|
Actualidade CIG-Comunicación-
O sindicalismo peruano está moi fragmentado en canto a centrais sindicais formalmente constituídas pero a CGTP agrupa a máis do 90% dos traballadores e traballadoras sindicados. Con todo, tamén a CGTP sufriu as consecuencias da década de goberno de Fujimori que puxo en práctica unha das metas dos gobernos neoliberais en latinoamérica: o debilitamento sindical e, a poder ser, a súa total desaparición. Desde hai dous anos a CGTP está inmersa nun proceso de reorganización que é común a bastantes centrais sudamericanas, consistente en crear sindicatos de rama que agrupen aos innumerábeis sindicatos de empresa existentes. O congreso constatou a lentitude e dificultade da reorganización pois supón tamén un cambio drástico de mentalidade nun sindicalismo que se organizou historicamente tomando como referencia única o centro de traballo. Obxectivo final deste proceso é a conversión da CGTP nunha central con 15 estruturas sectoriais que agrupen á totalidade dos máis de 100 sindicatos que a compoñen. O Congreso recoñeceu as dificultades que teñen as organizacións políticas de esquerda para facerse un oco na vida política peruana. Considerou que a fragmentación partidaria e a dura represión da década fujimorista deixaron á clase traballadora sen portavoces nas instancias parlamentares e de poder. Para paliar isto, o Congreso aprobou unha proposta para situar á CGTP no centro dunha iniciativa de construción dun “Partido dos Traballadores” que, tomando o exemplo do PT do Brasil, poda levar aos traballadores peruanos a gobernar o País. Por último, a CGTP decidiu non mudar a súa afiliación internacional na Federación Sindical Mundial, simultaneándoa coa participación propositiva nos foros internacionais nos que se discute e decide sobre os dereitos dos traballadores. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/2006 |
||||
|