Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 2 de xaneiro de 2007

Mala leite
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Botellas de leite, clic para aumentar
O Governo central acaba de tomar unha nova medida que abafa máis ao sector leiteiro galego, xusto cando necesita de maior cota de produción pra manter a rendibilidade e evitar o peche de máis granxas. O noso país ten o 55% de productores e só un 34% da cota do Estado.
 
A nosa nación é unha potencia láctea no Estado, porén ten unha produción pequena en comparanza coa Unión Europea (un 3%), malia contar cunha natureza moi acaída pra producir leite e carne. Non é casual que historicamente exportáramos gando á Gran Bretaña, Portugal, o Estado español, etc. Agora ben, térmonos vantaxes climáticas e xeográficas e antecedentes valeunos de moi pouco cando se negociou a entrada no Mercado Común Europeo, onde o sector agrario galego e a construción naval, entre outros, foron moeda de troque pra os grupos hexemónicos (dende 1993 perdéronse o 78% das granxas leiteiras) resultando evidente a nosa falta de poder político, a dependencia, e a discriminación dos nosos intereses económicos e polo tanto tamén sociais.

Este proceso leva dúas décadas, nas que se nos refregou polos fociños a construción de infraestructuras e os avanzos tecnolóxicos (como se foran exclusivos do noso país), mentres perdiamos peso na economía do Estado, aumentaba a taxa de desemprego e eventualidade, e se nos colocou ao borde do desastre demográfico, que agora se procura evitar importando man de obra, como se de sardiñas ou televisores se tratara.

Esta tendencia económica e social viviuse no mundo rural e no campesiñado dun xeito dramático, non só porque a baixada de prezos, e as achegas encubertas á produción en terceiros países, fixo imposíbel a competencia cos productos importados da Europa comunitaria, senón porque nen sequera se lle dotou as zonas rurais e interiores dos servizos necesarios pra compensar en parte a atración sobre a clase traballadora das grandes cidades así como do exterior. Sei que só con esto non se houbera evitado a emigración, na procura de emprego e uns salarios dignos, porén tería minguado en parte.

Agora o Governo central acaba de tomar unha nova medida que abafa máis ao sector leiteiro galego, xusto cando necesita de maior cota de produción pra manter a rendibilidade e evitar o peche de máis granxas. O noso país ten o 55% de productores e só un 34% da cota do Estado. Todos os anos hai abandonos, un exceso de cota que nos últimos tempos foi adquirida maioritariamente polos gandeiros galegos. Esto, en moi pequena medida, permitiu compensar uns limites inxustos que coutan a expansión e as recorrentes multas por exceso de produción. Agora a territorialización da cota libre por mor dos abandonos impide que os nosos gandeiros podan adquirir a cota excedente, e negóciase o que pasará co 20% que podería ir a un fundo común. Mais só sería unha compensación parcial.

Neste contexto realizouse fai varios días unha protesta de Unións Agrarias, que teriamos de felicitar se tivera como finalidade principal denunciar esta grave situación, mais non foi así, senón que centrou as reivindicacións na Xunta de Galiza, desviando os tiros dos realmente responsábeis, e ignorando a oposición frontal da Consellaría de Medio Rural a esta medida negativa do Governo central. A manifestación foi importante, tendo en conta a actual debilidade numérica do sector, reflectindo a quentura existente.

Sempre pensei que a mobilización é a millor defensa das clases populares, e entendo que segue sendo valida mesmo cunha Xunta de Galiza máis favorábel aos intereses das maiorías, mais que ten unha composición complexa e actitudes que nalgúns sectores afonda ou non rectifica erros do pasado. Agora ben, neste caso houbo moita mala leite ao esixir a quen non corresponde. Non é a primeira vez que se procede deste xeito, e coido que tampouco será a última neste período preeleitoral, máxime cando as decisións dalgunhas organizacións pasan pola peneira do que diga Madrid.

 
 

Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG.

  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta