|
Actualidade / Artigo Paula Castro-
Esa mesma noite o secretario xeral da CIG informaba da súa imposibilidade para estar na rolda de prensa e decidíase desconvocala e retrasala até o luns seguinte, primeiro día no que tiña posibilidades, en función da súa axenda. Deste xeito, na mesma nota informábase da desconvocatoria da rolda de prensa e da nova convocatoria. Porén a Radio Galega emitía no seu informativo de mediodía –mércores 29 de novembro- a información sobre as causas do abandono por parte da CIG das mesas e unha resposta do conselleiro de Traballo. A CIG contactou de contado co xornalista da radio pública responsábel da noticia para saber como conseguira a información. Segundo este, recorreran á súa base de datos e á Internet para saber as causas polas que a CIG acordaba definitivamente abandonar as mesas. (Na páxina web da CIG informábase desa posibilidade nunha nota publicada o 16 de xuño, que pode ser consultada na nosa páxina a través do buscador). Isto obrigou a tomar a decisión de remitir unha nova nota, á primeira hora da tarde, para garantir que todos os medios de comunicación tiveran a información e evitar que se interpretara algún trato de favor interesado, por parte do sindicato, á Radio Galega. Ademais da nota, contactouse con todas/os as/os responsábeis de economía da maioría dos medios galegos para explicar as razóns polas que finalmente quedaba anulada a rolda de prensa prevista e se substituía esta pola nota finalmente enviada (colgada integramente na nosa páxina web o xoves 30 de novembro). Ao día seguinte a maior parte dos medios de comunicación publicaban o posicionamento da CIG e atendendo a criterios xornalísticos contrastaban a opinión da central coa dos outros axentes implicados (conselleiro de Traballo, CCOO e UGT). Ou sexa, respectaban rigorosamente os principios éticos e profesionais. Todos agás La Voz de Galicia. Neste diario, o xornalista Mario Beramendi na vez de centrar a información no tema das mesas para un Acordo Galego polo Emprego centraba a noticia noutro asunto ben distinto e convertía unha información en opinión en base a especulacións, xustificando a veracidade da noticia en “fontes consultadas”. Calquera Código Deontolóxico, por básico que este sexa, recomenda contrastar as fontes para garantir o dereito fundamental a recibir información veraz (artigo 20 da Constitución). Porén, para elaborar a súa información en ningún caso contactou coa CIG para saber se as afirmacións que estaba a piques de converter en noticia eran certas ou non. O xornalista, facendo alarde dunha preocupante falta de profesionalidade para un medio da tirada de La Voz de Galicia, baseou en especulacións e en fontes anónimas e se cadra interesadas, toda a noticia. A información comeza xa polo titular cunha opinión: “La CIG abandona el diálogo social y rompe con el bipartito”. Nos dous últimos parágrafos da nota de prensa remitida tanto á Voz como aos outros medios de comunicación polo Gabinete de Prensa da CIG afírmase que: «A CIG fai un chamamento para que desde a Administración se presente un borrador no que se recollan as propostas do goberno para a creación de emprego de calidade en Galiza sobre o que traballar e sobre o que cada unha das partes implicadas poidan facer aportacións. Alén diso, a CIG entende que terán que abrirse outras canles de negociación para tratar temas pendentes que afectan á clase traballadora galega que “evidentemente son do noso interese e que teremos que tratar coas administracións ou coas outras organizacións sindicais se é o caso”, indica Seixo». Como queda constatado, estas oito liñas botan por terra o propio titular escollido por Beramendi. A partir de aí comezan as valoracións e opinións persoais que ateigan tanto o antetítulo como o subtítulo e o corpo da noticia. Como exemplo e coa recomendación de que se faga unha nova lectura desa páxina pódese salientar o “se queda sola”, “disidentes”, “maniobran”, “organización de trabajadores afín a la pata nacionalista del bipartito”, “maniobra del sindicato nacionalista a la estrategia del bipartito”, “convulsa realidad”, “hacerse oír”, “radicales”... Ao meu entender Mario Beramendi, ao igual que La Voz de Galicia ou que calquera outro medio galego, ten todo o dereito do mundo a dar a súa opinión e a seguir fielmente a liña editorial do medio para o que traballa. O que resulta inadmisíbel é presentar a súa opinión, absolutamente lexítima, como información, porque iso, en linguaxe xornalística chámase manipulación. Neste caso é se cabe máis perversa porque consegue desviar a atención do tema principal e centrala noutro que interesa máis ao xornalista, ao medio e seguramente aos seus ‘amigos’ informadores. Sen dubidalo Beramendi fai referencia á data da Asemblea Nacional do BNG (a dous días da publicación desta información), pero esquece conscientemente que a decisión do Consello Confederal da CIG foi adoptada o día 13 de novembro. Aínda máis, Mario Beramendi ignora -e iso ocorre por non contrastar as fontes- que o acordo foi aprobado por práctica unanimidade dos 104 membros que compoñen o devandito organismo. Aínda máis, o compañeiro xornalista descoñece que entre esa data e a da convocatoria de rolda de prensa (case dúas semanas), o Consello Confederal acordou comunicar esta decisión ás organizacións sindicais CCOO e UGT e ao propio conselleiro de Traballo. Daí que até este momento non se fixera público o acordo. Por iso, e como a miña modesta opinión, que non como información, cabería recomendar a este xornalista que se aspira a converterse en columnista de opinión, que o faga xa, pero que revise as súas “gargantas profundas”, para que cando menos esas opinións estean construídas sobre feitos ou datos reais. Desde aquí, envíolle un cordial saúdo. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/2006 |
|||||||
|