|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A estudosa marxista Marta Harnecker vén cualificando de revolución ‘sui generis’ o proceso político e social que está a experimentar o país caribeño. E non hai dúbida de que así o é, comezando pola súa propia xestación coa vitoria electoral de Hugo Chávez xustamente un 6 de decembro do ano 1998. Vitoria que logrou con pouco máis de tres millóns e medio de votos, é dicir, que en oito anos case duplicou os seus apoios electorais. Chávez, tras acceder ao cumio do poder político da república de Venezuela, axiña comprendeu que o que se precisaba era un avanzo profundo e radical en beneficio das clases populares e os máis desfavorecidos. Avanzo profundo e radical que se ía facer pola vía reformista, mais en realidade o que está a resultar é un reformismo nidiamente revolucionario. De feito, apenas un ano despois de acceder ao cargo, o país xa contaba cunha nova constitución, emanada dunha Asemblea Constituínte. Nacía así a actual República Bolivariana de Venezuela. Con todo, o proceso revolucionario liderado por Chávez tamén axiña comezou a sufrir o boicoteo activo por parte dos representantes da oligarquía venezolana, indisimuladamente apoiados pola administración dos EEUU. O certo é que o imperialismo norteamericano desde o primeiro momento tomou nota da actitude do líder bolivariano e puxo a traballar a maquinaria para facer posíbel o seu derrocamento ou mesmo a súa desaparición física. Salvando todas as distancias, a pantasma do chileno Salvador Allende, que tamén tentara mudanzas sociais e económicas profundas tras vencer unhas eleccións, aparecía na Venezuela de entre séculos. Chávez e a súa extensa rede de apoios tiveron que soportar a presión dun golpe de estado en abril de 2002, que tivo na corda frouxa o proceso revolucionario iniciado no país e mesmo a vida do presidente pendente dun fío. A inquebrantábel vontade popular dos sectores máis desfavorecidos, con millares de persoas saíndo á rúa, así como o apoio de boa parte do exército e das forzas políticas e sociais favorábeis á Revolución, deteron o golpe. Mais un novo golpe estaba a fraguarse. Desta volta en forma de paro petroleiro. O paro petroleiro desenvolveuse durante dous meses, de decembro de 2002 a xaneiro de 2003, e viña a significar un novo intento de facer claudicar a Chávez e impedir o desenvolvemento do proceso bolivariano en Venezuela. O reto para as forzas políticas e sociais que apoiaban a revolución foi maiúsculo, xa que unha medida destas características tiña unhas repercusións moi importantes no día a día do conxunto do pobo venezolano. A perseveranza con que resistiron este novo intento desestabilizador acabou por desgastar os promotores do paro petroleiro. Como a Constitución Bolivariana da que se dotara o país no ano 1999, por impulso de Chávez, contemplaba de xeito inédito a posibilidade da revogación do presidente da República, a oposición venezolana deu pasos neste sentido e en agosto de 2004 tiña lugar en Venezuela un referendo revogatorio co que se buscaba a caída de Chávez e a detención do proceso revolucionario. Mais as urnas volveron falar do lado chavista: un 60% da poboación que votou apoiaba a Chávez (case uns seis millóns de apoios) fronte a un 40% que optaba pola súa revogación (apenas uns catro millóns). A partir de aí, tanto as eleccións rexionais de outubro de 2004 como as parlamentarias de decembro de 2005 acabaron por consolidar o espazo político-institucional das forzas que apoian a Chávez, o que tamén tivo expresión nestes últimos comicios presidenciais de decembro. Elección a elección o proceso revolucionario en Venezuela segue o seu curso na historia. Con avanzos notábeis, erros a corrixir e unhas posibilidades de futuro que están a irradiar o presente do continente americano, a revolución bolivariana tracexa o seu destino. E o pobo -sempre o pobo- di SI a este socialismo do século XXI, que é tamén un socialismo que cre na ‘autodeterminación nacional’ (artigo 1 da Constitución venezolana de 1999) e na ‘soberanía popular’ (artigo 5 do mesmo texto estatutario).
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/12/2006 |
||||
|