|
Actualidade CIG-Comunicación-
“A Caixa de Resistencia Confederal constitúese como un acto de Solidariedade de tódolos traballadores e traballadoras afiliadas á Confederación Intersindical Galega, co obxecto de aumentar a eficacia sindical respaldando a súa acción nas folgas...”. (Artigo 1º do Regulamento da Caixa de Resistencia Confederal). Despois do período de capitalización que se estableceu durante o ano 2006, os afiliados e afiliadas da CIG temos xa en funcionamento esta nova ferramenta de apoio ás convocatorias de Folga. Para o seu correcto funcionamento, a Caixa de Resistencia, regúlase a través dunhas normas, “Regulamento da Caixa de Resistencia Confederal”, nas que se recollen aspectos para a súa aplicación: a súa contabilidade, os conflitos que debe cubrir, antigüidade na afiliación para ter acceso a mesma, a cantidade a abonar por día etc. Comeza este ano 2007 esta nova ferramenta solidaria de apoio sindical para facer fronte con máis eficacia aos abusos da patronal, que fortalecerá a nosa acción sindical en defensa dos nosos xustos dereitos como traballadoras e traballadores.
O Fondo de Solidariedade fundouse coa intención de dar apoio económico a aqueles conflitos que pola súa crueza, e polo seu marcado interese sindical, non podían ser derrotados polos empresarios porque os traballadores e traballadoras non puideran resistir ao seren afogados economicamente. A consolidación deste Fondo de Solidariedade, tras oito anos de funcionamento, permitiunos comprobar obxectivamente que este apoio aos conflitos laborais, que eran e son soportados maioritariamente polos nosos compañeiros e compañeiras afiliadas, non soamente no peso sindical do conflito senón tamén na súa repercusión económica, axudou a mantelos vivos, a reforzar as nosas posicións sindicais, a avanzar nun modelo de sindicalismo reivindicativo e solidario. Conflitos como os das auxiliares do Naval de Pontevedra, Gesrrubber, Sintel, etc, e os últimos, como o da recollida do lixo da Mancomunidade da Limia, con 83 días de folga, ou o de Transportes Arriba, onde os traballadores/as aguantaron tamén 24 xornadas de paro, servíronnos para afortalar o convencemento de que a CAIXA DE RESISTENCIA ten que ser un instrumento na acción sindical, que vai fortalecer o movemento reivindicativo e de vangarda, ante os intentos de asfixia económica por parte da patronal.
Os afiliados e afiliadas da CIG coas súas cotas regulamentarias. A Caixa de Resistencia susténtase con un 13% das cotas dos afiliados/as.
Durante o ano 2006, estableceuse un período de capitalización de 12 meses durante os cales non se poderían atender compensacións económicas aos conflitos. Durante este tempo, seguiu en funcionamento o Fondo de Solidariedade.
Todos aqueles traballadores e traballadoras afiliados a CIG que teñan unha antigüidade igual ou superior a tres meses e as cotas sindicais ao día.
Para os afiliados e afiliadas cunha antigüidade ininterrompida igual ou superior a un ano, o 90% do Salario Mínimo Interprofesiona (SMI). Para os afiliados e afiliadas cunha antigüidade ininterrompida igual ou superior aos tres meses, e ata os doce, o 50% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
A partir do quinto día de folga. As folgas de cinco días ou menos de duración non terían dereito a compensación económica. O ano 2006 é un momento histórico para o movemento sindical galego. A creación da CAIXA DE RESISTENCIA, baseada fundamentalmente no principio na SOLIDARIEDADE das traballadoras e traballadores organizados na CIG, vai reforzar a nosa posición sindical, fronte ás agresións e aos intentos de asfixiar os conflitos economicamente.
|
||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2007 |
||||||||||||||||||||
|