ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 7 de decembro de 2006

CIG-Saúde denuncia o incumprimento do acordo de negociación do convenio da Sanidade privada
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Enfermeiras, clic para aumentar
CIG-Saúde manifesta que segue a agardar pola data de inicio das negociacións e unha resposta desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais. Aínda así, advirte que non vai quedar parada diante desta actitude da patronal e, de non iniciarse de inmediato as negociacións proporase o inicio de mobilizacións para mellorar as condicións de traballo dun persoal que na súa maioría está a padecer unha enorme precariedade nos seus empregos.
 
CIG-Saúde de A Coruña vén de denunciar o incumprimento, por parte da patronal, do acordo asinado o pasado 19 de setembro. Un acordo que incluía, ademais da sinatura do convenio da Sanidade privada para 2006, o compromiso de iniciar as negociacións para o de 2007 o pasado mes de outubro.

CIG-Saúde considera que a patronal “volve ás súas prácticas de atrasar, dilatar e practicamente paralizar os procesos negociadores aos que nos tiña acostumados en anos anteriores”.

Xoán M. Sande Muñiz, secretario comarcal de CIG-Saúde de A Coruña, lembra que en maio deste ano asinábase o acordo para o convenio 2004-2005, con máis de dous anos de atraso e tras dun intenso conflito con xornadas de folga, concentracións e mesmo intentos de mediación do AGA e da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Posteriormente, no mes de setembro, chegábase a un acordo para asinar o convenio de 2006 e pór ao tempo unha data para o inicio das conversas para o de 2007, para negociar en tempo real e sen que as traballadoras e traballadores da Sanidade privada da provincia de A Coruña tiveran que padecer continuamente a perda de poder adquisitivo derivada da conxelación dos salarios por mor dos longos procesos de negociación e conflito.

Desde CIG-Saúde recoñécese que ese compromiso fixo albiscar un certo cambio na actitude da patronal. “Parecía que se abrían outras posibilidades para a negociación, pero unha vez máis vemos que non, que a patronal incumpre e volve ás súas, volve dilatar e retrasar o inicio das negociacións, incumprindo ademais o asinado no acordo do pasado mes de setembro”, explica Sande Muñiz.

Desde a parte social convocouse á patronal en varias ocasións ao longo do mes de outubro, para intentar fixar unha data para celebrar unha xuntanza e dar así cumprimento ao acordo, constituír a Mesa de Negociación e iniciar as conversas. Porén, e á vista de que até o de agora non se conseguiu que se fixara ningunha data para o inicio das negociacións, a CIG puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galiza o incumprimento por parte da patronal.

CIG-Saúde manifesta que segue a agardar pola data de inicio das negociacións e unha resposta desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais. Aínda así, advirte que non vai quedar parada diante desta actitude da patronal e, de non iniciarse de inmediato as negociacións proporase o inicio de mobilizacións. CIG-Saúde considera que esta situación “non é de recibo e que as traballadoras e traballadores da sanidade privada se merecen outro trato e, desde logo, moito máis respecto do que a patronal está a demostrar”.

Xoán Sande insiste tamén en que este é un persoal que na súa maioría está a padecer unha enorme precariedade nos seus empregos e que urxe a negociación para mellorar as súas condicións de traballo.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta