|
Actualidade CIG-Comunicación-
Desde ás once e media da mañá delegados/as sindicais e afiliados e afiliadas da CIG participaban nunha concentración fronte ao Hotel Auriense para protestar polo despedimento destes dous traballadores, que levaban nesta empresa desde hai cinco anos, sen ter nunca ningún problema, até que se presentaron ás eleccións sindicais pola CIG. Demóstrase claramente que foi un despedimento improcedente e que é un xeito de represalia sindical porque hai unha carta de despido na que se fala de falta de puntualidade e rendemento nos últimos meses, e acompañando esa carta de despido xa se lle acompañaba outro escrito recoñecendo a improcedencia do mesmo e o dereito a percibir a indemnización por despido improcedente. Para Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG Ourense, “isto demostra a desfachatez da empresa no tema, que o único que pretenden é evitar que os traballadores e traballadoras teñan os e as representantes sindicais que eles querían que era en concreto un destes dous, porque quen preavisaramos as eleccións fóramos a CIG”. O día anterior a esta concentración houbo a conciliación e non hai readmisión. A empresa mantense na súa posición, e polo tanto continúa o tema no Xulgado do Social. Váiselle facer entrega á Fiscalía dun escrito para que se investigue todo este proceso electoral porque se vulnera claramente a lei de liberdade sindical. Durante a concentración, Etelvino Blanco, informaba de que “temos un novo candidato, que non sei se tamén tentarán despedir, e dentro dun cacho imos entregar a candidatura xa que hoxe se debería constituír a mesa”. E así foi. Carlos Vázquez, membro da Executiva Comarcal de Ourense, e o mesmo Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG Ourense, acudiron ao interior do hotel para coñecer o calendario electoral e facer a presentación deste novo candidato. A sorpresa foi maiúscula cando se lles informa de que tanto titulares como suplentes que teñen que estar na constitución da mesa electoral non están no centro de traballo ou están de vacacións. Nese mesmo momento chegaban tres unidades da Policía Nacional, que foran chamados pola dirección do Hotel para denunciar esta concentración, aos que se lles informou por parte da CIG da ilegalidade á que se estaba a asistir en todo este proceso electoral. Desde a CIG contactouse coa Inspección de Traballo, que mandou unha inspectora para tentar posibilitar a constitución desta mesa, ou senón era así levantar acta e sancionar á empresa. Coa intervención da Inspección conqueriuse que a Mesa electoral se constituíra ás 16:00 horas, polo que finalmente as eleccións terán lugar o luns. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/01/2007 |
||||
|