|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Rafa Iglesias: O problema que temos en Pontevedra é que nalgunhas empresas temos máis delegados e delegadas que nalgunhas federacións, e aínda que a afiliación é grande, potencialmente podería incrementarse moitísimo máis. Temos tido caso de delegados/as que nin tan sequera estaban afiliados porque cando veñe o proceso de eleccións moitas veces hai que constituír candidaturas e falas cos afiliados e afiliadas e unhas veces os propios afiliados/as non queren ser delegados/as, outras veces son comités nos que hai unha introdución feble... A CIG ten máis influencia na realidade e máis delegados potenciais en moitas empresas que o nivel de afiliación que ten. Nese sentido, as veces hai unha cuestión equivocada nos nosos axentes sindicais, liberados e membros do Comité nun xeito algo paternalista e o tema da afiliación hai que tomalo con total seriedade. É un tema do que hai que falar tamén nas asembleas, ademais das problemáticas concretas e dos convenios, nas visitas ás empresas hai que falar da afiliación, da caixa de resistencia. Déronse directrices na Dirección comarcal e nas asembleas de delegados e delegadas que temos tido a nivel comarcal temos feito fincapé varias veces e iso nótase. A CIG está a medrar, e espero que vaia ao ritmo similar do que vai no resto do país. Tamén é importante que se remate de facer o proceso de organización que aínda está pendente nalgunhas federacións despois do Congreso. É un traballo que non luce pero o traballo de organización e afiliación é importantísimo para a central sindical porque a medio prazo se dan resultados moi positivos.
Rafa Iglesias: Este ano na Comarca de Pontevedra é o máis forte das eleccións sindicais porque no período que vai de 01/01/2004 a 31/12/2007, o ano 2007 representa nese período o 70% de todas as eleccións. Ate o 31 de decembro do 2006 foinos ben, incrementamos comparativamente con hai 4 anos dous puntos pero no 2007 nos temos algún que outro axente sindical de baixa, estamos a contratar a xente, porque estamos detectando que CCOO e UGT están a contratar a moita xente nova, e están a ofrecer CCOO e UGT cursos, carnés de primeira, informática, teñen co tema este da reforma laboral e da seguridade social eu penso que o Goberno lle deu vía formación un montón de recursos económicos e nós ai nese campo é pelexar unha gamela contra un portaavións. Entón ou explicamos en asembleas os convenios colectivos, que normalmente asinan eles, e o que é a reforma laboral e a reforma da seguridade social e con argumentos para que os traballadores e traballadoras entendan, ou senón eu teño claro que non nos vai ser fácil a competencia sindical. Os comités grandes aquí en Pontevedra poden supor o 5%, pero a gran maioría dos delegados e delegadas veñen determinados polas estruturas de pequena e mediana empresa. Son entre 1 e 50 traballadores, e elixen de 1 a 3 delegados, maioritariamente 1. Moitas destas empresas teñen unha estrutura familiar e depende desa estrutura o resultado das eleccións. A CIG dentro dos sindicatos ao sermos un sindicato reivindicativo pois contando con que o empresariado ten unha grande influencia ideolóxica da dereita e a grande maioría das empresas non son neutrais. Estas son algunhas das dificultades coas que nos imos atopar. Nós marcámonos como obxectivo chegar aos 700 delegados e delegadas. Estábamos hai catro anos en 642. A competencia é moito máis grande que noutros anos. Aquí temos que ver que na comarca natural de Pontevedra (comarca e arredores) temos unha boa posición, pero logo nos queda o que é A Estrada-Deza (no Deza coa importancia fundamental do téxtil con empresas grandes e comités, onde a UGT está moi introducida por unha fundación do téxtil que teñen e moi boa relación coa patronal), e o Salnés, que aínda que mellorou nos últimos tempos, UGT e CCOO sácannos aí uns corenta delegados e delegadas. Aínda que cada proceso electoral achegámonos máis, indo cara un empate técnico nesta unión local. Como estamos nuns niveles altos de representación sindical, é complicado avanzar moito máis. Zélia García: Tedes detectado cal son os principais problemas a nivel sociolaboral desta comarca? Rafa Iglesias: Na comarca temos falta de solo industrial, porque o polígono industrial do Campiño está saturado. O polígono de Barro Meis sería un polígono grande e ben comunicado, que precisamos que se poña xa en marcha. Dentro da nosa problemática, que contou con mobilizacións importantes, está o traslado de Ence. Nós defendemos os postos de traballo e o ciclo completo, e defendemos o traslado. Por parte da Consellaría de Industria neste tema hai unha actitude positiva, de facilitar o traslado; de feito, eles no seu día deron a posibilidade do traslado a Barro Meis. Touriño, como presidente da Xunta, quedou daquelas en dar nun prazo de quince días o lugar da ubicación pero non o deu. Pasou un ano e a Xunta aínda non deu alternativas. No demais, a situación económica de Pontevedra e Marín descansa basicamente no sector da construción e hai algunhas empresas do metal, o porto de Marín e logo sector servizos. O porto de Marín en Pontevedra creceu bastante ultimamente cos instalación de industrias importantes. Algúns axentes sociais reclaman unha maior industrialización de Pontevedra pero resulta difícil tendo en conta que ten ao lado o corazón industrial de Galiza que é Vigo, a só 30 km. Nós estamos dentro da área industrial, mesmo con empresas auxiliares de Citroën que veñen para aquí, pero non podemos tentar ser líderes. Estamos pendentes do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal. A nivel social, a xente está preocupada polo debate que xurdiu polo colapso das urxencias e a necesidade dun hospital único, ben comunicado e ben dotado para Pontevedra. Zélia García: Factores como a precariedade e sinistralidade tamén teñen unha importante presencia nesta comarca? Rafa Iglesias: No tema de precariedade e sinistralidade vemos que Pontevedra ai non é unha illa, é unha realidade moi coordinado co que é o resto de Galiza. De cada 100 contratos coa reforma laboral e con todas as subvencións enormes que teñen as empresas, hai 88 eventuais e 12 indefinidos. No tema da sinistralidade hai a comezos de 2006 unha época os seis primeiros meses que houbera accidentes mortais, sobre todo na construción, e agora baixou afortunadamente. Algo que detectamos nos accidentes laborais é que se dan onde as condicións de precariedade son máis grandes. No naval debido á presión sindical, sobre todo da CIG, porque cando hai mortos hai manifestacións e paros, as empresas contrataron a unha persoa que antes non había para que controle o tema da saúde laboral. É importante nese sentido o papel da Administración, polas Inspeccións de Traballo. No sector do mar neste sentido de saúde laboral queda moito por facer, e hai ai moita responsabilidade dos capitáns e armadores. Zélia García: Que conflitos e cuestións de acción sindical houbo importantes neste último ano? Rafa Iglesias: A CIG neste ano pasado estivo na negociación do convenio de Comercio e Alimentación, que abrangue a todos os supermercados da provincia, con empresas importantes na comarca. Fixéronse asembleas neste tema e tamén polo conflito das ambulancias, onde a CIG ten unha presenza moi importante no sector. Agora vai comezar a negociación colectiva do convenio de Trebes, empresa auxiliar de Citroën que está polo convenio do téxtil, e que nós esperamos que mellore as condicións económicas e laborais dos traballadores e traballadoras, que xa viñamos mellorando con acordos de empresa, pero estabamos dentro do marco estatal do Convenio do Téxtil que esperamos superar. En temas de Arousa están as deslocalizacións de empresas e o futuro da empresa Alfageme, que foi comprado e agora colleron as accións outros. A CIG defende aí os postos de traballo. Estivemos en Lalín, estivo a compañeira Rosa Abuín, no tema de Toypres (empresa de roupa de mulleres para clase media-alta), con unha campaña que tivo aí a UGT tremendamente radical que non entendiamos a que viña e que parecía que quería que pechara a empresa. Houbo unha negociación, un expediente de regulación de emprego, e quedaron unhas indemnizacións e parte do persoal queda ben resolto o seu conflito. Zélia García: E ten participado noutro tipo de accións e reivindicacións sociais? Rafa Iglesias: A CIG, fóra do ámbito estritamente sindical, ten participado na Plataforma pola Supresión da Peaxe, vai apoiar a manifestación a favor dun hospital único para a comarca de Pontevedra. A CIG xunto ao movemento veciñal e a Federación Castelao ten participado en varias plataformas desde a batalla dos lumes, o Nunca Máis ou contra a guerra. Tamén nunha mobilización que houbera aquí no campus para que houbera competencias, tamén estivemos aí apoiando. Na vida social e política da comarca participamos activamente. Zélia García: Para rematar, que valoración se realiza desde a Secretaría Comarcal do traballo sindical realizado e que perspectivas hai cara o futuro? Rafa Iglesias: As veces acertamos e as veces non, pero por ganas e por traballo non é. No futuro, o obxectivo pasa por tentar consolidar o proxecto sindical da CIG, que teña máis forza, en afiliación, mellor organizado. Temos o problema de que as federacións abranguen a determinados sectores produtivos, e aquí nalgúns estamos ben posicionados pero noutros somos febles. Comparativamente con unha cidade como Vigo, que é unha cidade que nos supera en poboación e industrialización, para nós é máis difícil organizarnos, ter cadros, pola estrutura dimensional de pequena e mediana empresa. Bótanselle ganas, a nova Executiva Comarcal está con ganas de traballar, o obxectivo inmediato é avanzar na negociación colectiva e tentar incrementar a representación sindical e consolidarnos. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/01/2007 |
||||
|