|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Nese clima de involución política é no que se teñer que asentar as institucións que dan forma á autonomía galega. As eleccións de outubro de 1981 deseñan un Parlamento galego no que a xestión do novo marco autonómico corresponde ás forzas da dereita españolista (Alianza Popular e UCE) e onde o nacionalismo só ten 4 escanos de 71. Naquela altura dúas eran as opcións nacionalistas na cámara galega, a coalición Bloque-PSG (3 deputados) e Esquerda Galega (1 deputado). Ese primeiro Parlamento da autonomía galega axiña vai ver socavada a súa credibilidade ante sectores importantes da sociedade galega, ao non permitir exercer os seus dereitos como deputados aos tres representantes do nacionalismo popular, representantes que son expulsados como tales da Cámara galega. A coherencia do Bloque-PSG nos seus postulados nacionalistas e na defensa da necesidade dunha ‘creba democrática’ no Estado español que superase o lastre de corenta anos de ditadura franquista, é golpeada por unha ‘legalidade’ (froito do pacto entre as forzas españolistas de diferente adscrición ideolóxica) que exixía a submisión ante o proceso de transición da democracia española, vía a Constitución de 1978. Constitución que viña a consolidar unha visión uniformizadora do Estado a todos os niveis e que reservaba un papel sobranceiro tanto á Monarquía borbónica como ao Exército como garante da unidade do Estado. Transcorridos vinte e cinco anos, resulta evidente que a situación é ben diferente á dese tempo, coa consolidación dunha forza nacionalista -o BNG- no actual triángulo parlamentario. Así e todo, non se pode esquecer cal é aínda hoxe o lugar que ocupa o Parlamento galego nun escenario como o actual, que non é o outro que o da Constitución española de 1978 e o Estatuto de Galiza de 1980, é dicir, o da “España autonómica”. Trátase dunha cámara de representantes onde non está contida a soberanía galega, o exercicio da cal non é posíbel no marco xurídico-político do noso tempo. Así, é ben termos, por exemplo, en conta as palabras da vicepresidenta do Goberno español, ditas nunha recente visita a Galiza, e nas que advertía de que sexa cal for o novo texto estatutario que saíse do Parlamento galego será o Parlamento do Estado o que teña a decisión final: “lo arreglaremos en Madrid”, foron as súas palabras textuais, que lembran o acontecido co texto estatutario catalán, con Alfonso Guerra gabándose de terse “cepillado o Estatuto”. Tampouco se pode obviar que coa correlación de forzas que hoxe reflite o Parlamento galego vai facer moi difícil avanzos significativos para o noso país en canto ao seu recoñecemento como nación ou mesmo á posibilidade de certas blindaxes competenciais que son fundamentais para afondar no autogoberno galego. Nese sentido, o debate estatutario aberto no noso país, mesmo sendo imprevisíbel en canto ao seu desenlace, hai que situalo exactamente nun escenario de reactualización das capacidades da autonomía galega, e tendo como pano de fondo o estatus finalmente acadado, en relación a igualármonos a Catalunya ou a situármonos, nun segundo chanzo, ao mesmo nivel que por exemplo Andalucía. Hai que ver entón se a nova posición que ocupa o nacionalismo galego, co BNG formando parte do goberno da Xunta, posibilita pasos adiante na consolidación dunha consciencia nacional propia, que á súa vez teña traslación á vida político-institucional, aumentando a demanda de maiores cotas de soberanía para a nación galega.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/12/2006 |
||||
|