‘compañeiro’ ao adxectivo “nacional”, do tipo ‘comunidade nacional’, ‘carácter nacional’ ou mesmo ‘realidade nacional’, como se fixo finalmente para o caso do Estatuto de Andalucía, por certo co visto e prace do PP. Nesa dirección, a entrevista mantida nos últimos días por Pérez Touriño, como secretario xeral do PSOE, co presidente do Partido Popular en Galiza, Núñez Feijoo, está a xerar dúbidas e incertezas no campo nacionalista. Polas declaracións dun e outro posteriores ao encontro, Galiza podería ter unha consideración de segundo nivel no Estado, a carón de Andalucía (ambas como ‘nacionalidades históricas’), e lonxe do primeiro nivel, ocupado por Catalunya e Euscadi, que indiscutibelmente si serían nacións. Nese segundo chanzo, o das ‘nacionalidades’, Galiza compartiría espazo, ademais de con Andalucía, con Aragón, Canarias, Valencia e as Illas Baleares. Tempo é, aínda, de que se reconsideren posicións e se, realmente se quere avanzar, se opte por que Galiza se defina no futuro Estatuto como unha ‘nación’. Alguén tan pouco sospeitoso de ‘feroz separatista’ como o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro Fernández, dicía estes días que, aínda que figure ou non no texto estatutario, hai que ter claro que Galiza é unha nación. Así, sen máis voltas. Queiran ou non. Ah, e deixamos a Breogán fóra de todo este sarillo...
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/11/2006 |
||||
|