ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 11 de xaneiro de 2007

O 25 de xaneiro “En defensa da nosa saúde, solucións inmediatas para os afectados de silicose”
Manifestación en O Porriño dos traballadores da Pedra

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Traballando a pedra, clic para aumentar
Os sindicatos reivindican estender ao sector da Transformación (talleres de corte e pulido) a asignación de coeficientes redutores da idade de xubilación, xa que os niveis de po silicótico e ruído son similares, cando non superiores, aos da industria extractiva, como se pode comprobar nos estudos e medicións realizados polos organismos competentes; dereito que, aínda que negado pola Administración, si foi recoñecido en sentencias firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
 
 
As Federacións de Construción da CIG, CCOO e UGT decidiron convocar unha manifestación cidadá o vindeiro día 25 de xaneiro na localidade de O Porriño, que sairá ás 20 horas da Casa Sindical, para exixir solucións á problemática existente no sector da Pedra (tanto nas industrias extractivas como transformadoras) derivada da falta de medidas de prevención, ao que vai acompañada unha altísima incidencia das enfermidades profesionais, fundamentalmente a silicose a as afeccións auditivas.

Estudos recentes, elaborados polo Instituto Nacional de Silicose en colaboración co Gabinete Provincial de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galiza, veñen de demostrar a importante incidencia desta enfermidade profesional na zona. Dunha mostra realizada entre 440 traballadores das canteiras na provincia de Pontevedra, 77 resultaron estar afectados de silicose, o que nos sitúa nunha porcentaxe do 17,5%, que supera calquera estimación imaxinábel. Estudos realizados no 2002 poñían de manifesto que as afeccións auditivas afectaban a un 62,5%. Na actualidade estase á espera da realización de estudos similares no sector da elaboración do granito.

As medicións realizadas demostran que as porcentaxes de sílice existentes no sector do granito da zona superan en moito ás existentes en categorías de interior doutras explotacións mineiras, o que sitúa aos traballadores do mesmo nunha situación de discriminación que pode afectar gravemente a súa saúde de por vida.

O sector do granito é un dos sectores emblemáticos da economía galega que ocupa na actualidade a máis de 3.000 traballadores/as na provincia de Pontevedra. Esta puxanza económica non corre parella a un desenvolvemento axeitado da seguridade e saúde no sector.

Ante esta situación, as organizacións sindicais que convocan esta mobilización levan máis dun ano reivindicando das Administracións central e autonómica solucións urxentes a unha situación que coloca a un gran número de traballadores/as do sector ante a perspectiva de perder o seu posto de traballo sen dereito a recibir ningún tipo de pensión, xa que a silicose de primeiro grao, malia estar recoñecida como enfermidade profesional non dá dereito a ningún tipo de pensión, pero si implica a imposibilidade de exercer o traballo habitual. Esta situación pode levar a que ducias de traballadores/as se vexan despedidos/as sen prestación económica derivada da súa doenza e sen postos de traballo alternativos.

Ante a falta de respostas satisfactorias, os sindicatos víronse na obriga de adoptar medidas de mobilización e presión. Así nun escrito remitido aos medios para informar desta convocatoria afírmase que “nos atopamos ante un gravísimo problema que, pola súa dimensión, supera o ámbito estritamente laboral para converterse nun problema social”.

Neste sentido e para buscar o apoio a estas reivindicacións e solicitar a participación cidadá, é polo que se iniciou xa unha campaña de reunións cos alcaldes e portavoces municipais dos concellos da zona (O Porriño, Salceda, Ponteareas e Mos) así como con entidades cidadás, asociacións veciñais, culturais, e tamén unha ampla campaña de información entre os traballadores/as do sector.

Os convocantes consideran que as Administracións deben dar unha resposta inmediata á situación e centran as súas reivindicacións nas dúas seguintes táboas:

Primeira: Revisión dos actuais coeficientes redutores asignados aos traballadores das canteiras, graveiras e areeiras, equiparando aos das categorías de exterior cos da interior.

Segunda: Racionalización dos códigos de cotización para que nos informes da vida laboral se identifique automaticamente a actividade mineira. Esta reclamación ten como fin que o traballador non teña máis que acreditar o posto de traballo que ocupou e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación, sen ter que recorrer, como acontece na actualidade, á solicitude individualizada de asignación de coeficientes empresa por empresa, o que en moitos casos (desaparición de empresa, falta de representación sindical, trabas burocráticas) impide aos traballadores acceder a este dereito.

Terceira: Recoñecer a situación de incapacidade total a aqueles traballadores que, presentando algún grao de silicose, non podan acceder a outro posto de traballo exento de risco de po na mesma empresa.

Cuarta: Estender ao sector da Transformación (talleres de corte e pulido) a asignación de coeficientes redutores da idade de xubilación, xa que os niveis de po silicótico e ruído son similares, cando non superiores, aos da industria extractiva, como se pode comprobar nos estudos e medicións realizados polos organismos competentes; dereito que, aínda que negado pola Administración, si foi recoñecido en sentencias firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Esta primeira táboa reivindicativa ten a ver coas competencias que son exclusivas do Goberno do Estado, ao que xa lle foron presentadas, sen que polo momento se comunicara ningún tipo de iniciativa para poñelas en marcha.

A continuación reproducimos as segundas reivindicacións que realizan os convocantes desta manifestación e que se teñen solicitado do goberno galego en función das súas competencias:

A) Que asuma as anteriores reivindicacións como propias ante o goberno do Estado.

B) A posta en práctica dun Plano Integral para o sector que inclúa:

- Un Plano de Seguridade para exixir o cumprimento da normativa e evitar que esta situación se reproduza no futuro.

- Adoptar medidas de reparación e indemnización ás persoas afectadas por silicose, que inclúan a declaración de incapacidade; creación dun fondo de indemnizacións para os afectados; actualización da normativa que permita acceder ás xubilacións anticipadas. Estas e outras medidas, conxugadas cun plano específico de emprego para as zonas de incidencia da enfermidade, son actuacións que se consideran de extrema urxencia.

- Investigación da actuación das Mutuas de Accidentes de Traballo, e exixencia de responsabilidades no caso de demostrarse a súa responsabilidade na non detección da enfermidade.

- Exixir das Autoridades Sanitarias a adopción de medidas preventivas e de atención inmediata aos afectados, así como a vixilancia, control e seguimento específico da evolución da enfermidade no sector e das entidades encargadas de realizar a vixilancia da saúde (mutuas).

 
 
Informacións relacionadas
26/12/2006 Para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade do recoñecemento do problema da silicose nas canteiras
A Asemblea de traballadores da Pedra de O Porriño aproba mobilizacións para finais xaneiro
19/12/2006 O mércores 20, na Casa Sindical, CIG, CCOO e UGT informarán dos pasos dados para afrontar a problemática do sector
Asemblea de traballadores/as da Pedra en O Porriño
28/11/2006 Xosé Xoán Melón anunciou unha campaña de denuncia da precaria situación dos traballadores da industria da pedra en Galiza
Próximas mobilizacións nas canteiras de O Porriño
Entrevista ao xefe da unidade de Medicina do Traballo do Centro de Seguridade e Saúde Laboral de Rande
Manuel Gil Fernández fala sobre a enfermidade profesional da silicose
24/11/2006 A Federación de Construción da CIG organiza unha xornada de Prevención na Industria da Pedra
27/10/2006 Acudirán á xuntanza Antón Louro, Ana Pastor e Olaia Fernández
A Federación da Construción reúnese cos portavoces galegos no Congreso para tratar a cuestión da silicose
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta