Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 3 de xaneiro de 2007

O proceso non era de paz senón xudicial para o Estado
Proceso de paz entre ETA e o Goberno español
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cartaz nunha rúa en Leikeitio, clic para aumentar
Cartaz nunha rúa en Leikeitio dos presos vascos. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Noutrora, os xudeus, para “limpar” as súas culpas degolaban unha cabra ou un año, e este era o receptor de todo o malo, das vergoñas e senvergoñas das súas vidas; chamábanlle o chivo expiatorio.

A humanidade desfíxose das cabras e años e comezou a degolar pobos, nacións, homes e mulleres inocentes e todo continúa igual, sen culpábeis e con máis e máis mortos que a ninguén doen. Agora o chivo expiatorio, neste mal chamado proceso de paz, que nunca progresou e que si procesou, é a verdade. Eu, non hai que ler entre liñas, coido que o alto ao fogo xa fora roto hai tempo polo Goberno do Estado ou se cadra polo Estado sen o Goberno. A inicua condena de máis de 12 anos a Iñaki de Juana Chaos por dous artigos foi un dos primeiros avisos... e ninguén dixo nada. Outro foi a continua detención de membros de ETA no Estado francés.

Outro sinal de que o Goberno estaba “negociando” pero dun xeito moi raro, foi o non achegamento dos presos ao seu lugar de orixe (esixencia simplemente humanitaria) e a “revisión” (eufemismo por meter máis anos) das condenas de todos aqueles presos que están a piques de saír por cumprimento da condea dos cárceres españois. Esta “revisión” para engadirlles máis anos de cárcere é antixurídica e propia dunha ditadura na que a lei é un adorno e os principios elementais do Dereito unha burla.

  Bandeira española praza Colón, clic para aumentar
Bandeira xigantesca na praza de Colón en Madrid. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Coido que os medios de comunicación e o Partido Popular, por ignorancia ou por intoxicación, facían fincapé en temas da negociación que todos sabemos non eran temas a ser tratados ou principais dentro da negociación actual, senón teimas da intoxicación mediática e dos partidos políticos españois. O principal tema de negociación, agora, entre ETA e o Goberno do Estado español debe ser o tema dos presos e non se Navarra vai incorporarse ou non a Euskadi. E cando falamos de presos e o seu problema estamos falando dun tema que foi moi mal levado por este Goberno socialista e aínda peor polos anteriores gobernos socialistas. A dispersión de presos de ETA e o castigo e mortes na estrada, máis de 16, que representa ir visitalos ten nome de ministro socialista por decreto de 1987 en Consello de Ministros.

O mesmo PSOE, ante a súa incompetencia, recoñeceu que o Partido Popular achegou presos a Euskadi cando foi a anterior tregua e excarcerou aos que cumpriran as súas respectivas condenas. Mais que manchar ao Partido Popular con esas declaracións deixou dúas cousas claras: que o Goberno do Partido Popular fixo mellor as cousas con respecto a ETA e que o Goberno do Partido Socialista Obrero Español non sabe facelas.

Entendemos que era preciso facer algún acto externo para amosar vontade de dialogo. Non se pode negociar detendo aos interlocutores, pois unha vez todos presos non hai necesidade de diálogo.

A estas alturas non sabemos medir o grao de responsabilidade do Goberno socialista ante a bomba de Madrid. Agardaron meses para chegar a este resultado, e digo agardaron porque claramente non fixeron ren ademais de poñerlle unha sonda á forza a Iñaki de Juana pola súa folga de fame e denegar a reagrupación de presos.

Chegamos ao cumio da infamia cando escoitamos ao partido da oposición dicir que este estado de cousas é debido á negociación, cando todos sabemos que chegamos a este estado de cousas, precisamente, pola falta de negociación.

Somos moitos os cidadáns deste Estado que desexamos a paz dialogada, a cesión e a intercesión. O cumprimento das leis e a seguridade xurídica nas sentenzas. Non entendemos o dialogo como o agravamento das penas, a detención de interlocutores ou a imposición de penas accesorias ás familias dos detidos ou a imposibilidade de presentarse de xeito pacífico a calquera elección democrática por parte de determinadas ideas.

Chega un momento en que sabemos quen colocou a bomba, mais dubidamos da autoría daqueles que levan a outros a non ter outra saída que a violenta por quitarlles, como diría Blas de Otero, a paz e a palabra.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta