Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 11 de xaneiro de 2007

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino:
“É tan importante defender as condicións laborais como que o ensino sexa un elemento liberador do propio país”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Anxo Louzao, clic para aumentar
Anxo Louzao: “Os resultados das eleccións sindicais foron moi positivos. Non só mantivemos a maioría que tiñamos das anteriores senón que mesmo incrementamos a nosa representación tanto en votos –máis de 8.400- como en delegados –un total de 53-. Supón un aval para o modelo sindical nacionalista que representamos e o recoñecemento expreso ao traballo que desenvolvemos durante estes catro anos. Un período no que estivemos permanentemente a pé de obra, a carón dos conflitos e dos problemas que foron xurdindo, como constatan as máis de 14.000 asembleas que celebramos. Con esta representación teremos máis forza para actuar diante da Administración educativa e esperamos que a Consellaría de Educación asuma estes resultados, tome nota e acepte que ten que negociar connosco”.
 
CIG-Ensino vén de revalidar a súa maioría nas recentes eleccións sindicais mellorando mesmo os resultados acadados hai catro anos. Porén, o incremento en votos e en delegadas e delegados non é casual. O traballo desenvolvido foi o seu mellor aval. Anxo Louzao, secretario nacional da Federación, explica nesta entrevista en que se centrou a acción sindical no último período e salienta como estes resultados reforzan a posición da CIG para defender as reivindicacións do colectivo diante da Administración.


Paula Castro: No ano e medio transcorrido desde a celebración do IV Congreso da Federación de Ensino da CIG tense feito un inxente traballo. Como o avalía e que salientaría?

Anxo Louzao: Eu cualificaríao como diversificado, amplo e frutífero. Destacaría, en todo caso, o acordo retributivo que acadamos coa Administración. Un acordo froito da campaña de mobilizacións que desenvolvemos como organización sindical e que foi avalada por máis de 14.000 sinaturas do profesorado, que condicionou que a Consellaría de Educación se tivese que avir a negociar e que supuxo un incremento salarial lineal de 150 euros para todo o profesorado. Tamén temos que valorar outras pequenas melloras que conseguimos canto á conciliación da vida laboral e familiar e algunhas referidas á normalización lingüística, cando menos no referido ao traballo dos coordinadores e os equipos de normalización ou conseguir que o profesorado interino e substituto teña que cumprir co requisito de ter competencia en lingua galega. Alén diso, cómpre salientar que fomos quen de facilitar, contrastar, debater e mesmo levar a cabo mobilizacións a respecto da LOE. O noso traballo estivo e está sempre fundamentado no contacto permanente, coa celebración de asembleas constantes e a canalización das problemáticas colectivas e individuais do profesorado.

Paula Castro: CIG-Ensino non centra a súa actividade sindical exclusivamente no plano laboral. Que move á Federación a preocuparse por eses outros temas?

Anxo Louzao: Partimos de que a nosa organización sindical está inserida nun país sen soberanía e que, polo tanto, temos que desenvolver a maiores unha función non estritamente sindical, senón tamén unha función social e política, máis no ámbito nos que nos movemos, que é a docencia. A educación debe ser o motor de transformación dunha sociedade e nese sentido sabemos que estamos incidindo nun colectivo que ten nas súas mans a educación das novas xeracións e, xa que logo, o futuro do país, que vai estar moi condicionado por iso. Desde ese punto de vista é tan importante defender as condicións laborais e económicas dos docentes como defender que o noso ensino estea inserido na nosa sociedade e que realmente sexa un elemento liberador do propio país. De aí que grande parte do noso traballo, do noso esforzo e das nosas propostas vaia nesa dirección.

Paula Castro: Que aspectos concretos salientaría?

Anxo Louzao: Defendemos que o galego sexa a lingua vehicular e que a escola conte cuns currículos apropiados para a realidade do noso país. Iso pódese concretar nas diversas actividades que desenvolvemos xunto con outras organizacións, como a Mesa pola Normalización Lingüística ou a AS-PG, e na capacidade que temos de mobilizar todos os anos a máis de 30.000 alumnos na defensa do noso idioma no Correlingua ou que participen nas nosas actividades máis de 4.000 profesores ao ano. Actividades que teñen como obxectivo fundamental non só a actualización e a formación do profesorado, senón tamén a promoción da galeguización do ensino. Suplimos até o de agora á propia Administración educativa que non ten nin vontade nin consciencia de formar ao profesorado. Partimos de que o sistema educativo debe estar ao servizo do país e non reproducir actitudes colonizadoras.

Paula Castro: Lembro ademais actos de carácter cultural como as homenaxes a Manuel María ou recentemente a homenaxe ao profesorado represaliado durante o franquismo...

Anxo Louzao: Con respecto á figura de Manuel María como poeta nacional coido que fixemos unha programación do máis ampla que se podía facer dun escritor, desde un Congreso, até distintas publicacións, unidades didácticas ou a reedición de “Os soños na gaiola”. A respecto da recuperación da Memoria Histórica quixemos lembrar a aqueles mestres que foron represaliados. Pero tamén nos centramos noutras temáticas como historia, filosofía e mesmo música. De feito fixemos recentemente un congreso de Música Popular coa Asociación de Gaiteiros de Galiza... En síntese, do que se trata é de achegármonos a todos aqueles aspectos que teñen que ver co ámbito do ensino, porque a escola ten que ser reflexo do que ocorre na sociedade. Somos a única organización con capacidade, pola nosa propia orixe, para defender os intereses do profesorado desde o país e pensando na galeguización do ensino. Á fin, esa foi a razón pola que naceu o sindicalismo nacionalista no ensino e nós herdamos isto con moito orgullo.

Paula Castro: Facías referencia ás mobilizacións arredor da LOE. Como repercute esta lei no ensino ‘galego’ e en galego?

Anxo Louzao: Trátase dunha lei Orgánica que non concibe a existencia dun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüístico. Significou certos avances a respecto da LOCE, pero bebe do que eran os seus eixos fundamentais. O único que recolle é a posibilidade de fixar nun 45% os currículos nos distintos territorios do Estado, pero iso tamén é unha trampa. O 55% de ensinanzas mínimas que se definen a nivel de Estado é de tal amplitude que logo, na práctica, as comunidades autónomas non poden desenvolver a parte que lles correspondería. Esa parte, ademais, é obrigatoria e logo vai haber unha selectividade e unha prolongación de estudos e eses contidos van ser fundamentais.

Paula Castro: Que mellora con respecto á LOCE?

Anxo Louzao: Se cadra a terminoloxía centralista que tiña a LOCE desapareceu pero o certo é que con esta lei segue pendente o ensino laico, xa que a relixión segue a ser materia escolar, e segue pendente a participación democrática nos centros. Polo que respecta ao profesorado, estratifícao cada vez máis, e mesmo reforza a privatización do ensino. Tampouco non dá solucións satisfactorias ás reivindicacións fundamentais, a nivel laboral e profesional, como a valorización da función docente. De feito, maxisterio segue a ser diplomatura e non licenciatura. No que se refire ás ratios, resulta paradoxal que a LOGSE, que foi aprobada en 1990, marcara unhas ratios mínimas e a LOE, 16 anos máis tarde, fixa as mesmas ratios.

Paula Castro: Fronte ao modelo que consagra a LOE, cal é o que defende a CIG-Ensino?

Anxo Louzao: Nun estado descentralizado, o lóxico é que a LOE fose unha lei de bases na que se recollesen os aspectos fundamentais. Por exemplo, con respecto á xestión dos centros, que se definisen as figuras dun director/a, un secretario/a, un xefe/a de estudos e un consello escolar e que, a partir de aí, se definira a súa composición en Galiza. Por que ten que ter a mesma composición un Consello Escolar en Galiza que en Madrid?

Paula Castro: A respecto destes temas, que posición manteñen as outras centrais sindicais?

Anxo Louzao: A través dos medios de comunicación percibimos os posicionamentos do PP, que nestes temas é de ultradereita. O problema co que nos enfrontamos é que nos debates que se dan nos distintos órganos a nivel de Estado, no Consello Escolar ou na Mesa Sectorial, as organizacións sindicais españolas coinciden cos seus postulados. Van moito máis alá, cunha posición mesmo máis centralista que a propia Administración.

Paula Castro: Como afecta á convivencia da comunidade escolar a escasa participación da mesma na xestión dos centros?

Anxo Louzao: No que respecta á conflitividade no ensino, é un tema que está moi sobredimensionado. Hoxe nos centros escolares si hai unha certa preocupación porque ao incrementarse o tempo de ensino obrigatorio nunha idade difícil iso trae consigo máis conflitividade. Pero é unha conflitividade diferente da que se quere plasmar, sobre todo no caso de Galiza. Aquí non se trata de violencia entendida como agresións e, de feito, só a 3 de cada mil alumnos se lles abre expediente. Isto non quere dicir que non sexa un tema preocupante, porque si hai un grupo importante de alumnado que está desmotivado nas clases, que fracasa e que por iso molesta. A isto hai que lle engadir que o profesorado cada vez ten menos autoridade o provoca un importante desgaste que repercute na boa marcha dos centros. Iso hai que atallalo, primeiro diagnosticando a situación para logo buscar solucións, diminuír o número de alumnos por aula, desdobres, unha atención personalizada. Tamén hai falta de medios e de recursos para atallar esa desmotivación, esa conflitividade, esas poucas ganas de estar na escola. Dito iso, canto á participación, tamén ten relación con este tema, porque a resolución dos conflitos ten moitas vertentes e resulta obvio que sen a participación dos que todos os días se teñen que enfrontar con esta situación é difícil chegar a solucións. O profesorado ten cada vez menos participación, vese menos responsábel e, polo tanto, cada vez se cingue máis unicamente ao traballo de dar clase. Aquel que participa, que decide, tamén se corresponsabiliza. Porén agora atopámonos con que a xestión é máis como a dunha empresa privada que dun servizo público, onde deberían participar o profesorado, o persoal non docente e o alumnado, en función dos niveis educativos. Tamén temos que recoñecer que a escola está inserida na sociedade, non é unha illa e que nesta sociedade os valores que se transmiten a través dos medios de comunicación teñen que ver co éxito fácil e non os que defende a escola.

Paula Castro: A CIG-Ensino obtivo uns excelentes resultados nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar. Son consecuencia do traballo realizado?

Anxo Louzao: Os resultados foron moi positivos. Non só mantivemos a maioría que tiñamos das anteriores senón que mesmo incrementamos a nosa representación tanto en votos –máis de 8.400- como en delegados –un total de 53-. Supón un aval para o modelo sindical nacionalista que representamos e o recoñecemento expreso ao traballo que desenvolvemos durante estes catro anos. Un período no que estivemos permanentemente a pé de obra, a carón dos conflitos e dos problemas que foron xurdindo, como constatan as máis de 14.000 asembleas que celebramos. Con esta representación teremos máis forza para actuar diante da Administración educativa e esperamos que a Consellaría de Educación asuma estes resultados, tome nota e acepte que ten que negociar connosco.

Paula Castro: De cara ao próximo período, cales son os obxectivos para a Federación?

Anxo Louzao: Un obxectivo prioritario é negociar un Estatuto Galego do Profesorado que recolla as reivindicacións retributivas, de dereitos laborais, de xubilación anticipada... do profesorado galego. Preocúpanos o proxecto de Estatuto Docente do Estado na medida en que pretende estratificar o profesorado en oito graos, que nos pode imposibilitar termos aquí un estatuto propio e que invade as nosas competencias. Ademais, pularemos por conseguir a elaboración dunha lei para o sistema educativo galego que dea cobertura ás necesidades que ten o ensino no noso país desde a perspectiva dunha nova ordenación e que garanta o servizo a toda a cidadanía.

Outro aspecto é todo o que ten que ver co profesorado interino e substituto na medida en que é o colectivo que está máis en precario na función pública docente. Agardamos que, logo dos resultados das eleccións sindicais, a Administración tomase nota para reiniciar as negociacións para chegar como mínimo a un plano de estabilidade para este colectivo, e tamén desfacer as inxustizas retributivas que hai con eles: unha que cobren os sexenios igual que cobran os funcionarios e outra que se lles recoñeza, como se acaba de facer, o seu dereito a cobrar os trienios. Esta iniciativa da CIG foi trasladada a través do BNG ao Congreso dos Deputados. A organización nacionalista presentou unha emenda ao Estatuto da Función Pública que foi transaccionada polo PSOE no Congreso. Outro dos eixos do noso traballo vai ter que ver coa mellora das nosas retribucións e tamén a ampliación dos cadros de persoal. É necesario retomar a ampliación de cadros de persoal e que se teñan en conta as necesidades que dos centros, que se fagan posíbeis os desdobres, que haxa orientadores en todos os centros escolares, que o profesorado non imparta máis de 18 horas lectivas, que haxa tamén especialistas en todos os centros e que sexan dotados de outros perfís profesionais como son educadores sociais e administrativos na medida en que se incrementou o traballo burocrático e administrativo. Seguiremos insistindo na defensa do ensino público e contra a privatización. Preocúpanos que nos orzamentos de 2007 o 11% do diñeiro da Consellaría de Educación vaia para subvencionar os centros privados: 231 millóns de euros van ás arcas da empresa privada para subvencionar ese ensino.

Outro dos temas fundamentais é o da normalización lingüística. Vai ser un traballo prioritario conseguirmos un novo decreto de normalización que supoña un avance importante na impartición das aulas en lingua galega. Imos ser exixentes neste aspecto e non imos aceptar que o novo decreto non supoña un avance en lingua galega. Estamos dispostos a asumir que iso teña distintas etapas pero nesta etapa, queremos garantir o 70% a impartir en lingua galega, naqueles ámbitos onde a lingua dominante sexa o español, nos outros tense que impartir loxicamente en lingua galega. O novo decreto tamén debería recoller incentivos e reforzar a través da formación e da redución horario, a todo aquel profesorado que vaia impartir a súa materia en lingua galega. Pero fundamentalmente ten que facilitar o traballo aos equipos de normalización lingüística. É fundamental que os que formen parte dos equipos de normalización deben ter redución horario a a/o coordinador/a debe ter garantido como mínimo o que son tanto os dereitos administrativos como económicos dun xefe de departamento. Outro aspecto será avanzar no que son os dereitos da conciliación da vida laboral e familiar.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta