|
Actualidade CIG-Comunicación-
A inauguración puxo punto final a un proxecto de cooperación sindical entre a Confederación Intersindical Galega (CIG) e a central sindical cubana, que se desenvolveu ao longo de varios meses con resultados plenamente satisfactorios. A xénese desta cooperación hai que situala no 2005, cando a CTC de Cuba prantexa á CIG o seu interese en ser obxecto dunha actuación semellante á que a central nacionalista galega tiña realizado en Guinea-Bissau no 2004. A proposta cubana foi examinada e avaliada tecnicamente, chegándose á conclusión de que a actuación da CIG era posíbel e útil. Nunha etapa posterior xa no 2006, a Executiva Confederal da CIG deu a súa conformidade ao proxecto e a partir deste momento procedeuse ao deseño técnico final e a solicitar financiamento á Dirección Xeral de Cooperación. Finalmente a Xunta seleccionou o proxecto como subvencionábel, destinando para elo 141.800 euros. Campo solar, acumuladores, inversores e cadros de control son os elementos principais do sistema instalado. O campo solar está formado por 86 paneis montados en 11 soportes instalados na azotea do edificio da sede central da CTC na Habana. A enerxía xerada é almacenada en 24 acumuladores baixo a forma de corrente continua e posteriormente transformada en alterna a 110 voltios e 60 herzios. O sistema está deseñado para responder ás necesidades lumínicas e ofimáticas dos despachos e oficinas das 17 áreas de traballo do Secretariado Nacional da CTC, así como garantir subministro eléctrico ao servidor que conecta a rede informática da CTC en todo Cuba. Con todo, os aspectos máis importantes do sistema instalado hai que situalos na calidade da enerxía subministrada e na seguridade do subministro. Calidade en canto que calquera outra entrada enerxética (rede eléctrica, xerador fuel...) vaise realizar a través dos inversores do sistema e isto garante que a corrente que chega aos aparellos eléctricos e informáticos é senoidal pura, sen crestas nin oscilacións temporais. Esta cuestión no é un problema menor: as oscilacións no subministro enerxético producían ate o de agora numerosas e graves avarías. Unha segunda característica é a seguridade na continuidade do subministro enerxético. En caso de corte eléctrico externo (apagón ou avaría), o sistema garante que a alimentación eléctrica se manterá a pleno rendemento por espazo de 10 horas. Na práctica, a seguridade é maior pois de ocorrer de día o corte enerxético, o sistema continua alimentando aos acumuladores e se o corte é nocturno as necesidades son menores ao estar fechadas moitas das oficinas. Este proxecto de cooperación CIG-CTC tivo tamén outra significación máis política ao ser un aporte sindical ás actividades desenvolvidas durante o ano 2006, declarado polo Goberno cubano “ano da eficiencia enerxética”. Nun escrito de agradecemento dirixido á CIG, a CTC sinala que “a solidariedade e a amizade que durante estes tempos difíciles temos recibido de vostedes, tomou hoxe a luz do sol para iluminar o noso edificio e posibilitarnos a oportunidade de contribuír ao desenvolvemento enerxético do país”. No mesmo escrito lese tamén: “A Central de Traballadores de Cuba expresa o seu agradecemento polo esforzo realizado na materialización do Proxecto Introducción e Promoción das fontes de Enerxías renovábeis na CTC Nacional, que forma parte das prioridades do Movemento Sindical Cubano”. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2007 |
||||
|