|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
O primeiro dos textos é a carta a unha amiga moi querida que ve con reticencia o meu compromiso político. Nela trato de explicar por cales razóns da mente, e do corazón, estamos nisto. Non é máis, en realidade, que unha simple carta. Para Rosa María, ou para calquera lector que se achegue a estas páxinas de boa fe e con ánimo de comprender. O segundo texto está escrito un día calquera, a raíz da lectura dun xornal que tomou partido na política e conspira desde a oposición. Reafirmo nel as miñas convicións. E expoño a grandes trazos os motivos polos cales non formo parte da manda. Por último, reedito un texto xa publicado verbo os principios que nos alentan neste proceso. Foi escrito a raíz dunha conversa co comandante Wilmar Castro, un venres á noite, hai xa preto de dous anos, na casa de Rafael Gruszka. Coido que estaban presentes Julio Montes, María Cristina Iglesias, Lucas Pou, Jacqueline Farías, William Fariñas, Alejandro Hitcher, Reinaldo Bravo e outros compañeiros. Nesa xuntanza Wilmar dicíanos que un labor de altísima prioridade era a formulación conceptual dos valores e principios que moven este proceso. Preguntábase: Cara a onde imos? Como será esa sociedade que estamos a construír? Esa fin de semana escribín este texto, a maneira de índice, ou máis ben como unha sorte de guía elemental para que, a partir de aí, o desenvolvésemos con detalle, axeitándoo á nosa realidade concreta. Esa tarefa, como tantas outras, aínda está pendente.
Benquerida Rosa María: Hai uns días, mentres tomabamos un café amigabelmente, concentrando o teu agarimo e o meu nunha conversa de posta ao día, manifestaches a túa estrañeza, ou máis ben curiosidade, polo meu compromiso anímico e intelectual, blindado, co proceso de cambios que está a vivir Venezuela. Como queira que ese tipo de conversa de cafetaría non dá para moito, pensei que sería bo tentar explicarche, moi especialmente a ti, que sei que non abeiras dúbidas verbo a miña honestidade de pensamento, as razóns máis sentidas dese compromiso que tanto che chama a atención. Debo advertir que non quero convencerte de ren. Non son un apóstolo, nin propagandista nin voceiro deste proceso. Pretendo soamente que me entendas. Facer que poidas botar unha ollada aos motivos da alma (ou débese dicir á alma dos motivos?) deste vello, leal e perseverante amigo teu. Quero comezar lembrándoche o que ti ben coñeces: que tracei coma un norte da miña vida a loita pola verdade, a xustiza e a beleza, á procura de que se instalen no reino do común, isto é, no universo das relacións humanas sobre o que discorre a nosa existencia. Pois se algún sentido ten a vida, teno, ao meu xuízo, nas oportunidades reais de atinxir o maior coñecemento posíbel, a maior felicidade posíbel, a maior sensibilidade posíbel. Refírome á vida de cada un, mergullado na corrente do mundo. Como unha historia engarzada entre millóns de historias, todas elas valiosas, todas elas merecedoras de seren observadas sen ter que desviar os ollos pola vergoña. Sabes, por conseguinte, que me resisto a aceptar a indignidade sementada desde o poder, a ignorancia que é un produto inicuo da desigualdade, a pobreza que é o resultado cruel da inxustiza. Amólame en calquera caso pero máis aínda, até se facer insoportábel, cando as vítimas de todo iso son os nenos, os débiles, aqueles que non teñen a posibilidade de decatarse da natureza da poza onde están mergullados. Entendo que todo isto pode semellar abstracto, cando non retórico. Pero, quen non carga consigo a súa abstracción e a súa retórica particular? Algúns constrúenas de cobiza de poder, de culto ao éxito, de hedonismo privado, por enriba do que sexa. A maioría estruturan os seus argumentos a partir do que ensinan, simplemente, a loita pola sobrevivencia. Aínda que, xa daquela, hai algúns que os perfilan de motivos máis interesantes. Eu tento edificar a miña vida sobre uns puntos de apoio tan elementais como os que che dixen: que a verdade, a xustiza e a beleza poidan prevalecer no mundo ao cal un contribúe cos seus pequenos actos. Pensarías, por iso, que son un inxenuo? Se cadra pódese afirmar que iso é así, pois unha certa dose de inxenuidade convive comigo, e até a cultivo, sen que me moleste. E alguén podería dicir que son un parvo, pasado de moda. Pois canto o lamento. Pero así son os meus asuntos. Dese xeito sitúome ante o que me rodea para contemplar o mundo ficar quedo. Con eses sinxelos principios tratei de entender o presente, bebendo da historia que nos trouxo até aquí, e ollando tamén cara adiante, cara ao que nos agarda, tentando influír dalgún xeito nos acontecementos. E o que vin e o que vexo, non podo dicir que me agrade en moitos dos seus capítulos, que son os capítulos do absurdo. Vexo moita infelicidade innecesaria. E non me refiro á que deriva do feito mesmo da existencia, coas súas contradicións e dificultades, senón á que medra e se alimenta da escuridade social que é un produto xenuinamente humano. Vexo moita dor, soidade, abandono, malevolencia, crueldade, que son amasados coa fariña das relacións humanas. E un fondo egoísmo, que até ridículo sería, mesmo patético, se non fora pola súa perversidade, convertido en alicerce das ideas máis estendidas. E esa infelicidade, e esa dor, e ese abandono, concrétanse dun xeito moi especial na sociedade venezuelana, á cal non é posíbel observar sen un estremecemento da alma. Millóns de persoas vivindo na pobreza absoluta, coas consecuencias materiais e espirituais que iso significa. Millóns de persoas cos seus dereitos como seres humanos violados desde o momento mesmo do seu nacemento, e non por causa da sorte, senón por un deseño superior ao que pouco lle importa o que poderiamos denominar, tal como se fai nas batallas, danos colaterais. E pregúntome: Como é posíbel que chegásemos até aquí? Quen nos conduciu até este punto? cales gobernos foron os que organizaron este desastre social e económico? que grupos influíntes apoiaron a eses gobernos? que intelectuais o consentiron? en que luxos e frivolidades se mergullaban mentres o país ía esvarando por unha costa interminábel? porque tantas, e tan cualificadas, persoas afastaron a vista ollando cara a outro lado? porque tantos se desentenderon da desgraza da maioría para atender os seus propios negocios? quen mandaban aos que mandaban? onde estaban daquela os medios de comunicación que non advertían sobre a ignominia e a escuridade? E, sobre todo, en que fantasía nos moviamos para que o horror, e un grande sentimento de indignación non sobrecollera a todos? En que arredado recuncho se recluíra a xente sensíbel? Foi só encubrimento ou tamén complicidade colectiva? Até onde, até que capas da sociedade atinxiu esa inmoral confabulación? Olla hoxe ao teu redor, Rosa María, coa ollada clara, e verás o mesmo que eu vexo e que calquera pode percibir: unha herdanza maldita da cal hai que desembarazarse canto antes. E aquí, xunto á necesidade do cambio, é onde se comeza delinear o agoiro dese mesmo cambio, ao cal eu me adscribo e no cal hai que confiar porque, sobre que alicerces morais aceptar o que se nos viña impondo desde un poder alleo a ningún soño que valla? Pois acontece, e menos mal que acontece, que nos ollos dos máis abandonados, comezou a aparecer desde hai pouco tempo un brillo inusual. Non o ves? En que lugares andas? Seguro que o verías con só querelo. Convídote a vir comigo aos bairros, ás urbanizacións populares, a percorrer as vilas do interior, para que vexas instalada na ollada da maioría unha luz de esperanza. Abre os ollos, Rosa María, pois algo está a pasar. Algo marabilloso que está alén nós. Deixa por un intre o pequeno ámbito no cal andas. Ese non é o país! Ou, alomenos, non é todo o país. Apaga o televisor por un cachiño. Pecha o xornal. Imos á rúa, onde está a xente, para tentar entendela, para tentar interpretala. Alá está o nó de toda esta cuestión que nos ten en vilo desde hai xa dous ou tres anos. Que pasa? Pasa que había un importante sector da sociedade venezuelana, unha grande parte da clase media (aínda que non toda, por suposto) que vivía en Venezuela como quen vive nun club privado. Resgardado no seu hábitat particular por uns muros infranqueábeis, aínda que fosen imaxinarios, con todas as facilidades ao seu alcance, negábase a admitir a realidade que facía estragos fóra deses muros. Millóns de nenos non ían á escola, por pór un exemplo dese desastre (non semella un exemplo abondo contundente?), pero dentro do club os servizos funcionaban excelentemente. A miseria, a ignorancia, a desesperación, o abandono, estendíase fóra dos limites do club, pero dentro ese sector da clase media, enceguecido ou desentendido, desfrutaba dun parvo paraíso privado. Grande necidade! Pois un ambiente e o outro, ambos lugares dun único sistema social, non estaban desconectados, senón que se relacionaban fortemente entre si. A fácil riqueza dun lado, tiña que ver coa pobreza do outro. A suposta civilización dos que manexaban o poder, a información e os recursos, tiña que ver coa calamidade da maioría. Dous países cadraban no tempo e no espazo, pero un non quería saber do outro, prescindía del e facía como se non existise. Pero o peso da realidade acaba por desbaratar calquera ilusión mal cimentada. Daquela aconteceu o que era previsíbel para calquera observador intelixente: chegou Chávez e chegou a xente de Chávez. Chegaron aqueles entre os cales me conto. E dígocho: se non fose Hugo Chávez, sería outro. Alguén tiña que chegar que estragase tanta hipocrisía, malignidade e ensimesmamento perverso. De modo que chegou. E que foi o primeiro que fixo? Enfocar os reflectores cara a todos os recunchos que eran mantidos na escuridade, para revelar as lacras terríbeis desta sociedade, da cal unha parte vivía á sombra dos negociados do Estado. Unha boa parte da clase media, pechada no seu club de privilexios, non quería ver como a pobreza desbordaba o país. Así pois, chegou Chávez e o primeiro que fixo foi pór ese tema da pobreza sobre a mesa. Puxo sobre o mantel a cuestión dos pobres, os indefensos, os doentes de soidade, os marxinados do ensino e da información, os esquecidos pola xustiza, os famentos, os execrados, os maltratados. Abriulles a porta, por así dicilo. Decátaste, Rosa María, que agora os seus rostros, as súas expresións de amargura, de indignación, de reclamo, ou mesmo de xenreira, e tamén de ilusión e de esperanza, se fixeron evidentes, colocáronse en primeira fila. De xeito que xa ninguén os pode ignorar. Tentarán detelos, manipulalos, deixalos onde están, na beiriña mesma da economía e da democracia, pero non poden ignoralos. E iso é o que moitos non aceptan. Os muros do club fixéronse de cristal e agora vese que a paisaxe non era tan enxebre e limpa como se supuña. É así, querida amiga. Ese é o problema. Non hai outro. Todo o demais é literatura, un conto, unha patraña política. Lerias intelectuais, neurose e resentimentos. Cando non desviacións peores. O feito é que esa parte da clase media foi quitada da súa ínsula conservadora e enfrontada á realidade que estaba alá, á sombra. Unha realidade que nos presenta problemas e exixencias que non se poden deixar de oír. Exixencias dramáticas. E iso é moi forte, moi forte, eu recoñézoo. Moi forte para quen estaban contentos no seu couto pechado e protexido. Por iso é que eu, xunto con outros, xunto a millóns, estou con Chávez. Por esa primeira e máis valiosa razón: a de ter tomado opción polos máis débiles da partida, aqueles que, se non é así, se non é por Hugo Chávez, seguirían sen esperanza ningunha de que os seus dereitos fosen tomados en conta. E non falo de dereitos especiais, de tipo político, ou doutro tipo. Falo dos máis elementais dereitos humanos, á vida mesma, á alimentación, á información, a un mínimo de dignidade como persoas. Ese é un mérito do presidente, un mérito histórico. Chávez tomou esa opción que ninguén tomara en corenta anos. Fixo súa a causa das grandes maiorías. Alá onde tradicionalmente houbera demagoxia barata e electoralista, el introduciu a preocupación xenuína por mudar a condición desas maiorías. Moitos dos cambios institucionais van nese sentido. Moitos dos temas que orientan as accións do goberno van tamén nese sentido. Convértese en política de Estado rematar coa exclusión. Os pobres apareceron en escena e teñen voz propia. Non é iso abondo importante? Dimo ti, que es unha muller de alta sensibilidade. Pero ademais, tamén estou con Chávez, porque desde que estou na política venezuelana, é o primeiro gobernante que vexo que ten a intención de facer cambios profundos para reconstruír o país. Fala dunha década de prata, para solucionar os máis graves problemas e pór (por así dicilo) o país ao día, nas infraestruturas, no ensino e a cultura, no desenvolvemento do aparello produtivo, no feito mesmo de garantir que cada venezuelano que veña ao mundo conte cun mínimo de condicións de dignidade. E daquela, fala dunha década de ouro, na cal se daría un gran salto adiante, así o entendo, sobre todo no plano espiritual e no perfeccionamento das relacións sociais. Confésoche que esa idea, así formulada, me entusiasma. Paga a pena pór todo, até a propia vida, ao seu servizo. Para que estamos aquí? Dirías que nos movemos no reino da utopía? Négoo. Isto non é utopía. A posibilidade de establecer cambios profundos nun país, nunha sociedade, no termo dunha xeración, foi corroborada en distintas ocasións polas xentes que nos precederon. Pero se de verdade o fose, quero dicir, unha utopía, de todos os xeitos, non pagaría a pena tentalo, por un sentido mesmo de orgullo colectivo? A min, no particular, e ti coñécesme, sempre me gustou moverme no ámbito da realidade. Pero non para aceptala con ánimo conservador, senón para forzala e dobregala cara á súa transformación. A realidade, amiga miña, como sabes, non é un destino imposto polos deuses. A realidade construímola nós, en parte co pensamento mesmo que xa a modifica e en parte cos feitos. A resignación, ao meu xuízo, é un dos pecados maiores e máis imperdoábeis. Por iso gústame isto no que andamos, malia os erros sen número que cometemos. E como non cometelos? Cando unha sociedade se move por camiños inéditos debe pagar un prezo por iso. Non se nace aprendido. Non hai receitas escritas sobre o modo de lograr unha transformación profunda. E hai poucas referencias sobre os modos de atinxila en paz, tal como estamos procurando conseguilo. Como esta carta non ten, nin moito menos, a intención de semellar unha análise política, abonda recoñecer que en moitos xeitos non o estamos a facer ben, pois gobernar nun mar tan bravo é difícil. E aínda máis difícil se fai cando se ten que construír coa mesma lama e coas mesmas mans, pois non hai outras, que soportaron a construción anterior. Pois a xente non se renova por decreto. As aprendizaxes son devagar. Os procesos de modificación das relacións humanas son moi complexos. Estruturas vellas soportan os cambios. Estruturas culturais, legais, económicas, que poñen area nas engranaxes. Pero aquí estamos. Distinguimos de cal lado están os valores profundos. Tentamos ir desfacendo o complicado nobelo onde se mesturan hoxe os fíos da xustiza cos da inxustiza, para ver se podemos diferencialos ben. E coido que se a xente de boa vontade tomase un vaso de xenerosidade polas mañás durante un tempo, e arredase da súa mente esa néboa que dan os prexuízos, daquela os cambios que o país precisa, e que son imparábeis, poderían ter lugar a un ritmo máis rápido. E nada máis. Espero que estas notas leven un pouquiño de luz sobre os motivos do meu compromiso. Se o logrei, magnífico. Se non, temos que buscar a maneira de continuar a conversa noutro intre. Co agarimo de sempre. Un bico grande.
Un día calquera, hoxe, por exemplo, que é domingo, leo con atención ás seis e trinta da mañá un dos xornais máis importantes do país. A súa lectura sempre bate en min un pouco, confésoo. Sinto que me acurrala, ponme contra a parede, sinálame co dedo, e pon en evidencia a miña demora e anacronismo impenitente, o populismo exacerbado das miñas ideas e a miña cultivada cegueira ante a realidade, ao mesmo tempo que desenmascara o culto á violencia que eu debo ter e o protofeixismo do meu pensamento. É duro, confésoo de novo, recibir estes aldrabadas á conciencia en tan cedas horas. A xulgar por este xornal e polos que nel escriben, moitos deles amigos ou coñecidos meus, hai unha boa cantidade de venezuelanos chavistas que estamos validando unha grande farsa, un estrepitoso fracaso, conducidos por un caudillo con graves problemas de personalidade, e manexando ideas decimonónicas, totalmente desvencelladas do mundo contemporáneo. Unha gran farsa que, dun momento a outro, se vai afundir con estrépito, para volver situar os asuntos públicos de novo na traxectoria axeitada. E son tantas e tan importantes as sinaturas que avalan permanentemente ese pensamento acusador que, nun primeiro intre, logran acomplexarme un pouco. Artistas de grande sona, columnistas de toda a vida, prestixiosos analistas políticos, economistas de grandes méritos, monseñores en activo, premios nacionais, maxistrados, profesores universitarios, e unha morea de ex, a saber, ex ministros, ex secretarios xerais, ex deputados, ex gobernadores, ex xerentes de empresas públicas, ex presidentes de confederacións, ex xenerais, e mesmo até ex guerrilleiros, todos eles configurando unha grande fronte intelectual, sólida, maciza, uniforme (salvo en cuestións de detalle), que poñen prazos e contan os días para que remate este pesadelo que vive o país, esta calamidade que eu defendo. A maioría dos intelectuais están alá. Din eles, dano por descontado. E céganse entre si coas súas observacións e argumentacións. Non hai dúbida (é dicir, non lles colle dúbida) de que eles representan a intelixencia, o coñecemento, a madureza da razón, o sentido de modernidade, o ecumenismo moral, a independencia de pensamento, o civismo e o equilibrio emocional. Tamén, para asoballarme nesta tranquila mañanciña de domingo, representan sobradamente a maioría intelectual. Nós, pola contra, representamos a caverna. E somos moi pouquiños.Supoñen eles. A verdade, visto así, é como para amilanarse un pouco. Pero... será certo que é así? Fágome esa pregunta. Para responderme a min mesmo (e de paso non deixarme arrecunchar polos que teñen o recurso dos medios ao seu alcance, o cal non é pouca cousa) vou permitirme anotar algunhas dúbidas ao respecto, dúbidas que se supón que son o alicerce de todo razoamento organizado. Dúbidas que expreso a través dalgunhas interrogacións directas: Será verdade que hai unha maioría de intelectuais que está contra este proceso de cambio que vive o país? E, en caso de ser certo, (eu dubídoo) a eses intelectuais que se ven a si mesmos como maioría, non lles dá arrepío, non lles semella sospeitoso, conformar ese clan, estar nesa panda de pensamento uniforme ou unificado, co apoio dos grandes medios de comunicación e dos antigos poderes insepultos que tanto inflúen aínda na escena? Pregúntome tamén: Seica os intelectuais non teñen intereses? Será que eles non os teñen? Por outra banda: Ter logrado ocupar un posto no ámbito público intelectual, (falo de sona, audiencia, acceso á opinión), seica é unha garantía de independencia e integridade pola súa parte? E así como formulo estas preguntas, para min mesmo e para eles, atrévome tamén a deixar escrito o seguinte: Ah, non, amigos, non se oian tanto a si mesmos, pois non semellan intelectuais, semellan xentiña. Non acrediten todo o que vostedes digan uns a outros en círculos cada vez máis pechados. Deixen a rutina fácil do prexuízo e a preconcepción, que cada vez lles fai máis dano e os desafina máis. Saiban que, como calquera fillo e veciño neste país, vostedes o que están a facer simplemente é tomar posición, nin máis nin menos. E nin os seus xeitos nin os seus talentos creativos son argumentos válidos e suficientes para avalar esa posición tan cuestionábel. Deixen, por iso o autoeloxio, o eloxio mutuo, e a complicidade. É dicir, deixen de lado a medianía que hoxe os empantana. Arrisquen un pouquiño. E, sobre todo, poñan a un lado as motivacións subalternas. Xunto coa razón, unan o corazón á ollada e miren cara a un país que vive alén da "gallera" (lugar de pelexas de galos con moito balbordo) de vostedes. En todo caso, e iso sería de agradecer, fáganse independentes de verdade e non simuladores de independencia. Digo, vostedes, que presumen de independencia. Non eu, que son chavista, e que non teño problemas por iso. Que son chavista e que o sería aínda que estivese só nisto. Porque fun chavista toda a vida, aínda antes de coñecer o presidente. Porque non me importa mergullarme no río da xente e nadar nel. E iso é ser chavista. Porque cos pobres da terra, quero eu a miña sorte botar. E iso é ser chavista. Porque non me afecta estar en minoría, cando creo estar no correcto, e iso é ser chavista. Nin tampouco, desde logo, me preocupa formar parte da inmensa marea do pobo, tal como agora acontece, en realidade. E iso é ser chavista. Porque non me poden mercar con nada, absolutamente con nada, e iso é ser chavista, nesta etapa, en Venezuela. Porque trato de utilizar a capacidade de pensar, non para dilucidar as verdades aparentes, senón as verdades profundas. E iso é ser chavista. Porque non son feixista, senón que combato o feixismo que asoma polos predios da oposición e que mostrou o seu rostro nos días de abril. E iso é ser chavista. Porque non renuncio a reflexionar libremente, a ver con tento, e a actuar con xenerosidade, e iso é ser chavista. Porque coñezo máis ou menos ben as escuridades do poder real do cal procede a inxustiza, neste país e en todos os países, e loito contra el. E iso é ser chavista. Porque non como contos de camiño, e digo
con León Felipe que xa sei todos os contos. Porque non son populista, como o foron todos, sen excepción, os que manexaron o país durante corenta anos, senón que estou co pobo e son parte do pobo. E iso é ser chavista. Porque non salto cancelas, nin me desdigo, nin me contradigo. E iso, para min, neste momento moi particular da nosa vida, é ser chavista. Porque considero que moitas das razóns de Bolívar, gran parte dos seus propostas e, desde logo, absolutamente o seu exemplo, seguen vixentes para nós. E iso é ser chavista. E ademais, por suposto, porque estou con Chávez, coa confianza en que el non vai traizoar as esperanzas dun pobo. Así de sinxelo, nesta tranquila mañá de domingo e na mañá que vén, e en todas as que faltan, mentres refacemos a patria. Dando por certo que somos multitudes.
1 No medio da vertixe que estamos a vivir, sento a pensar sobre a intención derradeira do proceso de cambios. Tento precisar cál é o grande obxectivo estratéxico deste proceso. Con tanta auga como pasou baixo as pontes das revolucións ao longo do século XX, coido que paga a pena preguntar: A que tipo de sociedade aspiramos? De modo que escribo estas notas co fin de aclararme a min mesmo o sentido profundo dos feitos políticos que están acontecendo en Venezuela neste paso de século. Espero que elas dean fe dos valores que quixésemos que predominasen na sociedade que estamos a construír. Dalgunha maneira, eses valores poderían ser considerados os alicerces espirituais sobre as que se deseña o proxecto de transformación.
Comezo por dicir que acepto sen complexos e con orgullo a miña condición de intelectual chavista. Sono en canto recoñezo un liderado, o do presidente Chávez, pero tamén en canto ese cualificativo me irmanda con amplos sectores da poboación que teñen neste proceso a única posibilidade de dignificar a súa vida. Eses sectores, até o de agora empobrecidos e marxinados, son chavistas porque senten que Chávez os expresa. E cadro con eles.
O chavismo é, pois, unha vontade de transformación. Alén dos acertos e erros, das idas e voltas, dos tropezos no camiño, da fraxilidade das euforias e, mesmo, das dúbidas normais de toda experiencia complexa, entrañada de dificultades, o chavismo é, sobre todo, unha consistente decisión popular de impulsar cambios irreversíbeis.
Acompañamos eses cambios entendendo que as súas contradicións son a parte de vida que entre todos achegamos. Pois os procesos políticos están feitos da mesma lama que os seus homes e mulleres. Desenvólvense coas súas imperfeccións. Tamén coas súas virtudes. E esta virtude extraordinaria que é a disposición e o atrevemento a renovarse , a refacerse é, en definitiva, a garantía de que todo vai saír ben. Non se trata dunha ilusión. Trátase dunha esperanza moi concreta soportada sobre as nosas propias forzas, as forzas da xente común.
Que valores reclamamos como nosos no gran balbordo social que estamos a vivir? Cito algúns: Espírito revolucionario, sentimento de equipo, racionalidade, visión estratéxica, respecto na diversidade, paixón pola xustiza, inclinación á beleza, predilección pola verdade, valoración da memoria colectiva, sensibilidade social, desprendemento, conciencia da produtividade. Tento describilos.
Espírito revolucionario Isto é, adicción ao cambio, á transformación creadora, á constante procura dun mellor escenario para as relacións humanas. Na comprensión de que a vida é un permanente fluír e que os vieiros por onde esa vida transcorre son, en boa parte, unha construción humana que debe ser revisada e readaptada en toda hora. Unha sociedade revolucionaria é unha sociedade esperta, activa, dotada dunha inconformidade que non lle permite, no caso dos seus éxitos, durmirse sobre os loureiros, pero á que tampouco afecta tanto os fracasos coma as derrotas, sobre as cales pode sempre redimensionar o camiño.
Sentimento de equipa Isto é, entendemento de que a vida social, no seu conxunto e nos seus detalles, é obra dun colectivo que vén actuando e deixando a súa pegada desde a orixe dos tempos. Entendemento e consecuente posta en práctica desa idea esencial. Decatarse da capacidade multiplicadora do esforzo concibido e realizado en colectivo. Sen que iso contradiga a iniciativa nin a responsabilidade individual senón que, xustamente, as potencie aos máis elevados niveis. Unha sociedade con sentimento de equipo é unha sociedade integrada, que non permite as exclusións nin os marxinamentos.
Racionalidade Isto é, humanismo concibido e exercido con intelixencia e pensamento lóxico. A aversión a todo o que signifique escuridade buscada, que poida devir en escurantismo. É o sentido común practicado en colectivo, o gusto polo razoamento cunha boa dose de pensamento escéptico. O cal non equivale a renunciar de maneira ningunha á valoración de todo o poético que poida haber na relación entre o humano e a natureza, senón todo o contrario. Unha sociedade racional constrúese a si mesma con grande equilibrio e sabedoría.
Visión estratéxica Isto é, capacidade para visualizar o porvir, a grandes trazos, e para saber construílo. Co fin de non deixalo ao chou, en previsión de que o azar non sempre puidese traer un futuro conveniente. Esta virtude social ten como soportes a intelixencia, a imaxinación e a cultura profunda, é dicir, o coñecemento da realidade onde nos movemos. Nútrese desa realidade pero non a acepta tal como é, se non que procura deducir dela o mellor dos futuros posíbeis. Unha sociedade con visión estratéxica é dona de si. Mantén o rumbo. Sabe onde vai. Non escoita cantos de serea.
Respecto na diversidade Isto é, tolerancia polo alleo, comprensión e aceptación de que a cultura é múltiple e plural. Ausencia, por conseguinte de todo fundamentalismo na condución da vida pública, de todo fanatismo, de todo dogmatismo, de toda imposición moral, de todo racismo, de todo privilexio étnico. Esta virtude pode enunciarse simplemente como o do amor ao próximo. Aínda que a palabra respecto é máis precisa e máis contundente. Isto serve para as relacións internas e para as relacións internacionais. Unha sociedade que se acepte diversa é unha sociedade sa, sen complexos, e ben disposta a calquera relación que poida ser formulada.
Paixón pola xustiza Ou, o que é o mesmo, rebeldía constante ante a inxustiza, para non aceptala nin no pequeno nin no grande. Facer desa paixón pola xustiza o fundamento de todas as relacións humanas, a base mesma de todo o que se edifique en conxunto. Unha sociedade inxusta é unha sociedade minada por contradicións insoportábeis que non lle permiten avanzar en paz. Unha sociedade que se recoñece na xustiza é, pola contra, unha sociedade onde paga a pena vivir.
Inclinación á beleza Isto é, afinación permanente dos valores estéticos individuais e colectivos para construír unha vida común cada vez de maior plenitude e satisfacción. Isto pasa por unha elevación espiritual constante de todos e cada un dos cidadáns. E pola procura sen acougo da máxima creatividade en todas as accións e en relación con todos os obxectos. Unha sociedade que busque a beleza, que a acepte
nunha dimensión humana, e que faga diso un valor compartido extensivamente, desfrutará
Predilección pola verdade Isto é, conciencia plena da importancia do coñecemento verdadeiro, sen sombras nin claroscuros, verbo a vida dos homes e verbo a marcha do mundo. Para facer que cada paso deixe pegada sobre o máis firme dos terreos. Para que cada acción estea cargada de contido. Na aceptación de que a verdade establecida como acordo, non é algo que naza de imposición ningunha, senón dos argumentos mellor sustentados. Unha sociedade que ame a verdade e aborreza a mentira, será unha sociedade transparente, enxebre, no mellor dos sentidos. E, por conseguinte, será unha sociedade onde se fará máis difícil a existencia dalgún tipo de opresión.
Valoración da memoria colectiva Apreciación de nós mesmos. Vale dicir valoración do patrimonio común, material e espiritual, que nos conecta coa nosa historia e coa historia dos outros pobos. Sentido da comunidade, con conciencia plena das semellanzas e diferenzas con outras comunidades. É dicir, conciencia da propia identidade. Respecto por cada unha das pezas que integran a memoria. Respecto pola integridade de todas elas. Unha sociedade que lle dea valor á súa memoria colectiva, non incorrerá en erros pasados, non percorrerá camiños xa andados e, sobre todo, non se despersonalizará.
Sensibilidade social Tamén poderiamos dicir sentido da compaixón, enriquecendo e complementando o sentido da xustiza. É dicir, saberse pór no lugar dos outros, para sentir os seus problemas e identificarse con eles. É a virtude social contraria ao vicio do egoísmo ou individualismo. É precisa para que o equilibrio se poida dar con naturalidade. Unha sociedade onde a sensibilidade social sexa un valor de todos os seus membros non coñecerá a indignidade nin a miseria.
Desprendemento Unha sociedade desprendida desfruta máis da vida en termos esenciais. Atopa máis sabor na sinxeleza das cousas.
Conciencia da produtividade Isto é, comprensión do sentido da riqueza como produto do esforzo colectivo. Adicción ao pensar e ao facer, compenetrados como un todo. Amor ao método, ao proceso, pero tamén ao obxecto, ao resultado. Valoración do traballo creativo como soporte do lecer tamén creativo. Unha sociedade con conciencia produtiva é unha sociedade que derrotou de antemán a pobreza.
Ao servizo destes valores, e doutros semellantes que quixera saber compartidos pola maioría da xente, desprego no meu caso a contribución grande ou pequena que a cada un lle toca facer na súa área de actuación. Non estou a falar das miserias da política. Non estou a falar da mesquindade dos intereses grupais ou partidistas. Pola contra, fágoo en relación á oportunidade de refundar un país, de recompor unhas relacións sociais, de converternos, sen complexos, nunha referencia para o mundo, deixando atrás a opresión, a pobreza, a ignorancia e a inxustiza profundas que aínda viven entre nós.
|
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2006 |
|||||||
|