|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nesta Asemblea, a que asistiron numerosos traballadores do sector, comezouse pola información sobre os traballos desenvolvidos a nivel sindical desde a última asemblea, que foi no pasado mes de setembro. Neste sentido, relatouse o inicio dos contactos co Consello Galego de Relacións Laborais para que tutele e chame á patronal (a patronal das canteiras xa manifestou nunha xuntanza o pasado 12 de decembro que estaba de acordo) a elaborar o convenio dos traballadores/as da pedra galegos nos que entrarían as empresas de extracción, transformación e as graveiras e areeiras. Ademais informouse sobre o traballo que se está a facer coas propostas sobre silicose para chamar á atención ás Administracións sobre a importancia desta cuestión. Neste sentido, desde a CIG suscitouse a necesidade de darlle unha nova dimensión ás mobilizacións co apoio das asociacións culturais, xuvenís, deportivas, organizacións políticas, institucións e todas aquelas entidades que puideran estar interesadas na denuncia da situación dos/as traballadoras da Pedra da zona de O Porriño e Salceda. Na Asemblea aprobouse esta proposta, e que a data para a realización desta mobilización será a última semana de xaneiro. Na vindeira semana pecharanse as cuestións técnicas desta mobilización e detallarase que tipo de campaña se vai desenvolver. O obxectivo é sensibilizar á sociedade para que a Administración central teña en conta que non é só un problema sindical senón que a cuestión da silicose e como afecta aos traballadores/as da Pedra move a moita xente e xera unha preocupación importante a nivel social nas zonas que viven máis de preto esta situación. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/12/2006 |
|||||||||
|