Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 15 de decembro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Chile e memoria: Adeus a un tirano

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Pasados setenta anos do alzamento fascista de 1936 no Estado español e máis de trinta e cinco da morte do ditador Franco, a restauración da memoria e dignidade dos millares de persoas que defendían a legalidade democrática da República aínda non é posíbel, e iso que hai tempo que parece que o ruído dos sables deixou de coutar a nosa liberdade. Oxalá en Chile si sexa posíbel esa restauración, e a morte do ditador Pinochet sirva para que a memoria dos que padeceron a ditadura brille con luz propia no país andino.



  Monumento lembranza represaliados ditadura, clic para aumentar
Na escura consciencia do tirano fican os múltiples crimes cometidos contra o pobo de Chile e contra a humanidade: a morte de centos e centos de chilenos, a desaparición de milleiros máis, as torturas e vexacións aos detidos, a persecución política sobre a poboación, a instauración dun réxime ditatorial e a reversión do proceso socialista iniciado no país andino por Allende e a subseguinte instauración dun feroz capitalismo, no que viñan a ser as primeiras mostras do neoliberalismo en terras de América Latina.
 
O domingo 10 de decembro morría nunha cama dun hospital militar chileno César Augusto Pinochet, o xeneral golpista que un 11 de setembro de 1973 se alzara en armas contra a legalidade democrática chilena instaurando un réxime ditatorial de terror no país andino. Cousas da vida, o seu pasamento veu a coincidir coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, xusto o que el e mais os seus non practicaron desde o exercicio do poder, os dereitos humanos.

Na escura consciencia do tirano fican os múltiples crimes cometidos contra o pobo de Chile e contra a humanidade: a morte de centos e centos de chilenos, a desaparición de milleiros máis, as torturas e vexacións aos detidos, a persecución política sobre a poboación, a instauración dun réxime ditatorial e a reversión do proceso socialista iniciado no país andino por Allende e a subseguinte instauración dun feroz capitalismo, no que viñan a ser as primeiras mostras do neoliberalismo en terras de América Latina.

Que a xustiza non fose quen de lle meter o dente ao xeneral golpista fala das dificultades da transición política nun país como o Chile onde as feridas aínda están abertas. Abertas e tanto, como se viu estes días co gallo dos funerais polo pasamento de Pinochet. Se cadra, a verdadeira culpábel disto hai que a procurar na maldita ‘impunidade’, ese traxe que visten os poderosos cando os tempos mudan e non se quere que muden as vontades.

Alguén dixo estes días algo así como que qué demo faría ese señor Pinochet cando, sendo como era un ancián, moitos foron os que se aledaron e mesmo celebraron a súa morte. Non se cumpriu aquí tampouco o daquel poema-aforismo do uruguaio Mario Benedetti que dicía: “Un torturador non se redime suicidándose/ pero algo é algo”.

Cadra tamén esta semana da morte do criminal chileno co debate no Parlamento español acerca da chamada Lei da Memoria Histórica, un compromiso electoral do PSOE de Rodríguez Zapatero que máis que mediada á lexislatura chega ao seu debate en pleno nas Cortes españolas. O texto proposto polo PSOE é unha lei tímida e incompleta, que está a producir o rexeitamento dos sectores da esquerda no Estado español, así como das forzas nacionalistas. Certo é que tamén a dereita reaccionaria que encarna o Partido Popular está en contra da devandita Lei da Memoria Histórica. Neste caso, pola súa incapacidade para se desprender da súa propia herdanza como partido fundado por valedores do réxime franquista, como o seu presidente de honra, Manuel Fraga Iribarne.

De aí que non sexan de estrañar as declaracións do ex presidente da Xunta de Galiza gabando a figura do ditador chileno, feitas aínda estes días e que corroboran o mantido xa hai anos por Fraga Iribarne en defensa da ditadura pinochetista. Declaracións nauseabundas como as sentidas na COPE, emisora de radio dos bispos españois, nas que se cualificaba de ‘golpista’ (sic) o presidente lexítimo, o inmolado Salvador Allende, e se reservaba o papel de ‘defensor da democracia’ ao fascista Pinochet. Mais así é boa parte da dereita española actual: ultra.

Pasados setenta anos do alzamento fascista de 1936 no Estado español e máis de trinta e cinco da morte do ditador Franco, a restauración da memoria e dignidade dos millares de persoas que defendían a legalidade democrática da República aínda non é posíbel, e iso que hai tempo que parece que o ruído dos sables deixou de coutar a nosa liberdade.

Oxalá en Chile si sexa posíbel esa restauración, e a morte do ditador Pinochet sirva para que a memoria dos que padeceron a ditadura brille con luz propia no país andino. A memoria de Salvador Allende, de Víctor Jara, de Pablo Neruda e de tantos e tantos outros...


Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta