|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Son moitos os que están a atribuír esta actitude do PP ás consecuencias derivadas do escenario político que se dá a nivel estatal, coa dereita española afirmándose nun espazo cada vez máis dereitista e españolista. O que está a acontecer co proceso de paz iniciado en Euscadi, proceso hoxe realmente agonizante, é boa mostra da hostilidade do PP contra todo o que non sexa o seu ideario político, mesmo arriscándose á súa propia soidade como forza política. Unha estratexia na que levan perservando os conservadores españois desde a perda do poder político no Estado (e tamén en Galiza), incapaces de recoñeceren o veredito das urnas. Posibelmente sexa certo que esta actitude do PP no escenario estatal estea pesando á hora de facer a súa política en Galiza, á fin trátase dun partido con obediencia á dirección de Madrid e, hoxe por hoxe, a dirección do PP no noso país non parece contar con capacidade de decisión propia ou sequera cun certo grao de autonomía sen a supervisión dos inquilinos da madrileña rúa de Génova. Así e todo, o que tamén resulta evidente é a propia dirección do PP en Galiza é unha dirección política comandada polos sectores de menos sensibilidade galeguista da organización conservadora. Os Núñez Feijoo e compañía non son senón unha prolongación de Mariano Rajoy en Galiza (os do “birrete”), e polo tanto representan unha aposta claramente españolista, que se deixa notar á hora de facer política. Desde esa perspectiva, e a pesar das boas intencións da dirección do BNG por tentar apurar un novo marco estatutario para o noso país, non era difícil agoirar un camiño cheo de complicacións ou mesmo a chegada a un beco sen saída, como o que se acaba de producir tras a xuntanza de Monte Pío. A vontade real do PP neste proceso era nula, e só se foron deixando levar (á marxe das negociacións tampouco non ían quedar), agardando para pechar a cancela cando chegase o momento. E o momento chegou. As propostas do PP resultaron unhas exixencias inaceptábeis -tanto para PSOE como para BNG- e parten da súa incapacidade para entender e recoñecer xa non so o feito de ser Galiza unha nación -algo máis que constatábel, cando menos desde o punto de vista histórico-, senón tamén a negativa a asumir os trazos identitarios propios, como a nosa milenaria lingua, á que se negan a outorgarlle o rango legal que lle debería ser propio. Estes e outros escollos (lei electoral, organización territorial, etc) eran desde logo insalvábeis se o PP mantiña a súa intransixencia, como así o fixo, sabéndose avalado por unha legalidade que obriga a contar co seu concurso (os seus 37 deputados no Parlamento galego mandan) á hora de proceder a unha reforma do marco estatutario galego. Fálase agora de adiar o debate para mellores tempos, dada a relativa proximidade das eleccións municipais a celebrarse en maio deste mesmo ano e das eleccións ás cortes xerais españolas que, se se cumpren os prazos, terían lugar en maio de 2008. O que semella claro é que coa actual correlación de forzas na Cámara galega, e necesitándose dous terzos da devandita Cámara para modificar o Estatuto, calquera posibilidade de cambiar o marco estatutario está condenada ao máis sonoro fracaso se persiste a actitude da actual dirección do PP. En calquera caso, resulta curioso advertir os diferentes escenarios creados ao fío do debate territorial no Estado español no que se refire ás nacións galega, vasca e catalá. Dunha banda, Galiza, imposibilitada para reformar o marco estatutario por mor da negativa do PP a ir máis alá do estatus acadado hai 25 anos; doutra, Catalunya, comezando a desenvolver o seu novo Estatuto, menos ambicioso do que pactaran as forzas políticas no seu propio Parlamento; e no medio, Euscadi, que, á marxe do problema da súa propia territorialidade (Navarra...), viu freada nas Cortes españolas a súa proposta de novo Estatuto, emanado do Parlamento vasco. Tres nacións, tres situacións. Asimétricas, diferentes, diversas.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/01/2007 |
||||
|