Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 15 de novembro de 2006

Aristóteles e Iñaki de Juana Chaos están na cadea
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Gara, clic para aumentar
Portada do suplemento do xornal Gara.
 
Iñaki de Juana Chaos publicou dous artigos no xornal Gara en 2004. Un o 30 de decembro co título “Gallizo”, e outro o 1 do mesmo mes co título “El Escudo”. Por estes dous artigos foi condenado a 12 anos e sete meses de cadea por un delito de ameazas. Nun dos artigos, repetía aquel sonado berro de Jon Idigoras cando non tomou o seu asento de deputado nas Cortes (nunca mellor dito) españolas: “Quitade as vosas suxas mans de Euskadi” e no outro artigo, dirixíndose á directora xeral de prisións, a señora Gallizo, escribía: “O único horizonte de xustiza nas cadeas é a demolición dos seus muros”.

Os artigos de Iñaki de Juana Chaos poden ser consultados na Internet (aínda non é delito lelos) e calquera lector pode ver que nin son ameazas nin merecen 12 anos e sete meses de cadea.

Iñaki de Juana Chaos leva moitos anos na cadea. O 24 de outubro de 2004 tiña que ser posto en liberdade do cárcere de Algeciras, despois de 17 anos e 9 meses na prisión. Foi condenado baixo o Código Penal de 1973, que recollía a refundición de condenas, é dicir, a acumulación nunha soa, e fixaba o limite máximo de permanencia na cadea en 30 anos, establecendo os criterios para as redencións de penas con que reducir o cumprimento destas.

Mais o caso de Iñaki de Juana non é o único entre presos que deberían estar na rúa e aínda están na cadea. Txomin Troitiño, que leva 19 anos, Patxi Gómez López, 17 anos, Txutxin Bollada Álvarez, 19 anos, Joseba Artola Ibarretxe, 20 anos, Koldo Hermosa Urra, 19 anos e Txerra Martínez García con 15 anos, tamén deberían estar agora nas súas casas, mais están no cárcere.

  Iñaki de Juana Chaos, clic para aumentar
Iñaki de Juana na súa xuventude. (Foto pertencente á súa familia).
 
A esta lista deben engadirse aqueles que sofren doenzas terminais e non son liberados como Vera ou Galindo, como Jon Agirre Agiriano, Mariló Gorostiaga, Bautista Barandalla Iriarte, Juan José Rego Vidal, Josu Uribetxeberria Bolinaga e José Ramón Foruria Zubialde.

Xunto a estes doentes están os máis de 146 presos que cumpriron as tres cuartas partes da condena e tamén deberían estar en liberdade. As constantes “revisións” de penas non son outra cousa que a aplicación dunha cadea perpetua, abolida no Estado español dende o Código Penal de 1928.


A finalidade da pena

No tan denominado “primeiro mundo” de Rajoy, onde existe un Estado de Dereito, ningunha lei pode ser aplicada con carácter retroactivo cando prexudica o reo, o traballador ou o contribuínte, e poño estes tres exemplos porque son precisamente aos únicos aos que si se lles pode aplicar unha lei con caracter retroactivo sempre que os beneficie.

A finalidade da pena, unha vez abolida a cadea perpetua, o españolísimo garrote vil, os fusilamentos e tantas outras cousas, é a reinserción do reo na sociedade. Un principio básico do dereito é que “o pensamento non delinque”, só os feitos poden ser considerados, segundo un tipo penal, delitos. Se non hai tipo (descrición do feito obxecto dunha pena), non hai delito.

As leis informan que todo o que non estea expresamente prohibido está permitido. A reinserción do reo na sociedade que agarda por el, no caso de Iñaki de Juana, vén da man dos seus estudos feitos no cárcere, así como das publicacións e as redencións extraordinarias e ordinarias que rebaixaron a súa condena.

  Anagrama ETA, clic para aumentar
Anagrama de ETA nun sinal de tránsito en Gasteiz. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Abraiados e asqueados estamos cando países como Turquía deben quitar dos seus códigos o delito de opinión contra a historia patria, ou cando nos países musulmáns o pensamento (lei relixiosa) é considerado un delito contra o Estado (o revisionismo histórico).


Aristóteles é a Xustiza

A raíz do caso de Iñaki de Juana Chaos, leo con atención os dous principais xornais do Estado (pola tiraxe) que son El País e El Mundo. Victoria Prego, facendo alarde de incultura e veleno mal intencionado, chama ao Poder Xudicial a defenderse contra a intromisión do Poder Executivo por querer influír nas condenas ou redencións de condenas debido ao proceso de paz.

Doutra banda, o Poder Xudicial do Estado español, o mesmo que permite saír do cárcere por depresión a Rafael Vera, ou ao ex-xeneral Galindo e a tantos outros, antepón o que eles chaman lei á xustiza, que non son o mesmo, porque na Alemaña de Hitler aplicábase a lei, tanto así como na Unión Soviética de Stalin, na Arxentina de Videla e sucesores, no Chile de Pinochet, no Estado español de Franco, no Israel de Sharon ou na Uganda de Idi Amín; de feito, nada lles valeu aos alemáns alegar o cumprimento da lei na Alemaña nacionalsocialista como defensa nos xuízos de Nüremberg, pois segundo o Tribunal Internacional existen dereitos por encima da lei coma o Dereito Natural, que nos di que a vida dos seres humanos é un ben a protexer.

Aristóteles colocaba á equidade como complemento da xustiza. Colocábaa coma unha virtude, que constituía un hábito permanente para interpretar e aplicar a lei, determinando o que é xusto en cada caso particular. A lei ten un carácter universal e non pode prever nin determinar en concreto todos os casos particulares. Tampouco pode prever nin ter en conta a variabilidade das circunstancias en que se executarán as accións. Por isto é necesaria a equidade, que se distingue pola súa flexibilidade, corrixindo a moldeando a rixidez que son propias da lei, e aplícaa non como unha norma ríxida e inhumana, senón ao xeito da regra flexíbel de chumbo dos albaneis lesbios, que se afai ás formas da pedra que tratan de medir(1). Neste sentido, moitas veces o equitativo é preferíbel ao xusto. Tampouco o que ten a lei ao seu favor debe ser rixidamente xusto, senón con suavidade.

En Rethorica Aristóteles di “Pois o equitativo parece que é xusto, mais é equitativo o xusto máis alá da lei escrita. Isto acontece unhas veces con vontade e outras sen vontade dos lexisladores; sen a súa vontade, cando non poden definir, mais é forzoso falar en absoluto, ou se non, co valor máis xeral.

Ser indulxente coas cousas humanas é tamén de equidade. E mirar, non a lei, senón o lexislador. E non a letra, senón a intención do lexislador, e non o feito, senón a intención, e non a parte senón o todo, nin como é o acordo no momento, senón como era sempre ou a maioría das veces. E lembrarse máis dos bens que dos males recibidos, e máis dos bens que recibiu que dos que fixo. E soportar a inxustiza recibida. E preferir a solución máis polas palabras que polas obras. E querer mellor acudir a unha arbitraxe que a un xuízo, porque o árbitro tende ao equitativo, mais o xuíz á lei, e por iso inventouse o árbitro, para que domine a equidade”(2).

Coido que estas citas de Aristóteles son claras. El tamén está preso no único país de Europa que pechou un xornal (xunto a Turquía) e ilegalizou un partido político.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
 
 

Notas:

(1) Ética a Nicomaco, V, 13, 1137a28-1138a3.

(2) Retórica I 13, 1374a28-1374b22.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta