ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 15 de decembro de 2006

A CIG presenta o martes 19 a Guía de Boas Prácticas para delegadas/os de prevención
O listado de enfermidades profesionais multiplícase por dez

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Cando a vida non vale nada, clic para aumentar
A Secretaría Confederal de Saúde Laboral da CIG xunto co Gabinete Técnico presentan o próximo martes 19 a Guía de Boas Prácticas dirixida a delegados e delegadas de prevención. Ese mesmo día presentarase o vídeo “Cando a vida non vale nada”, de elaboración propia. Un documental centrado nos riscos laborais e na necesidade da prevención para evitar os accidentes no traballo.
 
O R.D. de enfermidades profesionais multiplica por dez o listado vixente desde 1978 até a actualidade. Porén, para que sexa efectivo é imprescindíbel que se habilite a formación adecuada en medicina do traballo a todos os médicos do sistema sanitario público. Así o avalía o Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, que presentará o próximo martes día 19 de decembro en Compostela a Guía de Boas Prácticas para delegados e delegadas de prevención.

O Real Decreto polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema de Seguridade Social e o procedemento para a súa notificación e rexistro supón un avance xa que implica a actualización do listado de enfermidades profesionais vixente desde o ano 1978.

Un listado –o de 1978- ao que, segundo a normativa, os médicos do sistema público de saúde poderían ir incorporando novas enfermidades profesionais a medida que as foran identificando, previa presentación do informe pertinente.

Curiosamente e tal e como explica Alfonso Tellado, director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, desde 1978 até 2006 “ningún médico de medicina pública en todo o Estado español detectou unha soa enfermidade profesional ademais das xa recoñecidas e de súpeto aparece o listado europeo que multiplica por dez as recoñecidas e, polo tanto, obriga á ampliación do noso listado”.

Tellado indica ademais que iso supón un paso, pero non o definitivo, xa que é imprescindíbel que se proporcione aos médicos do sistema público de saúde a formación adecuada para que controlen as enfermidades derivadas do traballo.

Para o director do Gabinete de Saúde Laboral outro problema engadido é que cando un traballador ou traballadora acode a atención primaria, se o médico non é quen de asociar a patoloxía que presenta co mundo do traballo, se non lle pregunta onde traballa ou que actividade desenvolve non identificará axeitadamente a doenza.

Alén diso, está o problema do rexistro. As comunidades autónomas teñen transferida toda capacidade de rexistro e control das enfermidades profesionais pero no caso de Galiza a Consellaría de Sanidade non o ten desenvolvido.

A CIG xa viña denunciando esta situación desde hai anos e recentemente, nos debates tras dos que se acorda a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o plano estratéxico de prevención 2007-2011, reiterou esta eiva.

Alfonso Tellado matiza ademais que no Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, onde están integradas as consellarías de Industria, Traballo e Sanidade, a que máis falla é esta última. “Non hai ningunha referencia ao control e a vixilancia das enfermidades derivadas do traballo”.

Xunto a iso lembra que en Galiza as únicas enfermidades que se coñecen son a asbestose e a silicose, porque comezan a incrementarse os casos alarmantemente nas canteiras de O Porriño.


Guía de boas prácticas

Diante desta situación, Tellado insiste en que o labor que desenvolven os delegados de prevención nas propias empresas é fundamental, porque “frear en orixe unha posíbel enfermidade profesional é básico”.

Por iso, a Secretaría Confederal de Saúde Laboral da CIG xunto co Gabinete Técnico presentan o próximo martes 19 a Guía de Boas Prácticas dirixida a delegados e delegadas de prevención. Ese mesmo día presentarase o vídeo “Cando a vida non vale nada”, de elaboración propia. Un documental centrado nos riscos laborais e na necesidade da prevención para evitar os accidentes no traballo.

Con esta guía o que se pretende é dotar de ferramentas ás e aos delegados para que saiban como actuar diante da mutua, do empresario, do servizo de prevención da empresa, da inspección de traballo e da propia fiscalía.

 
 
Descarga en .pdf/.doc (comprimido zip)
 
pdfR.D. de enfermidades profesionais
docR.D. de enfermidades profesionais

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta