|
Actualidade A Federación de Banca da CIG alerta da posíbel
privatización desta caixa de aforros galega CIG-Comunicación-
Os traballadores/as de Caixa Galicia esixen que a empresa respecte a súa profesionalidade e non admiten que, en cada xuntanza, en cada correo electrónico ou en cada chamada telefónica, lles falten ao respecto e desprecen o seu traballo. Polo tanto, solicitan o cese de Julio Rivero como máximo responsábel da política comercial da entidade. Os empregados/as demandan que a empresa reforce con máis persoal a rede de oficinas. Apuntan que a produtividade medrou case un 50% nos últimos dous anos. Porén, cada día hai novos recortes de persoal e os empregados/as teñen que realizar novas funcións e traballos. Ao mesmo tempo, esixen que todas as medidas que lles afecten laboralmente sexan negociadas coa súa representación legal. A CIG-Banca pide que se respecten os horarios pactados, que se deixe de presionar e ameazar os empregados e empregadas para que teñan que traballar no serán e de balde. A empresa vén de aproveitar a retribución variábel para levar adiante unha espectacular suba dos salarios da alta dirección. Para a CIG-Banca, esta situación contrasta coa falta de medios que padecen os traballadores/as nas oficinas. Estes cambios teñen como obxectivo a máis que probábel privatización de Caixa Galicia, coa súa saída a bolsa utilizando as cotas participativas. Actualmente continúan as baixas por estrés do persoal, mentres que José Luis Méndez, o director xeral da entidade, segue a ignorar as demandas dos traballadores e traballadoras. |
|||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/01/2007 |
|||||||||||||||||||||
|