|
Actualidade / Entrevista Antón Álvarez Sanz (CIG)-
A culpa de todo isto está no sistema sindical que temos. A negociación colectiva é un desastre. Existe unha confabulación entre os sindicatos españois UGT e CCOO coa patronal que se traduce no deterioro da negociación colectiva. Entre os tres pastelean as eleccións. Os delegados que agora son de CCOO e de UGT reciben regalados o seus postos da patronal e, á hora da negociación colectiva, esta cóbrallelos coa sinatura de convenios colectivos prexudiciais para a clase traballadora. A emigración é outro aspecto moi preocupante. Na provincia, o número de emigrantes supera ao de inmigrantes. A xente nova está moi preparada. Porén, a maior preparación máis posibilidades existen de abandonar a provincia. Como dato, abonda con apuntar que unha cuarta parte dos lugueses/as inscritos no INEM ten titulación superior. Antón Álvarez: Por onde pasa o futuro de Lugo? Cales son as potencialidades da comarca? Xosé Ferreiro: Lugo ten un potencial de materias primas impresionante, tanto no sector agro-gandeiro como na madeira ou na pedra. O que pasa é que a economía de Lugo foi planificada cunha mentalidade colonialista. Até o de agora o que se facía só era extraer a materia prima, que é o que menos riqueza xera, e levala cara a metrópole e para os centros industriais, que é onde se consegue o valor engadido. Até hai pouco, o leite non se elaboraba en Lugo. A pedra elabórase fóra, os móbeis fabrícanse en Valencia. O futuro pasa por potenciar estes sectores e que nós mesmos sexamos os que os desenvolvamos para crear aquí o valor engadido. O futuro tamén pasa por que as administracións públicas invistan intelixentemente, que se impliquen. A educación é fundamental. Non é normal que en toda a provincia de Lugo non haxa un ciclo formativo da especialidade marítimo-pesqueira. En canto a outros ciclos, agora hai un de Mantemento Industrial, pero segue a ser insuficiente. A FP non está deseñada conforme ás necesidades da provincia. No tocante ás infraestruturas, fálase moito do AVE mais nada da mellora das redes ferroviarias convencionais, que son propias do século XIX.
Xosé Ferreiro: Somos a primeira central en afiliación na comarca. Neste aspecto temos un potencial bo. A nivel de conflitos laborais xudicializados, só a CIG leva máis casos que a suma de UGT e CCOO, pese a que nós temos a metade de delegados que cada unha destas centrais por separado. A CIG ten o 15% dos delegados da comarca, fronte a CCOO e UGT, que cada unha delas ten aproximadamente un 30%. A diferenza entre os bos índices de afiliación que temos e o baixo número de delegados da CIG débese ao pasteleo existente entre UGT e CCOO cos empresarios. Os delegados destes sindicatos son postos polas empresas, son amarelos. Os traballadores non son parvos e saben que se hai un conflito na súa empresa non se van afiliar a un sindicato que está confabulado co empresario. Cando hai un despedimento, veñen onda nós. Coñecemos casos de delegados de UGT e CCOO que cando teñen un problema veñen consultarnos. Non se fían dos seus propios sindicatos porque saben como foron feitas as eleccións na súas empresas. UGT, CCOO e a patronal fan todo o posíbel para que a CIG non entre nas empresas. Somos o inimigo a bater. Nós non podemos asinar convenios que sexan prexudiciais para a clase traballadora. Por exemplo, un operario lugués da construción ou do metal sofre unhas diferenzas salariais espectaculares con respecto aos compañeiros de A Coruña ou de Pontevedra. Polo mesmo traballo poden cobrar uns 300 euros menos que nas outras provincias. Por tanto, os nosos obxectivos pasan por superar estes resultados negativos para, cunha maior representación, actuar de xeito agresivo e directo na negociación colectiva. É imprescindíbel para mudar as relacións laborais da comarca que a CIG duplique, a medio prazo, a súa representación sindical. Nestas eleccións calculamos chegar a porcentaxes comprendidas entre o 20% e o 25% dos delegados/as. Antón Álvarez: En que sectores está consolidada a CIG e en cales se prevé expandirse? Xosé Ferreiro: Estamos consolidados na Banca, na Limpeza, na Administración pública, etc. Aquí temos unha implantación moi forte. A partir de agora, ábrense expectativas moi interesantes en empresas como Finsa e no sector servizos, onde están a entrar novos delegados que aportan zume novo. Antón Álvarez: Os accidentes laborais seguen a marcar a actualidade do mundo do traballo. Cal é o grao de responsabilidade dos diferentes actores sociais? Xosé Ferreiro: No tocante aos empresarios, os de Lugo teñen moi pouca formación en Seguridade Laboral. Cando hai que recortar gastos, o primeiro que fan é reducir os recursos para a prevención de riscos. A patronal ve esta formación como un negocio e non como unha ferramenta para evitar os accidentes. Os sindicatos temos que actuar contundentemente. As denuncias de UGT e CCOO sobre o incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais son mínimas. A Inspección de Traballo case non actúa e só o fai se hai denuncia. Ten pouco persoal e falta de vontade política para atallar a situación. A CIG fai todo o que pode pero tampouco pode estar en todos lados. É unha barbaridade que se quixese mandar ao cárcere a tres compañeiros nosos por formar parte dun piquete e por defender os dereitos dos traballadores e que non se pida prisión para os empresarios que incumpren a Lei de Prevención, mesmo nos accidentes nos que hai mortos. Antón Álvarez: Percibiches cambios substanciais nas relacións laborais desde que goberna o bipartito na Xunta? Xosé Ferreiro: Non vexo que as condicións reais de vida da clase traballadora mellorasen. Desde a Consellaría de Traballo non se presentan políticas de choque para loitar contra a emigración ou a precariedade. A xente que pode erguer a comarca está a marchar. Grande parte da política da Consellaría fica reducida a propaganda. Todo son declaracións de intencións pero non hai políticas de emprego concretas. As mesas de negociación son o que mellor escenifican o anterior. Serven exclusivamente para facerse a foto e para facer publicidade. O talante cambiou, mais non hai propostas concretas. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/01/2007 |
||||
|