|
Actualidade CIG-Comunicación-
O intenso frío non calou aos traballadores das canteiras que desde antes das oito da tarde se reunían ao redor da Casa Sindical de O Porriño onde se comezaba a quentar o ambiente para esta importante manifestación polos dereitos e a saúde laboral dos traballadores da Pedra. A CIG contou con unha importante presenza, con faixa propia e numeroso persoal da central sindical nacionalista que participou e organizou activamente esta mobilización. Berros como “Administración escoita, a Pedra está en loita”, “A poboación pide solucións, traballo si, silicose non”, ou “Emprego estábel, seguro e con dereitos” eran algunhas das consignas máis escoitadas ao longo do percorrido desta marcha. Na Praza do Concello o músico Tino Baz leu o manifesto en nome dos traballadores da Pedra no que se facía unha especial incidencia na responsabilidade da patronal polas medidas que deberían tomar, xa que se na actualidade teñen beneficios nas súas empresas é polo esforzo dos milleiros de traballadores do sector da Pedra que o fixeron posíbel, así como nas responsabilidades das Administracións por non poñer en marcha as reivindicacións do sector, así como as mutuas, que non exercen as súas funcións de control e vixilancia da saúde dos traballadores. A continuación reproducimos integramente o manifesto lido ao remate desta mobilización. En nome dos traballadores do sector da Pedra e dos sindicatos convocantes quero darvos as grazas pola solidariedade demostrada coa vosa presenza. As industrias da Pedra, tanto extractivas como transformadoras, conforman unha das principais actividades económicas de Galiza, e sobre todo da provincia de Pontevedra. En Galiza prodúcese e transfórmase o 75% do granito de todo o Estado español atopándose o sector en plena expansión, xa que no ano 2005 bateo o seu récord histórico de exportacións. Pero esta puxanza empresarial ten un lado escuro: as condicións de traballo non están á altura dos resultados empresarias. Así, mentres as cifras de exportación medran e os beneficios patronais se acrecentan, os artífices deste despegue económico, os 3.000 traballadores do sector, ven como día a día a súa saúde vaise resentindo pola falta de medidas de prevención axeitadas aos riscos inherentes á actividade que desenvolven. Os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais como a silicose poñen en perigo a continuidade no posto de traballo e mesmo a vida de centos de compañeiros. Os dados están aí: estudos recentes elaborados por entidades de recoñecido prestixio na materia como son o Instituto Nacional de Silicose e o Centro de Seguridade e Saúde da Xunta de Galiza poñen de manifesto que o 17,5% dos traballadores das canteiras que pasaron recoñecementos médicos padecen esta grave enfermidade. A silicose, as afeccións auditivas, os accidentes e a penosidade do traballo no sector, constitúen unha lacra que temos que erradicar. A silicose, en constante retroceso noutras actividades mineiras, acada no sector do granito unha incidencia intolerábel. Máis intolerábel se temos en conta que esta enfermidade profesional foi a primeira en ser recoñecida como tal no ordenamento xurídico do Estado español. Tampouco esta lexislación protexe debidamente aos traballadores do sector: os afectados de primeiro grao de silicose non teñen dereito a recibir prestación económica pola súa enfermidade, pero non poden continuar no posto de traballo, polo que corren o risco de quedarse sen emprego. A situación que estamos a denunciar ten uns responsábeis claros e definidos: unha patronal que non soubo cumprir coas súas obrigas de velar pola seguridade e saúde dos traballadores ao seu cargo, unhas mutuas patronais de accidentes de traballo incapaces e incompetentes e unha Administración que, sabedora da grave problemática existente desde hai anos, mirou para outro lado e fixo deixazón grave das súas responsabilidades. Todos eles teñen que responder ante os traballadores e ante a sociedade, poñer freo ao actual estado de cousas e reparar no posíbel os danos xa causados. Por iso estamos aquí hoxe. Para denunciar e reivindicar. Estamos aquí para dicir que non imos aturar por máis tempo unha situación que en pleno século XXI, sitúa as condicións laborais da chamada oitava potencia económica mundial máis preto do século XIX que na etapa de prosperidade e modernidade que desde as instancias do poder nos están a vender a cotío. Os convocantes levamos moito tempo reivindicando ante o Goberno central e a Xunta de Galiza unha serie de medidas urxentes e mesmo excepcionais, xa que como tal calificamos o actual estado de cousas no sector, sen que se nos teñan ofrecido alternativas, nin inmediatas para solventar a situación que padecen os compañeiros afectados, nin de futuro que nos garantan un cambio radical das condicións laborais. Esta falta de medidas concretas foi o que nos levou a iniciar o camiño da mobilización como medida de presión para que as nosas reivindicacións sexan escoitadas. Desde aquí reiterámoslle ao Goberno central as seguintes demandas: 1. Revisión dos actuais coeficientes redutores da idade de xubilación dos traballadores do sector que permitan acurtar a vida laboral en función dos riscos da actividade que desenvolven. 2. Recoñecer a situación de incapacidade a aqueles traballadores que, presentando algún grao de silicose, non podan acceder a outro posto de traballo exento de risco na mesma empresa. 3. Estender ao sector da transformación a asignación dos coeficientes anteditos. Ao Goberno da Xunta de Galiza esixímoslle: a) Que asuma as anteriores reivindicacións como propias e reivindique a súa implantación ante o Goberno de Estado, para acabar coa discriminación que nas materias indicadas padecen os traballadores da pedra. b) A posta en práctica dun Plano Integral para o sector que inclúa:
c) Investigación da actuación das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, e exixencia de responsabilidades e sanción ás mesmas en caso de comprobarse a súa neglixencia na vixilancia da saúde dos traballadores. Estas e outras medidas que se podan consensuar, así como a negociación dun convenio propio para o sector da Pedra, que contemple as especificidades mineiras do mesmo, poden encamiñarnos e solucionar unha problemática extremadamente grave, pero con solucións certas se existe vontade política para afrontala e compromiso patronal de facer efectivas as declaracións de boa vontade. De non ser así, de non darse pasos inmediatos para a solución de problemáticas que nos trae hoxe aquí, UGT, CIG e CCOO seguiremos á fronte das mobilizacións incrementando a intensidade das mesmas até lograr que as reivindicacións dos traballadores do sector da Pedra sexan tidas en conta. Grazas polo voso apoio». |
|||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2007 |
|||||||||||||||
|