ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 4 de xaneiro de 2007

A CIG solicita ao xuíz Garzón a extradición a Arxentina de Almirón
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  A CIG solicita extradición Almirón, clic para aumentar
A CIG solicitou ao xuíz Garzón que chame a declarar a Fraga pola súa relación con Rodolfo Almirón, xa que era o xefe dos servizos de custodio de Alianza Popular, que lle pagou distintas nóminas logo de ser cesado. Tamén reclamou que declare o actual alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón, que por entón era avogado de Almirón e a ex presidenta de Arxentina, Isabel Perón, porque en boa medida estas tres testemuñas poden axudar a esclarecer o paso polo Estado español de Almirón e todo o ocorrido. (Na foto, de esquerda a dereita, Luís Fernández Axeitos, Fermín Paz Lamigueiro e Lois Pérez Leira. ©galizacig.com 03/01/2007).
 
En rolda de prensa que tivo lugar este mércores 3 de xaneiro, o secretario confederal de Servizos e Afiliación da CIG, Fermín Paz Lamigueiro, anunciou que a CIG-Migración solicitará ao xuíz Baltasar Garzón a extradición a Arxentina de Rodolfo Almirón, detido recentemente en Valencia, e que se lle imputen os delitos de xenocidio e terrorismo de Estado.

Ademais, a CIG pedirá a Garzón que reconsidere a situación logo da súa detención, xa que hai dous anos desestimou o caso, alegando que só o instruiría a partir do golpe de Estado de 1976 na Arxentina. Naquel momento, o sindicato considerou “un erro xurídico” que os delitos de xenocidio prescribisen, como se pode comprobar agora cos cambios que se están a dar en toda esta fase do proceso xurídico.

O motivo desta rolda de prensa era falar dos dereitos humanos na Arxentina, falar dun tema que á CIG desde hai moitos anos causoulle unha gran preocupación pola sensibilidade que ten esta propia temática e pola cantidade de galegos e galegas que foron vítimas de delitos de lesa humanidade, de xenocidio e de terrorismo de Estado.

Nesta rolda de prensa estiveron presentes Lois Pérez Leira, coordinador do traballo de investigación sobre os delitos de Almirón, Fermín Paz, secretario confederal de Servizos e Afiliación da Confederación Intersindical Galega, Luís Fernández Axeitos, secretario xeral da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, que ten un valor engadido ademais de pola súa representatividade, porque conxuntamente coa CIG querelouse polos desaparecidos galegos ante o xuíz que instrúe esta causa.

  A CIG solicita extradición Almirón, clic para aumentar
Fermín Paz recordou que un xuíz arxentino declarou que os delitos da “Triple A” non prescribían e pediu á CIG un estudo elaborado hai oito anos sobre a represión e a relación con desaparecidos galegos dalgúns dirixentes, xunto á Federación de Asociación Galegas e coas centrais sindicais uruguaia e arxentina PIT-CNT e CTA, e que propiciou en certa medida a detención de Almirón. (Foto: ©galizacig.com 03/01/2007).
 
Fermín Paz recordou que, posteriormente, un xuíz arxentino declarou que os delitos da “Triple A” non prescribían e pediu á CIG un estudo elaborado hai oito anos sobre a represión e a relación con desaparecidos galegos dalgúns dirixentes, xunto á Federación de Asociación Galegas e coas centrais sindicais uruguaia e arxentina PIT-CNT e CTA, e que propiciou en certa medida a detención de Almirón.

Por outra banda, a CIG solicitou ao xuíz Garzón que chame a declarar a Fraga pola súa relación con Almirón, xa que era o xefe dos servizos de custodio de Alianza Popular, que lle pagou distintas nóminas logo de ser cesado.

Tamén reclamou que declare o actual alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón, que por entón era avogado de Almirón e a ex presidenta de Arxentina, Isabel Perón, porque en boa medida estas tres testemuñas poden axudar a esclarecer o paso polo Estado español de Rodolfo Almirón e todo o ocorrido.

A CIG, como entidade querelante, está personada no xuízo contra os delitos de xenocidio e terrorismo de Estado, e xa no seu momento diante do xuíz Garzón que é o titular do xulgado de instrución nº 5 da Audiencia Nacional.

Os antecedentes de todo este traballo foi elaborado hai aproximadamente oito anos en colaboración coa CTA de Arxentina e a PIT-CNT de Uruguai. Fundamentalmente este traballo comezou cando a CIG coñeceu que había varios dirixentes da “Triple A”, a organización que tantas vítimas deixou tanto en Arxentina e que tiña actuacións no Estado español, que se instalaron no Estado español e existían noticias, daquelas aínda non confirmadas, de que estaban aquí, así que se iniciou este labor de investigación que rematou aproximadamente hai dous anos cando se lle fixo entrega ao xuíz Garzón dun dossier onde se indicaba a situación de Almirón, as imputacións que tiña este señor con todo o xenocidio e o terrorismo de Estado en Arxentina.

Neste sentido, o xuíz arxentino ten chamado á CIG a declarar como construtores desta investigación, xa que foi moi importante este traballo para situar a estas persoas, e que a xustiza dea pasos para investigar todas estas situacións para que non quede dalgunha maneira sen condena. Chamouse a declarar á CIG como se está a facer con outros organismos de dereitos humanos. Proximamente Lois Pérez Leira irá declarar ante este xuíz na Arxentina para que todo o que se di neste expediente e dossier así como outras probas máis sirvan para ser parte do caso que está a levar este xuíz.

Ademais a CIG vaise personar no proceso de extradición para que este se leve a cabo, porque “entendemos que unha persoa con este historial e fundador e mantedor no tempo da Tripla A, entendemos que non podemos quedarnos ao marxe desta solicitude de extradición feita pola xustiza arxentina. Dalgunha maneira continuamos así coa construción deste proceso e estamos en colaboración con unha das testemuñas principais deste xuízo en Arxentina, que é o avogado, compañeiro e amigo Xurxo Boán, que é fillo de galegos e que participa con nós e coa Federación de Sociedades Galegas en todo este proceso”.

Fermín Paz amosou tamén o desexo de que “o xuíz Garzón restitúa a situación e investigue a actuación desta personaxe tanto na Arxentina como no Estado español, xa que cando veu para aquí non estivo parado, senón que desde o Estado español se dirixiu a Tripla A bastantes anos”.

Así o secretario da Federación de Sociedades Galegas na República de Arxentina, Luís Fernández Axeitos, declarou que “Garzón podería contribuír a aclarar o que fixo Almirón e o que pasou naquela época”.

Fermín Paz mostrou a satisfacción que “ten esta organización sindical galega porque este traballo noso realizado desde fai oito anos dun xeito moi sistemático sirva para algo e non queden sen xulgar todos estes actos de xenocidio e terrorismo de Estado cometidos na Arxentina”. Paz engadiu para rematar que “nos alegramos de que todas estas peticións que non foron atendidas no seu momento podan agora ver a luz e sigamos este proceso dialéctico de aclarar, de traballar en firme polos dereitos humanos e contra todos os ditadores que ao longo deste mundo cometeron este tipo de actos contra a poboación, só polo feito de pensaren diferente”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta