Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 29 de novembro de 2006

O calendario que impuxo Xavier Navaza e Scarlett Johansson
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cartaz das nacións sen Estado, clic para aumentar
Cartaz en Ondarroa das nacións sen Estado. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Leo un artigo do correspondente en Galiza (non sabía que El Correo Gallego tiña correspondente na Galiza), Xavier Navaza, co título “El calendario que impuso la guerra” no cal di na entradiña: “En ámbitos do BNG aínda se sostén a idea de que só Galiza, Euskadi e Catalunya teñen verdadeiro dereito a exercer a súa autonomía. As demais comunidades non; porque non plebiscitaron os seus estatutos antes do 18 de xullo do 36”.

Eu, a estas alturas, xa non sei cales son os ámbitos do BNG nin as “ideas” que sosteñen eses “ámbitos”. Pero coido que o intencionado escrito de Navaza ou ben está orfo de coñecemento histórico (por non insultar e dicir outra cousa) ou é máis do mesmo para encher catro das cinco columnas da páxina 21 de El Correo Gallego do xoves 23 de novembro de 2006.

Correspondente Navaza, direille que as demais comunidades non exerceron a súa autonomía no 36 porque non tiñan arelas de autogoberno, e se non as tiñan, por algunha razón sería (no 1936 non existía nin o BNG nin os seus ámbitos).

Dicir no século XXI que unha comunidade sexa unha nación ou non o sexa porque o diga un preámbulo dun Estatuto (ou do que sexa), ou porque o primeiro ministro canadiano (Stephen Harper) o declare no Parlamento dese país (que non nación), é propio de xente ou ben descoñecedora da historia ou ben mal intencionada (por non insultar, que hoxe as “grandes” mentes xornalísticas deste país son moi sensíbeis).

Como se dun parvulario se tratase, hai que explicarlles a moitos, neste caso a Xavier Navaza, que non hai homosexuais porque se aprobara a lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo, senón que se aprobou a lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo porque había homosexuais.

  Ortegal, clic para aumentar
Ortegal. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Así, as comunidades que hoxe queren que sexa recoñecida a súa condición de nación a través da lei, non é porque se vaian converter en nacións pola lei, senón que son nacións sen recoñecemento da lei; non se pide a creación da nación pola lei, senón que é a nación a que se dota dunha lei. Lembra Navaza un dos principios do Modus ponens que tiñan os gregos: “Da nada nada sae”.

Nin xudeus nin xitanos deixan de ser nacións, (mesmo sen territorio) porque a lei española non lles recoñeza a condición de nación aos segundos (xitanos) nin aos primeiros até o recoñecemento do Estado de Israel. Son e foron sempre.


É difícil de entender?

Como podemos ver, incluso Xavier Navaza, falamos de nacións coma a xudea, a xitana, a quebequesa, sen ter que recorrer aos “ámbitos do BNG”, porque Deus non o queira, son os menos indicados para dirimir, cualificar ou definir quen merecen ou deben ser unha nación; simplemente, trasladan un feito, alleo a eles, porque as nacións, as linguas, as historias nacionais, as institución propias, veñen do longo percorrido da historia, e non dos “ámbitos do BNG”.

  Busto de Castelao, clic para aumentar
Busto de Castelao en A Coruña. A placa está en español. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Dicir que Murcia, Madrid, Cantabria, Asturias... etc, non son nacións non é, como di Xavier Navaza, “menosprezar comunidades autónomas”, é simplemente dicir o que son; sinalando o que non son. Xavier Navaza non é Scarlett Johansson. Sinalando isto, non insultamos nin “menosprezamos” (é un dicir) nin a Navaza nin a Scarlett Johansson.
Podería ser que Navaza entendese ese “non ser Scarlett Johansson” coma un “menosprezo”, laméntoo moito, Navaza, nin ti es Johansson, nin ela é Navaza.

A conclusión, profunda, é que Navaza é Navaza e Johansson é Johansson. Outro dos principios básicos do pensamento grego era que unha cousa non podía ser e non ser ao mesmo tempo.

Se a Constitución española (non os “ámbitos do BNG”) asegura que no Estado español existen nacionalidades históricas e rexións, esa diferenza indica que as nacionalidades históricas non son rexións e que as rexións non son nacionalidades históricas. Isto non é menosprezar, non é ser mellor, nin peor, é simplemente, ser diferente.

Xavier Navaza nun cadrado “inocente” de dúas columniñas fai unha “profunda” reflexión. O recadro chámase: El falso dilema (sen comentarios) e o título “La siembra de la disidencia”. Con estas poucas palabras, (dilema, falsedad, disidencia...) é difícil non adiviñar o que vén.

“Esa falsa interpretación de la historia es la que lleva a los nacionalistas gallegos...”. De máis está dicir que a interpretación verdadeira da historia é a de Xavier Navaza, e que el considera que ser unha nacionalidade histórica (que por certo é ser nada porque non entendo como se pode ser nacionalidade sen nación) é ser parte dunha elite.

  Xabier Navaza, clic para aumentar
Xavier Navaza.
 
Ser distinto, Navaza, non é ser mellor nin peor. Dicir que Galiza, Catalunya e Euskadi son nacións non é dicir que sexan mellores que Murcia, Madrid ou Canarias por non selo. Iso é unha apreciación túa, pobre apreciación por certo, que lamentabelmente recunca e sementa xenreiras en moitas cabezas desprevidas. O problema non é o que digan nos ámbitos do BNG (ditados que non chegan a máis de dous ou tres iniciados); o problema é o que escriben dous ou tres coma ti, Xavier Navaza, que por ignorancia (que segundo o Código civil é un delito) ou por mala intención (non podo crer que sexas malo), deturpan corazóns e vontades, sementan xenreiras gratuítas e perspicacias, e colocan xatos de ouro en pedestais en lugar de Constitucións modernas e axeitadas a pobos cultos e tolerantes.

Navaza sabe que a concesión de autonomía a todas as outras comunidades autónomas é un simple artiluxio para restar importancia e futuro reivindicador ás nacións sen Estado do Estado español.


O pobre truco de igualar rexión con nación ou a
Scarlett Johansson con Xavier Navaza

  Will Kymlicka, clic para aumentar
Will Kymlicka.
 
Convídoo, Navaza, a que lea o profesor da Universidade de Ottawa, Will Kymlicka (http://post.queensu.ca/~kymlicka/)(1) (non é dos ámbitos do BNG) ou a Audry Brassloff que estudou o caso das nacionalidades e as rexións no Estado español (tampouco é dos ámbitos do BNG).

Segundo Kymlicka, existen o que denomina “unidades nacionalmente baseadas” que son unidades territoriais dentro dun Estado, coma o español ou o canadiano, que reflicten un desexo das minorías nacionais (con respecto ao total dos cidadáns do Estado) por manterse como sociedades autónomas, cultural e politicamente diferenciadas.

Para o mesmo Kymlicka, existen outras “unidades rexionalmente baseadas” que reflicten a decisión dunha única comunidade nacional de dividir o poder sobre un principio territorial.

Garantir poderes iguais ás unidades rexionais e nacionais supón de feito negar a igualdade á nación maioritaria, reducindo o seu estatuto ao estatuto dunha división rexional con respecto á nación maioritaria (ler Castelao en Sempre en Galiza).

En Canadá propuxeron a descentralización total para que as provincias tivesen os poderes solicitados por Quebec; así, evitábase a concesión dun “estatuto especial” a Quebec. Os quebequés queren ver recoñecido a Quebec como nación, non coma unha mera provincia; esta exixencia simbólica non pode ser agochada ou reducida mediante unha fórmula de descentralización aplicada a todas as provincias do Canadá.

O mesmo acontece no Estado español: “(...) a Constitución de 1978 asumiu o principio autonómico porque era absolutamente necesario resolver as demandas de autogoberno de Cataluña e o País Vasco se se desexaba implantar un sistema democrático que incluíse, non só a liberdade e os dereitos das persoas, senón tamén dos pobos. Cando os ataques se canalizaron a través do que se denominou a xeneralización das autonomías, os políticos tenderon a esquecer o que se perseguía orixinalmente”(2).


Conclusións

Quero obviar o parágrafo en que Xavier Navaza quere, a través das declaracións dos “ámbitos do BNG”, lexitimar o calendario da Guerra Civil utilizando como baremo o antes e despois do 18 de xullo do 1936 para definir quen é ou quen non é unha nación.

Ese parágrafo é unha “antidemocrática aberración” por parte de Navaza. O artigo de Navaza é malo, pouco documentado, simplón, pouco intelixente e mal intencionado. Falta ler o de Scarlett Johansson.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
 
 

Notas:

(1) Will Kymlicka é director de investigación do Canadian Center for Philosophy and Public Policy da Universidade de Ottawa. Os seus traballos céntranse na teoría liberal, os modelos de cidadanía e os dereitos das minorías. É autor de Liberalism, Community and Culture (1991). Multicultural Citizenship (1995) e a obra colectiva The Rights of Minority Cultures (1996), entre outros traballos.

(2) Audry Brassloff citada por Kymlicka, na revista de Filosofía Política da UNAM-UNED, en Multiculturalismo contra federalismo.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/11/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta