|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Nas relacións laborais que se estabelecen no noso país, a cuestión da lingua propia é unha cuestión certamente menor para a case totalidade do empresariado galego. Como moito, o idioma nacional está asociado á posibilidade de tal ou cal subvención, e pouco máis, feitas unhas pouquísimas excepcións que ben se poden contar cos dedos das dúas mans. E isto, que era así hai un par de décadas -cando se aprobaba no Parlamento galego a Lei de Normalización Lingüística (ano 1983)-, non sufriu mudanzas significativas. E non foi porque non se destinen cartos públicos con este fin: ano tras ano a Dirección Xeral de Política Lingüística (co cambio de goberno na Xunta, transformada en Secretaría Xeral) veu poñendo en mans do empresariado galego diñeiro a esgalla para actuacións en materia de normalización lingüística. O resultado final resúmese nuns cantos folletos editados e algunha que outra publicación en galego. Unha bagaxe demasiado pobre para tal investimento económico. O pasado 22 de xuño o Consello da Xunta aprobaba o asinamento dun convenio entre a Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), polo que esta subvencionaba con 371.000 € un programa de actividades de normalización do idioma que vai ser posto en marcha pola devandita organización da patronal do noso país. Finalmente asinado en xullo, as actuacións deste convenio presentáronse publicamente pola CEG e a SXPL en outubro de 2006. Mentres isto sucede, é ben lembrarmos que -como se dicía ao comezo- día tras día os dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras galegas están a ser conculcados, por un empresariado que non só carece de compromiso co noso idioma, senón que en demasiadas ocasións presiona sobre os seus traballadores para que o galego permaneza oculto no espazo da empresa e da relación desta coa sociedade. A non discriminación por razón de lingua que se contempla no Estatuto dos Traballadores vólvese papel mollado con demasiada frecuencia. O paradoxo é que aínda hai quen sitúa o problema nos propios traballadores, atribuíndolles unha suposta morneza nas actitudes favorábeis ao noso idioma. Os que o fan desde logo descoñecen a realidade e a complexidade do noso mundo laboral e das desiguais relacións que se estabelecen entre empregador e empregado, xa mesmo antes de que exista unha relación laboral propiamente dita (os procesos de selección de persoal son boa mostra do dito). Máis alá de incentivos económicos aos empresarios, as diferentes administracións tampouco non teñen explorado fórmulas que contribúan a evitar isto e que, asemade, garantan unha maior presenza da lingua propia de Galiza nas relacións laborais e no mundo socioeconómico en xeral. Unha oportunidade perdida foi o chamado “Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade”, promovido pola actual Vicepresidencia da Xunta. Nos contidos do devandito acordo, a cuestión da lingua propia non tivo o máis mínimo reflexo, como se realmente o galego xa tivese acadado un estatus de normalidade do que certamente carece. Tempo é, pois, de que se actúe noutra dirección e de que a lingua galega sume e consolide máis espazos de uso social. Tamén nas relacións laborais e no eido da empresa.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/11/2006 |
||||
|