|
Actualidade CIG-Comunicación-
Salustiano Guerra, secretario da Unión Local de O Porriño, presentou esta asemblea que definiu como “un acto de solidariedade de clase, porque estamos inmersos nunha campaña a prol dos dereitos dos traballadores/as do sector da Pedra”. A continuación, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, fixo referencia á posta en marcha e activación da Caixa de Resistencia e Solidariedade da CIG desde este 1 de xaneiro, e o comezo dunha campaña de información sobre esta proposta da CIG, polo que fixo un chamamento á difusión do material (carteis e trípticos sobre a caixa de resistencia) en todos os centros de traballo para que se coñeza “esta importante ferramenta en todos os conflitos laborais nos que precisemos facer uso do dereito á folga para gañalos e que a CIG é o único sindicato en Galiza que conta con unha caixa de resistencia activa”. Abraldes tamén informou á Asemblea sobre as consecuencias da carga policial do final da manifestación do Primeiro de Maio de 2005, lembrando a “actuación irresponsábel e desmesurada da Policía”, que baixo a escusa de deter a unha xente “que irrompeu na nosa manifestación”, feriron a varios compañeiros e detiveron a dous deles (un delegado sindical e un afiliado a Metalships). Hai unha semana coñeceuse o escrito de acusación do Fiscal que pide dous anos de prisión a cada un destes compañeiros por atentado contra á autoridade e unha serie de multas. A CIG presentou catro denuncias daquelas contra a actuación policial, sostidas con medios gráficos, e en primeira instancia foron todas arquivadas. Abraldes anunciou que ao redor do xuízo vai haber unha campaña de denuncia da actitude policial, porque “non ten sido este o único problema; tamén na folga do metal houbo unha acción desproporcionada e brutal contra os traballadores/as en folga”, e para a CIG “estas actitudes hai que combatelas e non pode ser gratuíto”. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explicou nesta Asemblea ás razóns que levaron ao Consello Confederal da CIG a tomar a decisión de abandonar ás mesas de diálogo social abertas en Santiago coa Administración autonómica, que carecían de propostas concretas despois de moitos meses de traballo. Seixo engadiu que “por moito que nos estean a vender todos os días que o tema do emprego en Galiza vai moi ben, a realidade é moi outra: continuamos a ter os índices de desemprego máis altos do Estado, a precariedade laboral móvese e niveis superiores ao 30% e os altos índices de emigración están ai presentes. Entendemos que aquí hai moitas cousas que facer, requírense outro tipo de políticas, investimentos en investigación e innovación tecnolóxica, en infraestruturas”. Por último, Xoán Xosé Melón, secretario nacional da Federación da Construción, rematou esta Asemblea informando da convocatoria da manifestación pola saúde laboral dos traballadores da Pedra o vindeiro xoves 25 de xaneiro, e que sairá ás 20:00 horas da Casa Sindical de O Porriño. Melón explicou todo o traballo que desde a CIG se ven desenvolvendo coas reclamacións e demandas dos traballadores da Pedra que se ven afectados polas duras condicións de traballo, que provoca enfermidades tan graves como a silicose, mais tamén outro tipo de afeccións para a saúde como a xordeira ou o estrés térmico. Todo isto realizando unhas xornadas de traballo longas e mal retribuídas. Neste sentido, incidiuse na necesidade da conformación do Convenio Galego da Pedra. Melón presentou as propostas que se presentan ante as Administracións estatal e galega para mellorar e dignificar a situación dos traballadores da Pedra, así como denunciou o papel das mutuas e a Fiscalía que é de total inoperancia e ollar para outro lado mentres se vulneran os dereitos dos traballadores. Pasadas as once e media da mañá, os delegados e delegadas sindicais presentes nesta asemblea comezaron unha marcha polas rúas de O Porriño baixo a faixa de cabeceira que levaba por lema: “Pola mellora da saúde no sector da Pedra: silicose, solución xa!”. Cos berros de “silicose nunca máis” ou “seguridade no posto de traballo”, esta marcha servía tamén para o reparto de publicidade e manifestos da mobilización entre ás xentes de O Porriño, convocando así tamén a manifestación do vindeiro xoves. Esta marcha remataba na Praza do Concello coa lectura dun manifesto por parte dun dos traballadores das canteiras de O Porriño no que esixía “solucións inmediatas a esta grave problemática”, así como facía un chamamento á acudir á manifestación pola seguridade laboral dos traballadores da Pedra do 25 de xaneiro porque ”a experiencia nos demostra que só a masiva participación de todos e todas nas mobilizacións fai posíbel que as reivindicacións sexan escoitadas”. |
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/01/2007 |
||||||||||||||||||
|