Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 22 de decembro de 2006

Entrevista a Simeón Cantó, afiliado de CIG-Servizos e un dos fundadores de Siareir@s Galeg@s
Manifestación o xoves 28 pola selección galega e partido Galiza-Ecuador

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Simeón Cantó, clic para aumentar
Simeón Cantó: “Pulamos por galeguizar o deporte galego, fomentar o deporte de base e mesmo nos nosos manifestos falamos da nosa visión do deporte, e estamos en contra do deporte como mero espectáculo. O deporte ten que ser un vencello de unión entre pobos, homes e mulleres, ten que ser algo accesíbel á clase traballadora, non debe ser elitista, e consideramos o deporte como un xeito de unión”.
 
O próximo día 28 dispútase en A Coruña o segundo partido da selección galega de fútbol, logo de que o pasado ano o novo Goberno da Xunta dese cumprimento a unha vella reivindicación do noso país, a de contar con seleccións deportivas que o representen. Daquela, viu a luz a selección galega de fútbol, á que despois se lle unirían outras como a de baloncesto ou balonmán.

Para unha organización nacionalista como a CIG teñen moita importancia acontecementos como este, pois contribúen a normalizar o noso país dotándoo de seleccións deportivas propias como calquera outra nación, ao tempo que supoñen un acto de autoafirmación nacional que transcende o puramente deportivo, unha festa patriótica en toda a súa dimensión, na que o apoio ás seleccións vai unido tamén á reivindicación política.

Alén de seguir impulsando partidos como este e estender esta iniciativa a todos os deportes nos que aínda non existen seleccións propias, o seguinte paso debe ser a consecución da plena oficialidade, isto é, do dereito que lle corresponde ás nosas seleccións nacionais a competir internacionalmente coas do resto do mundo.

Unha das iniciativas populares máis salientábeis é a de Siareir@s Galeg@s, unha plataforma de apoio ás seleccións nacionais que conta xa con anos de existencia pero que viviu o pasado ano co partido ante Uruguai o seu maior impulso, sendo o principal grupo de apoio á selección, agrupando miles de persoas.

SSGG é unha plataforma de carácter unitario e plural que, mantendo sempre un discurso soberanista, ten apoiado o debut das equipas nacionais de fútbol, baloncesto ou balonmán e ten realizando numerosas actividades de apoio ás seleccións galegas por todo o país, reclamando tamén o seu dereito a participar en competicións internacionais.

Este ano, desde SSGG convocouse unha manifestación en A Coruña antes do propio partido co lema “Galiza, máis que un xogo”, así como diversas actividades nos días previos.

Para contarnos máis detalles desta mobilización, e coñecer máis de preto a pequena historia desta plataforma de apoio ao deporte galego entrevistamos a Simeón Cantó, afiliado de CIG-Servizos e un dos fundadores de Siareir@s Galeg@s.


  Galiza algo máis que un xogo, clic para aumentar
Este ano, desde SSGG convocouse unha manifestación en A Coruña, ás 19:00 horas no Campo da Leña, antes do propio partido co lema “Galiza, máis que un xogo”, así como diversas actividades nos días previos.
 
Zélia García: Cando e como nace Siareir@s Galeg@s?

Simeón Cantó: Siareir@s Galeg@s nace entre 1995 e 1996. Nace porque xente máis concienciada politicamente tanto de Celtarras como de Grei Xentalla (unha escisión dos Riazor Blues) decidimos, ao coincidirmos en mobilizacións, concertos, comezar a traballar xuntos polo dereito que considerábamos que era básico, que é o de que Galiza como nación teña representación deportiva a nivel internacional. Ese foi o cerne, mais logo xa se nos uniu máis xente de Compostela, de Ourense e pouco a pouco comezamos a traballar e facer as primeiras campañas.

Zélia García: Na actualidade quen conforma Siarei@s Galeg@s?

Simeón Cantó: O ano pasado conseguimos mil afiliados e afiliadas. É un colectivo apartidista mais conta co apoio público de todos os grupos de mocidade nacionalista. Conta con xente futboleira mais tamén con xente politizada que nos apoia nas reivindicacións porque consideran que son básicas.

Zélia García: Que obxectivos se marca Siareir@s Galeg@s?

Simeón Cantó: A primeira reivindicación era a selección galega de fútbol que xa xogara no 1936 varios partidos e que tiña unha historia detrás, e viamos que ao mesmo tempo estaban as seleccións vasca e catalá, e mesmo outras comunidades como Murcia ou A Rioxa tiñan selección propias, e Galiza por estar gobernada por quen estaba non a tiña.
E máis alá do fútbol este ano tamén estivemos nos debuts da selección de rugby, de basquet feminino e masculino, en balonmán. Mesmo os triatletas, que están moi concienciados, e apoian a Siareir@s.

Pulamos por galeguizar o deporte galego, fomentar o deporte de base e mesmo nos nosos manifestos falamos da nosa visión do deporte, e estamos en contra do deporte como mero espectáculo. O deporte ten que ser un vencello de unión entre pobos, homes e mulleres, ten que ser algo accesíbel á clase traballadora, non debe ser elitista, e consideramos o deporte como un xeito de unión.

Unha das cousas era combater o localismo, xa que ao mesmo tempo que reclamábamos as seleccións galegas pois tamén Siareir@s Galeg@s é unha ferramenta para loitar contra o localismo.

  Simeón Cantó, clic para aumentar
Simeón Cantó: “Para nós o máis importante é espallar as nosas ideas e reivindicacións, e facer que Siareir@s Galeg@s continúe a ser un dos colectivos con máis apoio social e máis coherentes, porque fuximos de brigas internas, e rivalidades tanto políticas como deportivas. O noso é xuntar esforzos e espallar o tema. (...) Chamamos a todos os afiliados e afiliadas da CIG a participar nas nosas actividades, a facerse socios e socias do noso colectivo, como xa hai bastantes, e acudir ao partido da selección galega o vindeiro xoves a A Coruña”.
 
Zélia García: Tedes convocada unha mobilización para unhas horas antes do partido. Explícanos un pouco máis en que consiste.

Simeón Cantó: A manifestación ten un motivo claro que é reclamar a oficialidade das nosas seleccións. Nós, aínda que valoramos positivamente os esforzos que fixo o novo goberno nos últimos dous anos polas seleccións galegas, consideramos que nós temos que continuar a pular pola oficialidade, nós temos que presionar e ademais que non nós conformamos con un partido ao ano. Queremos que se aposte desde as autoridades deportivas, Federación Galega, Xunta de Galiza, realmente por competir en igualdade de condicións con outras nacións do mundo. Entendemos que este tipo de partidos teñen que ser o primeiro chanzo para conseguir que algún día Galiza estea na Eurocopa ou con atletas nas Olimpíadas. Por que non?

Zélia García: Que expectativas tedes cara o partido? Pensades que a acollida vai ser tan boa como o ano pasado?

Simeón Cantó: O listón está moi alto. Polo de agora as cousas van ben e tentaremos dobrar o número de socios e socias, de 1.000 a 2.000, e con respecto á manifestación de A Coruña, que vai ser ás 19:00 horas no Campo da Leña, esperamos tamén ser máis e que o tempo acompañe. As expectativas son boas.

O único negativo que atopamos é o concerto que organizan a nivel institucional despois do concerto que nos parece unha tomadura de pelo. Porque houbo moitos grupos e colectivos artísticos deste país que apoiaron as reivindicacións de termos unha selección nacional e que non se ven reflectidos no cartaz do concerto, senón que temos para despois do partido un concerto de tres grupos que non contan en galego nin nunca apoiaron nin se mollaron na defensa das seleccións nacionais.

Zélia García: Como valorades a acción que se está a levar desde a Dirección Xeral de Deportes?

Simeón Cantó: Nun principio boa pola rapidez mais tememos que morna no futuro ou que se conforme cun partido ao ano, e só un día de deporte galego. Nós apostamos pola normalidade total, igual que queremos autodeterminarnos no político pois tamén que os nosos deportistas poidan autodeterminarse e elixir sen ningún tipo de represión defender só as cores de Galiza. Vemos que aínda queda moito para que este novo goberno apoie este tipo de reivindicacións, van moi paseniñamente para o noso gusto.

Zélia García: E que máis actividades ten desenvolvido Siareir@s Galeg@s?

Simeón Cantó: Desde espallar a nosa idea dando conferencias, até pois campionatos de fútbol base para socios e socias de Siareir@s, seguir ás seleccións galegas que son minoritarias e que tamén son importantes, facer debates con xente como Fernando Vázquez, estamos a editar un DVD. Para nós o máis importante é espallar as nosas ideas e reivindicacións, e facer que Siareir@s Galeg@s continúe a ser un dos colectivos con máis apoio social e máis coherentes, porque fuximos de brigas internas, e rivalidades tanto políticas como deportivas. O noso é xuntar esforzos e espallar o tema.

Zélia García: E algo máis que engadir, agora que só queda unha semana para o encontro Galiza-Ecuador?

Simeón Cantó: Pois si, facer un chamamento a todos os afiliados e afiliadas da CIG a participar nas nosas actividades, a facerse socios e socias do noso colectivo, como xa hai bastantes, e acudir ao partido da selección galega o vindeiro xoves a A Coruña.

 
 

Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta