Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 20 de decembro de 2006

Entrevista ao secretario coordinador de Fequimetal (CGTP-IN)
João Silva: “Hai unha ofensiva global, totalmente penalizadora para os dereitos dos traballadores”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  João Silva, clic para aumentar
João Silva: “Recentemente obrigamos ao Goberno e á Patronal a establecer o acordo sobre as actualizacións do salario mínimo nacional, que sendo baixo, é un paso significativo. Nese acordo conséguese acadar unha actualización do salario mínimo nacional do 4,4% este ano, un valor un pouco por riba da inflación, e ao mesmo tempo o compromiso de que nos próximos catro anos o salario mínimo nacional sexa aumentado anualmente, algo que consideramos moi importante para a sociedade portuguesa”.
 
A continuación reproducimos unha entrevista mantida con João Silva, secretario coordinador de Fequimetal (Federaçao Intersindical da Metalurgia, Metalomecánica, Minas, Químicas, Farmacéutica, Petróleo e Gas), que forma parte da Organizaçao Sectorial da CGTP-Intersindical Nacional sobre e actualidade do sector Naval e da Automoción en Portugal, aproveitando a súa visita ao noso país na Constitución da Mesa do Naval.


Zélia García:
Como definirían desde a CGTP, e en concreto desde a súa Federación, o contexto actual da clase traballadora en Portugal?

João Silva: Os traballadores do metal en Portugal están como os traballadores da Galiza neste momento confrontados á ofensiva máis violenta contra o emprego, contra os dereitos dos traballadores e traballadoras e tamén das condicións de vida e traballo.

Podemos dicir que nos últimos cinco anos en Portugal a economía tivo un crecemento á baixa do crecemento da Unión Europea. Portugal recuou e polo tanto continúa a ser o país con peores condicións de vida do conxunto de países da Unión Europea, dos quince.

Todo isto resulta da aplicación en Portugal, por parte do goberno portugués, de maioría absoluta do Partido Socialista, das orientacións neoliberais e que caracterizan o actual rumbo da Unión Europea.

Zélia García: E dentro deste marco, os sectores da Automoción están a sufrir tamén as consecuencias da aplicación destas políticas neoliberais?

João Silva: En termos prácticos no plano do emprego un numero significativo de grandes empresas, en todos os sectores de entidade, comezando polo Metal e a Mecánica pesada (un dos sectores máis avanzados en Portugal, onte tíñamos tecnoloxía punta), desapareceron completamente en Portugal. Todas esas grandes empresas do Metal e a Mecánica pesada pecharon.

No sector do Automóbil, no de Montaxe, nos dous últimos anos pecharon dúas grandes empresas: montaxe de Ford e a Opel de Portugal coa deslocalización de produción, de Portugal neste caso concreto para España (Zaragoza). Isto significa tanto a destrución de moitos millares de postos de traballo que non son compensados co desenvolvemento da industria, coa creación de empresas no sector industrial.

O desemprego neste momento atinxe xa a máis de medio millón de traballadores e traballadoras, e para un país tan pequeno como o noso é moita a porcentaxe de desemprego, e resulta un dado moi significativo.

  João Silva, clic para aumentar
João Silva: “Consideramos moi importante que os traballadores en todos os países se organicen e loiten non só pola defensa dos contratos, dos convenios, senón tamén pola melloría das condicións de traballo. A ofensiva é global mais estamos de acordo que perante unha ofensiva de carácter global é necesario unha resposta cada vez máis coordenada e cada vez máis solidaria entre os traballadores, neste caso tamén dentro do espazo europeo”.
 
Zélia García: E como describiriades os efectos desta política na industria Naval?

João Silva: A situación da industria Naval non é unha situación recente, é un problema que vén xa de bastante atrás. A redución de postos de traballo e a destrución de moitas empresas e estaleiros do sector Naval comezou no inicio da década dos 80 co abandono do goberno portugués deste sector como un sector estratéxico para o país. Por un lado, coa descolonización portuguesa, a flota mercante e comercial practicamente desapareceu e deixou de existir; e por outro lado, a integración de Portugal na Unión Europea e os intereses de Portugal no sector da Pesca foron reducidos a menos da metade. O conxunto destas dúas situacións significou o pechamento do principal estaleiro naval, un proceso de reestruturación no que a maioría dos estaleiros do Naval de media dimensión desapareceron, e o que restou da industria Naval foron obxecto dun proceso de reestruturación coa redución drástica dos postos de traballo.

Neste momento en Portugal existen apenas tres estaleiros de dimensións razoábeis: Lisnave, un que emprega 1.800 traballadores, os estaleiros navais de Viana do Castelo, que empregan preto de 1.300 traballadores, e os estaleiros estatais, que pertencen ás forzas armadas portuguesas, e empregan a 1.600 traballadores.

No caso da industria Naval un dos maiores problemas con que os traballadores son confrontados é a precariedade do emprego. Dos dous estaleiros privados, en Viana do Castelo dos 1.300 traballadores, 300 son traballadores temporais que non teñen vínculo efectivo coa empresa. E neste tempo, a situación máis grave verificase na Lisnave, no maior estaleiro de reparación naval, onde dos 1.800 traballadores apenas 400 son traballadores da empresa fixos; dos restantes unha parte son traballadores cedidos por unha empresa que foi constituída só para excedencia de man de obra cos traballadores dun dos estaleiros que pechou, e todos os outros, case 1.000 traballadores teñen vínculos moi precarios, mesmo son traballadores que traballan por horas, que poden estar a traballar hoxe e mañá xa non estar a traballar. É unha forma de traballo precario e case marxinal mesmo fóra da lexislación portuguesa.

Zélia García: Na actualidade a sociedade portuguesa está a vivir unha grande cantidade de mobilizacións, demandando outras políticas de emprego e sociais, pódesnos contar máis polo miúdo as causas deste movemento de resposta?

João Silva: Isto acontece nun marco da ofensiva á que xa fixen referencia contra os dereitos dos traballadores, en que o goberno do Partido Socialista (que a pesar de ser do Partido Socialista desenvolve claramente política de dereitas e neoliberal, que está en curso tamén na Unión Europea) e que está a tentar alterar o conxunto dos dereitos fundamentais dos traballadores, incluíndo a legalización da precariedade. Isto é, dito dunha forma máis obxectiva: se neste momento podemos dicir que o que pasa en termos de emprego precario nos estaleiros da Lisnave, por exemplo, esta á marxe da lei, e que polo tanto permite a pesar de todo algunha intervención sindical, no sentido de protección deses traballadores, o Goberno está a tentar alterar esa lexislación para permitir a utilización do traballo precario sen ningunhas regras ao non ser as que impoñan os intereses de determinadas empresas e dos donos e patróns dos estaleiros. É unha situación extremadamente grave.

Ao mesmo tempo que este proceso de mudanza da lexislación do traballo precario en Portugal, estamos tamén nun momento de ofensiva contra a seguridade social en Portugal, de aumentar a idade da xubilación, de diminuír o valor das pensións pagas aos pensionistas, de transferir unha parte do sistema público da Seguridade Social para os chamados "fondos de pensións", privatizando así unha parte da Seguridade Social, unha lei de subsidio de desemprego que reduce os dereitos dos traballadores que están desempregados, que fican nunha situación máis difícil da que tiñan até agora, e mesmo xa está en trámites proxectos para reformar o "Código do Traballo" que hai só catro anos que foi alterado no sentido da desregulamentación laboral, e polo tanto facilitar a actuación da Patronal nas empresas, e que con esta nova mudanza o que significaría sería no fondo darlle o poder absoluto á Patronal nas empresas, considerando aos traballadores case como pezas dunha máquina que ten que estar ao servizo dos intereses patronais.

Verificase que hai unha ofensiva global, totalmente penalizadora para os dereitos dos traballadores e que é necesario xuntar esforzos para resistir e para impedir que no esencial estas medidas se concreten.

Zélia García: E fronte a esta situación que traballo desenvolve a CGTP?

João Silva: Naturalmente o traballo da organización dos traballadores, de esclarecemento da situación que se vive no país, de forma que podamos transformar o gran descontento dos traballadores, mais tamén de grande parte da poboación portuguesa ao ficar afectada polas actuais condicións de vida e de traballo, e así transformar este descontento en loita.

Nós podemos dicir que a resistencia e a loita ao longo do 2006, se e ofensiva foi moi forte a loita tamén foi moi forte. No último trimestre houbo grandes loitas na administración pública, como dúas folgas xerais dos traballadores da Administración pública, que tiveron un enorme éxito, e dúas grandes manifestacións no día 12 de outubro e no 25 de novembro. No primeiro caso unha manifestación nacional que foi a maior xornada de loita realizada nos últimos dez anos en Portugal, e no día 25 de novembro unha xornada de loita que aconteceu ao mesmo tempo en máis de 20 cidades de todo o país, e que mobilizou centenares de millares de traballadores contra toda esta política.

Desta loita podemos dicir que xa obtivemos algúns resultados concretos: recentemente obrigamos ao Goberno e á Patronal a establecer o acordo sobre as actualizacións do salario mínimo nacional, que sendo baixo, é un paso significativo. Nese acordo conséguese acadar unha actualización do salario mínimo nacional do 4,4% este ano, un valor un pouco por riba da inflación, e ao mesmo tempo o compromiso de que nos próximos catro anos o salario mínimo nacional sexa aumentado anualmente, algo que consideramos moi importante para a sociedade portuguesa non polo que significa para os traballadores que reciben este salario senón como un factor impulsionador da loita para a defensa da contratación e que pode axudar a empurrar os outros salarios por riba, e que tamén transmite confianza para os traballadores.

Zélia García: Desde Portugal coñécese a experiencia de loita dos traballadores galegos e da folga do metal de Pontevedra? É importante para vós o intercambio de experiencias con Galiza?

João Silva: Consideramos moi importante que os traballadores en todos os países se organicen e loiten non só pola defensa dos contratos, dos convenios, senón tamén pola melloría das condicións de traballo. A ofensiva é global mais estamos de acordo que perante unha ofensiva de carácter global é necesario unha resposta cada vez máis coordenada e cada vez máis solidaria entre os traballadores, neste caso tamén dentro do espazo europeo.

Tamén sabemos unha cousa: a loita global non é posíbel que se concrete, para que haxa coordinación das loitas e para que haxa solidariedade entre os traballadores, é necesario que as loitas se desenvolvan de abaixo para enriba, en cada empresa, en cada país, porque só é posíbel o movemento de loita global contra a ofensiva que nos está a atinxir. Por iso nós valorizamos moito a loita desenvolvida na Galiza, e o papel que a CIG ten desempeñada na organización dos traballadores e na loita, e para nós funciona como un incentivo para continuar coa loita no noso país. É fundamental que haxa un intercambio de experiencias, e cada vez máis nos teñamos condicións para dar a coñecer esas loitas, a forma de combater esas políticas desde as empresas, e así poderemos continuar nesta batalla.

Esta iniciativa e estes contactos que estamos agora a establecer corresponden a relacións de amizade e cooperación que existen hai moitos anos entre as nosas organizacións, e unha forma de darlle expresión práctica e pensamos que son iniciativas que hai que incentivar.

 
 

Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta