ActualidadeVolver a Actualidade


A Coruña, 14 de decembro de 2006

O secretario xeral, Suso Seixo, reitera que a Xunta non presentou ningún borrador coas súas propias propostas
A CIG prosegue coa campaña de información sobre o seu abandono das mesas para o Acordo Galego polo Emprego

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Asemblea comarcal de delegados/as sindicais, clic para aumentar
A CIG insta a Xunta a que presente un borrador coas liñas básicas para combater a precariedade, a temporalidade e para frear a emigración dos mozos e mozas galegos que cada ano teñen que abandonar Galiza para traballar no Estado español.
Suso Seixo, clic para aumentar
Suso Seixo descartou que a CIG dese por rachado calquera tipo de entendemento coa Administración autonómica, porén esixe cambios e propostas, “do contrario non imos continuar en mesas que non conducen a ningures”. (Fotos: ©galizacig.com 13/12/2006).
 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, reiterou na mañá do mércores 13 de decembro, no decurso dunha asemblea comarcal de delegados e delegadas sindicais en A Coruña, que a CIG abandonou as seis mesas para un Acordo Galego polo Emprego debido a que a Xunta nin sequera prensentou un borrador coas súas propostas, por disconformidade coa metodoloxía das negaciacións e por só contemplar políticas activas de emprego, esquecendo o apoio aos sectores produtivos ou a políticas de cohesión social e territorial, entre outras medidas.

O secretario xeral da CIG expresou o desacordo da central nacionalista coa metodoloxía empregada na negociación entre a Xunta, sindicatos e patronal, baseada na existencia de até seis mesas. “Non é un sistema operativo para acadar o acordo nun período de tempo razoábel”, asegurou Seixo. “No mes de xuño a CIG xa lle remitira unha carta a Touriño na que se indicaba o noso desacordo”.

A CIG insta a Xunta a que presente un borrador coas liñas básicas para combater a precariedade, a temporalidade e para frear a emigración dos mozos e mozas galegos que cada ano teñen que abandonar Galiza para traballar no Estado español. “Todas estas medidas non se fixeron e, polo tanto, tomamos a decisión de abandonar as mesas”, subliñou esta mañá Seixo.

O secretario xeral da CIG manifestou que as mesas de negociación están a primar as políticas activas como a formación profesional, a economía social, o autoemprego e os apoios á contratación, a través dos que os empresarios se embolsan anualmente cantidades multimillionarias dos fondos públicos e que non impiden que a temporalidade se sitúe no noso País no 34%.

Para a CIG, a mesas esquecen as potencialidades de sectores nos que Galiza é potencia como a pesca, a gandeiría ou o sector enérxético. “Cada ano miles de traballadores teñen que abandonar o País por mor de políticas que non están pensadas para Galiza, senon que están ao servizo das oligarquías españolas e europeas”, indicou Suso Seixo.

Seixo descartou que a CIG dese por rachado calquera tipo de entendemento coa Administración autonómica, porén esixe cambios e propostas, “do contrario non imos continuar en mesas que non conducen a ningures”.

O secretario xeral lembrou que a decisión de abandonar as mesas para o Acordo Galego polo Emprego foi tomada por unanimidade polo Consello Confederal da CIG o pasado 13 de novembro.

 
 
Informacións relacionadas
30/11/2006 Transcorrido un ano, o Goberno non presentou sequera un borrador coa súa proposta
O Consello Confederal da CIG acorda abandonar as Mesas para un Acordo Galego polo Emprego
05/11/2005 Diálogo Social en Galiza
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta