|
Actualidade CIG-Comunicación-
«O director xeral, coas súas declaracións, dá mostras de estar totalmente fóra da realidade laboral que se vive hoxe en Caixa Galicia: dende hai un ano a empresa está atravesando por un conflito laboral motivado pola posta en marcha dun novo modelo organizativo propio do peor dos Bancos. José Luís Méndez está reestruturando a empresa co fin de privatizala mediante a saída á Bolsa das cotas participativas. A modo de exemplo, o pasado ano 2006 en torno a 400 apoderados/as foron trasladados, cesados ou presentaron a dimisión, sobre un colectivo de algo máis de 2.000 persoas. No caso do persoal administrativo non hai datos, xa que son movementos que non pasan polo Consello de Administración da Entidade. Dende a Confederación Intersindical Galega, sindicato maioritario nesta empresa en Galiza cunha representatividade do 48%, vimos realizado mobilizacións sindicais dende o mes de xuño do 2006, con concentracións en Compostela, Lugo, Pontevedra e multitudinarias Asembleas de traballadores e traballadoras en Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Compostela, Ferrol e A Coruña. A última protesta laboral tivo lugar o pasado día 20 de xaneiro, cando a CIG e CCOO concentrámonos conxuntamente ante a Convención Anual de Directores/as de Caixa Galicia para denunciar a presión e o acoso laboral a que está sometido o cadro de persoal. Parte da presión ten como obxectivo que o persoal estenda ilegalmente a súa xornada laboral polo serán, feito que dende a CIG temos denunciado en numerosas ocasións ante as Inspección de Traballo, a última o pasado día 5 de febreiro. Pretender empeorar as condicións laborais do persoal de Caixa Galicia, como anunciou o director xeral, só pode supoñer dar un salto cualitativo no conflito laboral que arrastramos dende hai un ano. Neste senso, dende a Confederación Intersindical Galega anunciamos que non negociaremos a extensión do horario en Caixa Galicia e que, en todo caso, non desbotamos a convocatoria dunha Folga na empresa ante a difícil situación que está a vivir o cadro de persoal baixo a dirección de José Luís Méndez.
|
||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/02/2007 |
||||||||||||||||||||||||
|