|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os actos reivindicativos arrincaron no Campo da Leña pouco despois das sete da tarde do pasado día 28. Á manifestación nacional organizada polos Siareir@s Galeg@s uníronse 2.000 persoas, que emprenderon unha marcha polas principais rúas do centro de A Coruña reclamando a oficialidade das nosas seleccións deportivas. O ambiente foi festivo, mais en ningún momento o forte ton reivindicativo esmoreceu e as consignas foron constantes. “Selección nacional na Galiza, oé!”, “Unha nación, unha selección!” ou “Galiza ceibe, poder popular!” foron os cánticos máis ouvidos entre os/as siareir@s. A manifestación decorría sen incidencias polas rúas coruñesas e tomaba rumbo cara ao estadio de Riazor, onde estaba previsto que rematase pouco antes de que dese comezo o partido. Ao chegar á Coiraza do Orzán, varios manifestantes pretenderon arriar a bandeira española que alí está instalada, gabeando polo mastro. Porén, non puideron desprendela porque, aos poucos minutos, varias dotacións de antidisturbios da policía española se presentaron no lugar e comezaron a cargar indiscriminadamente. As furgonetas dos uniformados circulaban a grande velocidade polo paseo marítimo da cidade, co risco de atropelar os peóns. Após minutos de moita tensión e de enfrontamentos coa policía, os manifestantes dispersáronse cara a zona do estadio e a marcha chegou ao seu fin.
O encontro foi moi igualado entre as dúas seleccións. Houbo ocasións para ambas, mais Ecuador foi a primeira en adiantarse no marcador, despois dun libre directo botado perfectamente por Calle e no que Roberto pouco puido facer para evitar que o balón se introducise nas mallas. O xogo dos galegos non amorteceu e a presión dos nosos foi constante, até conseguir o empate, logo dunha grande xogada elaborada por Diego Castro e executada por Pereira. Con este resultado se chegou aos noventa minutos regulamentarios. Galiza segue invicta mais, en noites como esta, o resultado, se cadra, é o de menos. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/01/2007 |
||||||
|