Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 18 de decembro de 2006

Entrevista a Begoña Peiteado, médica do PAC de Vigo e delegada sindical da CIG Saúde
Mobilizacións das urxencias extrahospitalarias en toda Galiza

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Urxencias extrahospitalarias Vigo, clic para aumentar
Begoña Peiteado (no centro da imaxe, co megáfono): “Valoramos positivamente esta mobilización, e cando menos que desde a Administración haxa certa intención de tomarse este asunto en serio. A participación foi moi boa en todas as áreas e en Vigo especialmente. A convocatoria foi exclusivamente da CIG e tivo moi boa acollida entre a xente, por iso consideramos que foi un absoluto éxito”.
 
Este xoves 14 de decembro e tamén o venres 15 houbo concentracións ás doce da mañá do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) para reclamar a apertura da mesa sectorial para abordar os problemas que os traballadores e traballadoras das urxencias extrahospitalarias veñen padecendo en Galiza.

As mobilizacións en Vigo, Ferrol, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Compostela foron un éxito (na xornada do venres tivo lugar a concentración en Lugo), acadando o obxectivo de que o Sergas se comprometa a reabrir esta mesa sectorial a vindeira semana.

A continuación reproducimos unha entrevista con Begoña Peiteado, médica do PAC de Vigo e delegada sindical da CIG Saúde, que explica máis detalladamente a problemática destes traballadores e traballadoras e os motivos que os levaron a mobilizarse.


Zélia García:
En que consistiron as mobilizacións que tiveron lugar este xoves 14 de decembro nas sete cidades galegas?

Begoña Peiteado: As concentracións foron de persoal de PAC, urxencias extrahospitalarias. Reclamábamos que se volvera abrir a mesa de negociación en Compostela porque o modelo novo que se asinou o acordo o ano pasado está a medias, sen rematar. Hai algúns PAC's que están xa co modelo novo e outros que están a medio camiño, polo que unha das primeiras reivindicacións é que se unificara todo este proceso.

  Urxencias extrahospitalarias Vigo, clic para aumentar
Urxencias extrahospitalarias Vigo, clic para aumentar
As mobilizacións en Vigo, Ferrol, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Compostela foron un éxito (na xornada do venres tivo lugar a concentración en Lugo), acadando o obxectivo de que o Sergas se comprometa a reabrir esta mesa sectorial a vindeira semana. (Fotos: ©galizacig.com 14/12/2006).
Urxencias extrahospitalarias Ferrol, clic para aumentar
 
Outra das reivindicacións é que se negocien novas condicións laborais para ese persoal porque o traballo é nocturno, en fin de semana, en festivos, e non se cobran ningunha retribución nin complementos que hai no Sergas para ese tipo de traballo. Todo iso está sen negociar.

A xornada que temos os que estamos xa na última fase é de 1.570 horas anuais e para traballo nocturno no Sergas a xornada establecida é de 1.430, que o que reclamamos traballar.

Zélia García: Tamén hai cuestións concretas que afectan ao voso traballo diario. Pódesnos contar máis polo miúdo a vosa problemática?

Begoña Peiteado: Tamén se reclamaban cousas puntuais que afectan a algunhas xerencias e a outras non. A aplicación do acordo non é igual en todas partes. A forma de elaborar as carteleiras de gardas non é igual porque continúan a existir nos PAC aínda algún persoal dos centros de saúde, médicos, enfermeiros, que fan algunhas gardas de forma voluntaria. Por exemplo, na xerencia de Vigo primeiro anótanse estes voluntarios e logo enchen co resto. Nós reclamamos que sexa ao revés, que primeiro se poña a xente que o seu traballo é o PAC, e que logo os que fan horas extras de forma voluntaria pois que enchan os ocos. Tamén pasa que cando ti estás de baixa laboral, ese tempo que estás de baixa non che computan as gardas que tiñas postas no calendario senón que fan un computo dividindo a xornada anual entre os días, sae a algo máis de catro horas por día, e o caso é que se estás dous días de baixa e coincídeche con unha garda que poderían ser 17 ou 24 horas, en vez de contabilizar este tempo contabilizaríanche oito horas e pico. E así chegas ao final de ano e resulta que non cumpriches a xornada porque estiveches de baixa. Esta é unha das cousas que se está a facer e que nós consideramos que está mal.

Temos problemas tamén coa substitución das vacacións porque non nos substitúen. Entón se eu marcho de vacacións quince días en agosto e os outros quince días fago todas as gardas aí comprimidas, un día si e un día non. Ademais non son só as miñas senón que tamén teño que facer as da miña compañeira que se marcha nesa outra metade do mes.

Outra cuestión e que solicitas un día de libre disposición ou un permiso de libre disposición que todos os traballadores e traballadoras do Sergas temos dereito a nove días e non te substitúen porque din que non hai xente. Isto é mentira porque iso o controlamos, somos poucos e sabémolo. Están denegando todos os permisos. E isto pasa por exemplo nalgunhas áreas e noutras non.

Nós solicitamos calendarios para todo o ano, e están a dar os calendarios mes a mes. No PAC de Cangas o calendario deste mes de decembro, o 27 de novembro aínda non o coñecían. O normal é sabelo con antelación todos os meses pero nomeadamente o de decembro porque hai xente de fóra, que quere arranxar a súa vida, e resulta que o 27 de novembro aínda non sabían cando ían traballar, se ían ter que vir en Nadal ou en fin de ano.

Zélia García: E que conseguistes con esta convocatoria?

Begoña Peiteado: Este venres hai un compromiso do Sergas a que para a semana se abra a mesa sectorial de negociación en Santiago. Estas pequenas cousas que te contaba agora son máis de xerencia pero o grande, rematar o modelo, negociar esas novas condicións laborais ten que ser a nivel autonómico, na mesa sectorial. Agardamos que cumpran o compromiso de retomar esta mesa que estaba xa aberta. Todo isto comezou coa folga de fame que houbera en Vigo no 2004 de catro profesionais de reforzo, como lles chamaban antes, e a partir de aí se asinou este acordo para rematar coa situación que había nos PAC's que tiña que haber gardas obrigatorias para xente dos centros de saúde e o que non se cubría con iso estaba ese persoal de reforzo que só cotizaba á seguridade social o día que traballaba, eran unhas condicións horríbeis. Conseguiuse un acordo que se estivo a negociar durante un ano, o acordo é do 2 de xuño do ano pasado. Esa mesa seguiu aberta todo este tempo porque como foi un proceso gradual, algúns PAC's ían entrando antes e outros detrás pois a mesa estivo aberta durante un montón de tempo. A última mesa foi en xuño deste ano, no que houbo outra quenda de PAC's que se adaptaron ao novo modelo, aínda así quedan 10 PAC's en Galiza que están con unhas condicións aínda peores, que nin tan sequera son as 1.570 horas, son 1.624, con retribucións menores. O compromiso era que se volvería abrir esta mesa porque o Sergas xa sabía que tiña que negociar isto, que estaba pendente. Por fin podemos asumir que por causa da mobilización de onte decidiron que se abra.

Zélia García: Cal é a valoración que facedes desde a Federación da Saúde desta mobilización?

Begoña Peiteado: Valoramos positivamente esta mobilización, e cando menos que desde a Administración haxa certa intención de tomarse este asunto en serio. A participación foi moi boa, houbo moita participación en todas as áreas e en Vigo especialmente. A convocatoria foi exclusivamente da CIG e tivo moi boa acollida entre a xente, por iso consideramos que foi un absoluto éxito.

 
 

Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta