|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Coñecedoras desta situación, varias organizacións e entidades (entre estas, a CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística ou as Ciberirmandades da Fala) realizaron diversas actuacións diante da Dirección do Hotel, que ao momento se comprometeu -e así o fixo- a solventar a situación, atribuíndo esa referencia discriminatoria respecto da nosa lingua a un “erro”. Erro ou non erro, a cuestión sitúanos no debate de fondo acerca do conflito lingüístico existente no noso país, conflito dado pola marxinación histórica que veu padecendo a nosa lingua, combatida e menosprezada desde as elites do poder. Aínda hoxe, unha proposta tan pouco ambiciosa (e en termos reais, seguramente de escasa eficacia para a normalización do galego) como que a lingua galega tivese un estatus xurídico á par do do español, así recoñecido na legalidade vixente, non resulta a asumíbel para un partido, o Partido Popular, que é incapaz de dixerir calquera avance ou calquera recoñecemento dos trazos identitarios da nación galega. Esta proposta, como digo tan pouco ambiciosa, era un dos puntos quentes na negociación do novo Estatuto de Galiza, que quedou adiado ‘sine die’ pola falta de vontade do PP e do seu máximo dirixente, Núñez Feijoo, perfectamente tutelado desde Madrid pola dirección estatal do partido dereitista encabezada por Mariano Rajoy. Resulta evidente que a proscrición do galego que existe nalgúns ámbitos da nosa sociedade, sobre todo nos que dependen propiamente das elites de poder (mundo económico, xudicial, etc), ten o amparo político e institucional de forzas como o PP. De aí que se faga necesario unha forte acción, o máis coordinada posíbel, das organizacións, movementos ou entidades que compartimos a loita diaria pola dignificación e normalización do noso idioma fronte ás agresións que este recibe, porque á fin e ao cabo os que as recibimos somos nós, os falantes e defensores da normalidade lingüística do galego. No seu día, cando se puxo en marcha a Lei de Normalización Lingüística de Galiza, foi o PSOE a través do daquela delegado do Goberno (e paradoxalmente naquela altura, presidente da Real Academia Galega), Domingo García Sabell, quen -vía tribunais- debilitou o estatus xurídico do galego, rebaixándoo a un segundo nivel respecto do español. E tomamos nota. Hoxe tamén debemos tomar nota -colectivamente- da actitude do PP no que ten a ver coa nosa lingua. A Dirección do Hotel da Toxa que se mencionaba arriba foi quen de rectificar. Se cadra, porque tiñan vontade de facelo; se cadra, porque sentiron na caluga o alento dos que non renunciamos a exercer os nosos dereitos lingüísticos e moitos menos imos permitir que se vexan tripados e vulnerados. Cobra importancia, máis unha vez, que sexamos conscientes das nosas propias posibilidades para traballarmos en favor da lingua galega e do seu proceso de normalización social. Un dos compromisos históricos que o nacionalismo galego sempre asumiu e unha das súas propias razóns de ser.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2007 |
||||
|